ARTIGO DE ESTUDO 33
CANCIÓN sn 22 Xehová coida de min
Podes estar seguro de que Xehová te quere
“[Atraínte] a min con amor leal” (XER. 31:3, TNM).
OBXECTIVO
Ver por que é importante crer que Xehová nos ama e como podemos estar máis seguros disto.
1. Por que decidiches dedicarte a Xehová? (Ver tamén a imaxe).
ACÓRDASTE de cando te dedicaches a Xehová? Tomaches esa decisión porque chegaches a coñecelo e a querelo. Prometícheslle que o poñerías en primeiro lugar na túa vida e que o seguirías querendo con todo o teu corazón, a túa alma, a túa mente e as túas forzas (Mar. 12:30). Desde aquel momento, o teu amor por el foi crecendo máis e máis. Entón, que responderías se alguén che preguntase: “Estás seguro de que queres a Xehová?”. Sen dubidar dirías: “Quéroo máis que a nada no mundo!”.
Acórdaste do amor que sentías por Xehová cando te dedicaches a el e te bautizaches? (Ver o parágrafo 1).
2, 3. De que quere Xehová que esteamos seguros, e que veremos neste artigo? (Xeremías 31:3, TNM).
2 Pero, e se che preguntasen: “Estás seguro de que Xehová te quere a ti?”. Dubidarías ó contestar, quizais porque pensas que non mereces o seu amor? Unha irmá que tivo unha infancia difícil conta: “Sei que eu quero a Xehová. Non teño ningunha dúbida sobre iso. Pero o que si me pregunto a miúdo é se el me quere a min”. Entón, que sente realmente Xehová por ti?
3 Xehová quere que esteas seguro de que el te quere moito (le Xeremías 31:3, TNM). A verdade é que el foi quen te atraeu a el. E cando te dedicaches a el e te bautizaches, recibiches algo moi especial e precioso: o seu amor leal. Este é un amor profundo e duradeiro. Motívao a ver os seus servos leais, incluído ti, como a súa “posesión valiosa” (Mal. 3:17, nota, TNM). Xehová quere que esteas tan seguro de que te quere coma o estivo o apóstolo Paulo. El estaba tan seguro de que Xehová o amaba que escribiu: “Estou convencido de que nin a morte, nin a vida, nin os anxos, nin os gobernos, nin as cousas de agora, nin as cousas que virán, nin os poderes, nin a altura, nin a profundidade, nin ningunha outra creación poderá separarnos do amor de Deus” (Rom. 8:38, 39). Neste artigo veremos por que necesitamos fortalecer a nosa convicción de que Xehová nos quere e que pode axudarnos a facelo.
POR QUE NECESITAMOS ACEPTAR O AMOR DE XEHOVÁ
4. Como podemos loitar contra unha das trampas de Satanás?
4 Ó aceptar o amor de Xehová, podemos loitar contra unha das “trampas” de Satanás (Ef. 6:11). Satanás fará calquera cousa por evitar que sirvamos a Xehová. Unha das súas trampas é promover a mentira de que Xehová non nos quere. Nunca esquezamos que o Demo é un oportunista. El atácanos a miúdo cando estamos vulnerables, quizais afundidos emocionalmente por vivencias do pasado, por problemas actuais ou polas inseguridades do futuro (Prov. 24:10). El é coma un león buscando atacar a súa presa indefensa. Así que intentará aproveitar cando esteamos débiles, cansados ou tristes para que nos deamos por vencidos. Pero se seguimos fortalecendo a nosa confianza en que Xehová nos quere, estaremos ben equipados para loitar e poñernos en contra del e das súas astutas trampas (1 Ped. 5:8, 9; Sant. 4:7).
5. Por que é tan importante que nos sintamos queridos e valorados por Xehová?
5 Ó aceptar o amor de Xehová, podemos acercarnos máis a el. Vexamos por que podemos afirmar isto. Xehová creounos coa necesidade de amar e de ser amados. A nosa resposta natural ó amor é amar. Así que, canto máis queridos nos sentimos por Xehová, máis o quereremos a el de volta (1 Xoán 4:19). E mentres vaia crecendo ese amor que temos por el, máis crecerá o amor que ten el por nós. Isto vese claramente no que nos di a Biblia: “Achegádevos a Deus e El achegarase a vós” (Sant. 4:8). Como podemos entón estar máis seguros de que Xehová nos ama?
QUE PODE AXUDARCHE A ACEPTAR O AMOR DE XEHOVÁ?
6. Para aceptar o amor de Xehová, que lle podemos pedir en oración?
6 Sé específico e persistente nas túas oracións (Luc. 18:1; Rom. 12:12). Pídelle a Xehová que che axude a verte como el te ve, e se é necesario faino moitas veces cada día. Claro, ás veces podes sentirte tan mal contigo mesmo que se che fai difícil crer que Xehová te quere. Pero recorda que Xehová é máis grande que o teu corazón (1 Xoán 3:19, 20). El coñécete mellor que ti mesmo e ve o que ti non podes ver (1 Sam. 16:7; 2 Crón. 6:30). Así que non dubides en abrirlle o teu corazón e contarlle como te sentes para pedirlle que che axude a aceptar o seu amor (Sal. 62:8). Despois de orar, é importante que fagas as seguintes cousas.
7, 8. Como nos aseguran os Salmos que Xehová nos quere?
7 Podes confiar no que Xehová di na súa Palabra. El inspirou os escritores da Biblia para que o describisen tal e como é. Nun dos Salmos, David describiuno desta maneira tan bonita: “Xehová está cerca dos que teñen o corazón feito pedazos; salva os que están afundidos no desánimo” (Sal. 34:18, TNM). Pode ser que cando esteas moi triste sintas que estás só, pero Xehová prométeche que neses momentos está cerca túa porque sabe que o necesitas máis que nunca. Noutro salmo David escribiu: “Recolle as miñas bágoas no teu odre” (Sal. 56:8). Xehová ve cando o estás pasando mal e preocúpase de verdade por ti e polo que estás pasando. Igual que cada gota de auga nun odre era moi valiosa para alguén que viaxaba por un deserto, as nosas bágoas son moi valiosas para Xehová e recorda cada vez que o pasamos mal e choramos. No Salmo 139:3 David díxolle a Xehová: “Os meus camiños sonche todos familiares”. Xehová ve tódolos teus camiños, pero céntrase no bo que fas (Heb. 6:10). Por que? Porque valora cada esforzo que fas por agradarlle.a
8 Mediante estes textos da Biblia tan animadores, Xehová está dicíndote: “Quero que saibas canto te quero e me preocupo por ti”. Pero, como aprendemos antes, Satanás quere que creas a mentira de que Xehová non te quere. Así que se ás veces dubidas sobre o que sente Xehová por ti, fai unha pausa e pregúntate: “A quen crerei: ‘o pai da mentira’ ou ‘o Deus da verdade’?” (Xoán 8:44; Sal. 31:5).
9. Que lles asegura Xehová ós que o aman? (Éxodo 20:5, 6).
9 Medita no que sente Xehová polos que o aman. Analicemos o que lles dixo a Moisés e ós israelitas (le Éxodo 20:5, 6). Xehová promete que lles seguirá mostrando amor leal ós que o aman. Estas palabras asegúrannos que o noso Deus leal nunca se nega a amar a alguén que o ama a el (Neh. 1:5). Así que se algunha vez dubidas de se Xehová te ama, pregúntate: “Amo eu a Xehová?”, e logo pensa nisto: se o amas e te esforzas ó máximo por facelo feliz, podes ter a seguridade de que el te quere moitísimo (Dan. 9:4; 1 Cor. 8:3). Noutras palabras, se tes claro que amas a Xehová, por que dubidar de se el te ama? Podes estar completamente seguro de que te ama e de que nunca te abandonará.
10, 11. Como quere Xehová que vexas o rescate? (Gálatas 2:20).
10 Medita no rescate. O sacrificio de rescate de Xesucristo é o maior regalo que Xehová lle deu á humanidade (Xoán 3:16). Pero, enviou Xehová ó seu Fillo a morrer por ti? Claro! Vexamos a experiencia do apóstolo Paulo. Recorda que el cometeu varios pecados graves antes de facerse cristián e tiña que seguir loitando contra as súas imperfeccións (Rom. 7:24, 25; 1 Tim. 1:12-14). Aínda así vía o rescate coma un regalo que Xehová lle fixera a el persoalmente (le Gálatas 2:20). Non te esquezas de que Xehová inspirou a Paulo para rexistrar esas palabras. E todo o que está na Biblia é para que nós aprendamos (Rom. 15:4). As palabras do apóstolo demostran que Xehová quere que ti vexas o rescate coma un regalo persoal que El che fixo. Cando chegues a velo desta maneira estarás máis seguro de que Xehová te quere a ti persoalmente.
11 Agradecémoslle a Xehová que enviase a Xesús á Terra a morrer por nós. Pero outra razón pola que veu foi para contarlles a outros a verdade sobre Deus (Xoán 18:37). Esa verdade inclúe o que sente Xehová polos seus filliños.
COMO NOS AXUDA XESÚS A ACEPTAR O AMOR DE XEHOVÁ
12. Por que podemos crer no que Xesús contou de Xehová ?
12 Cando estivo na Terra, Xesús desfrutou de ensinarlle á xente que tipo de persoa é Xehová (Luc. 10:22). Podemos crer no que Xesús contou sobre Xehová. Por que? Despois de todo, viviu xunto a el nos ceos durante moitísimo tempo antes de vir á Terra (Col. 1:15). Pola súa propia experiencia e polo que observou, Xesús sabía canto quere Xehová os seus filliños fieis. Como nos axuda Xesús a aceptar o amor de Deus?
13. Como quere Xesús que vexamos a Xehová?
13 Xesús quere que vexamos a Xehová igual ca el. Nos Evanxeos, Xesús referiuse a Xehová como Pai unhas 160 veces. E cando lles falou ós seus seguidores, usou as expresións “voso Pai” e “voso Pai celestial” (Mat. 5:16; 6:26). A nota de estudo na Biblia de estudio en español en Mateo 5:16 di: “Servos de Deus da antigüidade usaron moitos títulos elevados para describir e dirixirse a Xehová, como por exemplo Todopoderoso, o Altísimo e Gran Creador. Non obstante, o feito de que Xesús usase con frecuencia un termo tan sinxelo e común como Pai destaca a relación tan estreita que Deus ten cos que o adoran”. Está claro que Xesús quere que vexamos a Xehová coma un Pai cariñoso que quere os seus fillos. Analicemos dúas ocasións nas que Xesús utilizou o termo Pai.
14. Como demostrou Xesús que cada un de nós é moi valiosos para o noso Pai celestial? (Mateo 10:29-31). (Ver tamén a imaxe).
14 Primeiro, analicemos as palabras de Xesús rexistradas en Mateo 10:29-31 (leo). Os gorrións son uns paxaros pequenos que nunca amarán nin adorarán a Xehová. Aínda así, o noso Pai valóraos tanto que sabe onde está cada un deles. Se Xehová sente iso duns paxariños tan pequenos, está claro que valora e se preocupa moito máis por cada unha das persoas que o serven por amor! Sobre as palabras “incluso están contados tódolos pelos da vosa cabeza”, a nota de estudo do versículo 30 di: “O feito de que Xehová coñeza ata estes mínimos detalles demostra canto se interesa por cada un dos discípulos de Cristo”. Está claro que Xesús quere que aceptemos que cada un de nós é moi valiosos para seu Pai.
Xehová valora tanto os gorrións que sabe onde está cada un deles. Pois a ti, que o serves fielmente e que o queres, valórate moito máis! (Ver o parágrafo 14).
15. Que che demostran sobre o teu Pai celestial as palabras de Xesús en Xoán 6:44?
15 Vexamos unha segunda ocasión na que Xesús usou o termo Pai (le Xoán 6:44). O teu Pai celestial atraeute persoalmente á verdade. Por que? Porque viu que tiñas bo corazón (Feit. 13:48). A nota de estudo en Xoán 6:44 di que Xesús quizais estivese facendo unha alusión ás palabras de Xeremías do texto temático: “Por iso te atraín a min con [ou te seguín mostrando] amor leal” (Xer. 31:3, nota, TNM; compara con Oseas 11:4). Pensa no que isto significa. O noso amoroso Pai celestial segue vendo o bo que hai en ti e que quizais ti mesmo non vexas.
16. a) Que nos ensinou Xesús, e por que deberiamos crelo? b) Como podes estar máis convencido de que Xehová é o Pai que necesitas? (Ver o recadro “O Pai que todos necesitamos”).
16 Ó describir a Xehová coma o noso Pai, é coma se Xesús nos estivese dicindo: “Xehová non é só meu Pai, tamén é voso Pai. E asegúrovos que vos quere e que se preocupa moito por cada un de vós”. Así que se ás veces dubidas sobre o que sente Xehová por ti, fai unha pausa e pregúntate: “Non debería confiar nas palabras do Fillo que mellor coñece ó noso Pai e que sempre di a verdade?” (1 Ped. 2:22).
SIGUE ESTANDO SEGURO DE QUE XEHOVÁ TE QUERE
17. Por que debemos seguir estando seguros de que Xehová nos quere?
17 Necesitamos facer todo o posible para seguir estando seguros de que Xehová nos quere. Como aprendemos antes, o noso astuto inimigo, Satanás, non parará de intentar que deixemos de servir a Xehová. Para debilitar a nosa determinación, seguirá intentando facernos crer que Xehová non nos quere. Non podemos crer as súas mentiras! (Xob 27:5).
18. Como podes seguir estando seguro de que Xehová te quere?
18 Para fortalecer a túa confianza no amor de Xehová, sigue orando para que che axude a verte como el te ve. Medita en versículos da Biblia que describen canto se preocupa polos que o queren. Recorda que sempre amará a quen o ama. Nunca esquezas que deu o seu Fillo coma un regalo persoal para ti. E confía en que el é o teu Pai, tal e como dixo Xesús. Así que se alguén che pregunta: “Estás seguro de que Xehová te quere?”, ti responderás con confianza: “Si que me quere! E esfórzome ó máximo tódolos días para demostrarlle que eu tamén o quero moito!”.
CANCIÓN sjj 154 O amor nunca falla
a Para ver máis textos animadores que nos aseguran que Xehová nos quere, mira o tema “Sentimentos negativos” na publicación Textos bíblicos para a nosa vida.