Evanxeo segundo San Mateo
20 Porque o Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. 2 Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. 3 Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. 4 E díxolles:
—Ide vós tamén á miña viña, e daréivo-lo xusto.
5 Eles foron. De novo saíu polo mediodía, e pola tarde, facendo o mesmo. 6 Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
—Pero, ¿que facedes aquí, todo o día sen traballar?
7 Eles responderon:
—É que ninguén nos contratou.
El díxolles entón:
—Ide vós tamén á miña viña.
8 Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ó administrador:
—Chama os xornaleiros e págalle-lo xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
9 Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. 10 Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. 11 Ó recibilo, murmuraban contra o propietario:
12 —Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturámo-lo peso e a caloraza do día.
13 Pero el replicoulle a un deles:
—Amigo, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? 14 Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle ó último igual ca a ti, 15 ¿non teño dereito a face-lo que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
16 Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros, e os primeiros serán os últimos.
17 Segundo ía subindo a Xerusalén, chamou a un lado os Doce polo camiño e díxolles:
18 —Vede que subimos a Xerusalén, e que alí lles van entrega-lo Fillo do Home ós sumos sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, 19 e entregarano ós pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ó terceiro día resucitará.
20 Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, postrándose para pedirlle algo. 21 El preguntoulle:
—¿Que queres?
Respondeulle:
—Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
22 Respondeulle Xesús:
—Non sabéde-lo que pedides. ¿Poderedes bebe-lo cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
—Podemos.
23 Xesús replicou:
—O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen o meu Pai o ten preparado.
24 Ó escoitaren isto os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. 25 Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan, e os poderosos os asoballan. 26 Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos: quen queira ser importante, que sirva ós demais; 27 e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servicial; 28 porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos.
29 E ó saíren de Iericó, seguiuno moita xente. 30 Sentados a carón do camiño, había dous cegos que, cando oíron que pasaba Xesús, puxéronse a berrar:
—¡Fillo de David, ten piedade de nós!
31 A xente rifáballes para que calasen, pero eles berraban aínda máis alto:
—¡Señor, Fillo de David, ten piedade de nós!
32 Xesús parou, chamounos e preguntoulles:
—¿Que queredes que vos faga?
33 Eles responderon:
—Señor, que se nos abran os ollos.
34 Compadecido Xesús, tocóulle-los ollos, e de contado recobraron a vista; e foron tras el.