Xoves 17 de xullo
O verdadeiro amigo ama en todo momento e é un irmán en tempos de angustia (Prov. 17:17).
María, a nai de Xesús, necesitou forzas para facer a vontade de Deus. Ela non estaba casada, pero ía quedar embarazada. Tampouco tiña experiencia criando fillos, pero tería que coidar do neno que chegaría a ser o Mesías. E como non tivera relacións sexuais, como lle ía explicar todo aquilo a Xosé, o seu prometido? (Luc. 1:26-33) Como conseguiu María as forzas que necesitaba? Ela deixouse axudar por outros. Por exemplo, pediulle a Gabriel que lle dese máis información sobre o que Deus lle encargara (Luc. 1:34). Pouco tempo despois, viaxou “camiño da montaña” de Xudá para visitar a súa parente, Isabel. Ela felicitou a María e, inspirada polo espírito santo, compartiu con ela unha profecía moi animadora sobre o fillo que levaba no ventre (Luc. 1:39-45). Grazas a iso, María puido dicir que Xehová manifestara “o poder do seu brazo” (Luc. 1:46-51). Deus utilizou o anxo Gabriel e a Isabel para fortalecer a María. w23.10 páxs. 14-15 pars. 10-12
Venres 18 de xullo
Converteunos nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai (Apoc. 1:6).
Só un número limitado de discípulos de Cristo foron unxidos co espírito santo e teñen unha relación especial con Xehová. A Biblia explica que son 144.000 e que servirán no ceo como sacerdotes con Xesús (Apoc. 14:1). O Santo do tabernáculo representa a relación especial que teñen con Xehová, ó ser adoptados como fillos espirituais seus mentres aínda están na Terra (Rom. 8:15-17). E o Santísimo do tabernáculo representa o ceo, onde mora Xehová. A “cortina” que separaba o Santo do Santísimo representa o corpo físico de Xesús. Mentres tivo un corpo físico non puido entrar no ceo como gran Sumo Sacerdote do templo espiritual. Pero, ó entregar o seu corpo humano como sacrificio pola humanidade, Xesús abriulles o camiño á vida no ceo a tódolos cristiáns unxidos. Igual ca Xesús, eles tamén deben deixar o seu corpo físico para recibir a súa recompensa celestial (Heb. 10:19, 20; 1 Cor. 15:50). w23.10 páx. 28 par. 13
Sábado 19 de xullo
Non me chegaría o tempo, se me puxese a falar de Guideón (Heb. 11:32).
Cando os efraimitas o criticaron, en vez de enfadarse e responderlles mal, Guideón mantivo a calma (Xuí. 8:1-3). Demostrou humildade ó escoitar o que lles preocupaba e ó responderlles de maneira amable. Iso calmou a situación. Os anciáns sabios imitan a Guideón escoitando con atención e respondendo con calma cando alguén os critica (Sant. 3:13). Así contribúen a que haxa paz na congregación. Cando felicitaron a Guideón por vencer os madianitas, el deulle toda a honra a Xehová (Xuí. 8:22, 23). Como poden imitar o seu exemplo os irmáns nomeados? Dándolle todo o mérito a Xehová cando conseguen algo (1 Cor. 4:6, 7). Por exemplo, ás veces felicitan un ancián por ser moi bo mestre. Nestes casos, el pode dirixir a atención á Palabra de Deus, que é de onde proveñen as ensinanzas, ou destacar a capacitación que recibimos de Xehová mediante a súa organización. Os anciáns fan ben en pensar en se a súa forma de ensinar lle dá honra a Xehová ou se, no fondo, o que queren é impresionar os demais. w23.06 páx. 4 pars. 7, 8