Xullo
Martes 1 de xullo
Foi por toda aquela terra facendo o ben e curando (Feit. 10:38).
Cando Xesús facía ou dicía algo, sempre imitaba á perfección a forma de pensar e os sentimentos do seu Pai. Isto tamén pasaba cando facía milagres (Xoán 14:9). Que podemos aprender dos milagres de Xesús? Xesús e o seu Pai quérennos moito. Cando estivo na Terra, Xesús usou o seu poder para axudarlles ós que estaban sufrindo. Iso demostrou canto ama as persoas. Por exemplo, nunha ocasión, dous homes cegos puxéronse a berrar para pedirlle axuda (Mat. 20:30-34). Xesús compadeceuse deles e curounos. Esta compaixón é unha mostra de amor, e foi ese amor o que tamén o motivou a alimentar os famentos e a curar un leproso (Mat. 15:32; Mar. 1:41). Xehová é un Deus compasivo. Así que podemos estar seguros de que el e o seu Fillo nos queren moito, e de que lles doe vernos sufrir (Luc. 1:78; 1 Ped. 5:7). Está claro que están desexando eliminar tódolos problemas que tanto dano lle fan á humanidade! w23.04 páx. 3 pars. 4, 5
Mércores 2 de xullo
Xehová ama a quen aborrece a maldade, garda a vida dos seus amigos, líbraos das mans dos malvados (Sal. 97:10).
Temos que tomar medidas prácticas para evitar ver ou escoitar as formas de pensar e as ideas equivocadas que promove este mundo controlado polo Demo. Para protexer a nosa mente e enchela de pensamentos que lle agraden a Xehová, temos que ler e estudar a Biblia, ir ás reunións e predicar. Se o facemos, Xehová promete que non deixará que sexamos tentados máis alá do que podemos soportar (1 Cor. 10:12, 13). Vivimos nos últimos días. Por iso todos necesitamos orarlle a Xehová máis ca nunca para manternos fieis. El quere que lle oremos e desafoguemos “diante del o corazón” (Sal. 62:9 [62:8, TNM]). Louva a Xehová e dálle grazas por todo o que fai. Pídelle que che axude a ter valor para predicar. Suplícalle que che axude a afrontar os problemas e a resistir as tentacións que poidas ter. Non permitas que nada nin ninguén faga que deixes de orarlle regularmente. w23.05 páx. 7 pars. 17, 18
Xoves 3 de xullo
Considerémonos uns ós outros de xeito que nos animemos uns ós outros (Heb. 10:24, 25).
Por que imos ás reunións? A razón principal é para louvar a Xehová (Sal. 26:12; 111:1). Ademais, tamén nos animamos uns ós outros nestes tempos difíciles (1 Tes. 5:11). Cando levantamos a man e comentamos, conseguimos estes dous obxectivos. Pero poderiamos encontrarnos con algúns desafíos. Por exemplo, pode ser que nos poñamos nerviosos ó pensar en facelo, ou que levantemos a man pero non poidamos comentar tanto como nos gustaría. Que nos pode axudar a superar estes desafíos? O apóstolo Paulo dixo que deberiamos centrarnos en animarnos uns ós outros. Incluso un pequeno comentario que demostre a nosa fe pode animar os demais. Se recordamos isto, farásenos máis fácil levantar a man. E se non nos dan comentario, estaremos contentos de que outros poidan ter esa oportunidade (1 Ped. 3:8). w23.04 páx. 20 pars. 1-3
Venres 4 de xullo
Subide a Xerusalén e reconstruíde a casa de Xehová (Esd. 1:3).
O rei acababa de anuncialo! Despois de estar 70 anos no exilio en Babilonia, os xudeus eran libres para volver á súa terra en Israel (Esd. 1:2-4). Tan só Xehová podía conseguir algo así. Os babilonios normalmente non liberaban as persoas que capturaban (Is. 14:4, 17). Pero Babilonia fora conquistada, e o novo gobernante dixéralles ós xudeus que podían marchar. Iso significaba que tódolos xudeus, sobre todo os cabezas de familia, terían que decidir se quedarían en Babilonia ou non. Pero seguro que tomar esa decisión non foi nada fácil. É probable que algúns xa fosen demasiado maiores para facer unha viaxe tan longa e perigosa. Por outro lado, a maioría dos xudeus naceran en Babilonia, así que ese era o seu fogar. Para eles Israel era só a terra dos seus antepasados. Ademais a algúns fóralles moi ben en Babilonia e fixéranse ricos. Así que igual non lles era fácil deixar os seus negocios, as súas casas e tódalas comodidades que tiñan para ir vivir a unha terra descoñecida. w23.05 páx. 14 pars. 1, 2
Sábado 5 de xullo
Estade preparados (Mat. 24:44).
A Palabra de Deus anímanos a seguir cultivando aguante, compaixón e amor. Por exemplo, Lucas 21:19 (TNM) di: “Co voso aguante salvaredes a vosa vida”. En Colosenses 3:12 menciónase: “Revestídevos de [...] misericordia” ou compaixón. E en 1 Tesalonicenses 4:9, 10 di: “Deus mesmo vos ensina a vos amardes uns a outros [...]; rogámosvos que sigades progresando”. Todas estas palabras ían dirixidas a cristiáns que xa demostraran estas calidades. Pero non só tiñan que seguir así, senón que debían facelo aínda a maior escala. Nós temos que facer o mesmo. Algo que che axudará é analizar como os cristiáns do primeiro século manifestaron estas calidades. Despois verás como podes imitalos e así demostrar que estás preparado para a gran tribulación. Entón, cando empece a gran tribulación ti xa saberás como aguantar e estarás decidido a facelo. w23.07 páx. 3 pars. 4, 8
Domingo 6 de xullo
Haberá un sendeiro alí, si, un camiño chamado Camiño da Santidade (Is. 35:8).
Tanto se somos unxidos como das “outras ovellas” debemos manternos no “Camiño da Santidade”, xa que isto nos axudará a desfrutar de servir a Xehová agora e fará que poidamos recibir as recompensas que traerá o Reino no futuro (Xoán 10:16). Desde 1919, millóns de homes, mulleres e nenos abandonaron Babilonia a Grande, o imperio mundial da relixión falsa, e empezaron a andar por este camiño simbólico. Xehová asegurouse de que os xudeus que saísen de Babilonia non se encontrasen con ningún obstáculo na viaxe (Is. 57:14). De que maneira fixo o mesmo no “Camiño da Santidade” de tempos modernos? Varios séculos antes de 1919, Xehová empezou a usar homes que o respectaban para preparar o camiño que sae de Babilonia a Grande (compara con Isaías 40:3). En sentido espiritual, foron quitando os obstáculos para que máis tarde as persoas de bo corazón puidesen deixar a relixión falsa e adorar a Xehová xunto co seu pobo. w23.05 páx. 16 pars. 8, 9
Luns 7 de xullo
Servide a Xehová con alegría, achegádevos con cántigas á súa presenza (Sal. 100:2).
Xehová quere que o sirvamos de boa gana e con alegría (2 Cor. 9:7). Entón, que podemos facer se non nos apetece esforzarnos por alcanzar unha meta? Fíxate no exemplo do apóstolo Paulo. El escribiu: “Castigo duramente o meu corpo e trátoo coma un escravo” (1 Cor. 9:25-27). Paulo obrigábase a facer o que estaba ben, incluso cando non lle apetecía. Estaba de acordo Xehová con iso? Por suposto! De feito, recompensouno polos seus esforzos (2 Tim. 4:7, 8). De maneira parecida, a Xehová gústalle ver que nos esforzamos por alcanzar a nosa meta, incluso cando non nos sentimos motivados. Por que? Porque aínda que non sempre nos encante esa actividade, Xehová sabe que o facemos porque o queremos a el. Podemos estar seguros de que tamén recompensará os nosos esforzos, igual que fixo co apóstolo Paulo (Sal. 126:5). E poida que ó ver como o fai, empecemos a sentir esa motivación que nos faltaba. w23.05 páx. 29 pars. 9, 10
Martes 8 de xullo
O día de Xehová chegará (1 Tes. 5:2).
O apóstolo Paulo comparou os que non sobrevivirán ó día de Xehová con xente que está durmida. Estas persoas non son conscientes do paso do tempo nin das cousas que os rodean. Por iso non se dan conta nin poden reaccionar cando pasa algo importante ó seu arredor. A maioría da xente hoxe en día está durmida en sentido espiritual (Rom. 11:8). Non cren nas probas que indican que estamos vivindo nos últimos días e que a gran tribulación virá pronto (2 Ped. 3:3, 4). Pero os servos de Xehová sabemos que cada vez é máis importante seguir o consello da Biblia de manternos despertos en sentido espiritual (1 Tes. 5:6). Debemos manter a calma e estar mentalmente tranquilos. Por que? Para non vernos envoltos en asuntos políticos ou sociais. A medida que se achega o día de Xehová podemos esperar que este mundo exerza cada vez máis presión para que nos posicionemos nestes asuntos. Pero non debemos ter medo a non saber que dicir nin que facer. O espírito de Xehová axudaranos a estar calmados e tranquilos para tomar boas decisións (Luc. 12:11, 12). w23.06 páx. 10 pars. 6, 7
Mércores 9 de xullo
Meu Señor Xehová, lémbrate de min, prégocho, e enfortéceme (Xuí. 16:28).
Que che vén á mente cando escoitas o nome de Sansón? Seguro que pensas que foi un home moi forte, e iso é verdade. Pero Sansón tomou unha mala decisión que o fixo sufrir moito. Aínda así, Xehová concentrouse en todo o que este xuíz fixo para servilo. E decidiu incluír na Biblia o seu exemplo para que poidamos aprender del. Xehová utilizou a Sansón para facer cousas incribles e axudar o seu pobo, Israel. Moitos séculos despois de que este home morrese, Xehová inspirou o apóstolo Paulo para que incluíse o seu nome nunha lista de persoas que demostraron moita fe (Heb. 11:32-34). O seu exemplo pode animarnos moito. El confiou en Xehová incluso cando estaba en circunstancias moi difíciles. Ó analizar o que el fixo podemos aprender leccións prácticas que nos animan moito. w23.09 páx. 2 pars. 1, 2
Xoves 10 de xullo
Presentádelle a Deus as vosas peticións (Filip. 4:6).
Podemos fortalecer o noso aguante se lle oramos a Xehová con frecuencia e lle contamos como nos sentimos (1 Tes. 5:17). Quizais agora mesmo non teñas ningún problema grave. Aínda así, pregúntate: Órolle a Xehová cando estou enfadado, confuso ou estresado? Se xa agora tes o costume de pedirlle axuda a Xehová cos problemas do día a día, serache máis fácil facelo cando te enfrontes a desafíos máis grandes no futuro. Confiarás en que Xehová sabe exactamente cando e como che ten que axudar (Sal. 27:1, 3). É máis probable que aguantemos durante a gran tribulación se xa agora nos mantemos fieis cando se nos pon a proba (Rom. 5:3). Por que dicimos isto? Moitos irmáns e irmás contan que cada situación difícil que soportaron os preparou para aguantar a seguinte proba. Cando Xehová nos axuda a resistir unha situación difícil, fortalécese a nosa fe en que pode e quere darnos o que necesitamos en cada momento, e esa fe axudaranos a aguantar cando veña a seguinte proba (Sant. 1:2-4, TNM). w23.07 páx. 3 pars. 7, 8
Venres 11 de xullo
Mostrareiche consideración (Xén. 19:21).
A humildade e a compaixón fan que Xehová sexa razoable. Por exemplo, demostrou humildade cando ía destruír a xente mala que vivía en Sodoma. Mediante os seus anxos, Xehová díxolle ó xusto Lot que fuxise ás montañas. Pero a Lot dáballe medo ir alí. Así que lle pediu a Deus que lles permitise a el e á súa familia refuxiarse en Soar, unha pequena vila que Xehová tamén decidira destruír. El podía insistir en que Lot seguise as súas instrucións ó pé da letra, pero permitiulle ir a Soar aínda que iso implicase non destruír aquela vila (Xén. 19:18-22). Séculos máis tarde, Xehová tamén lles demostrou compaixón ós habitantes de Nínive. Enviou o profeta Xonás para que avisase a toda aquela xente mala de que, tanto a cidade coma eles, ían ser destruídos. Pero cando os ninivitas se arrepentiron, Deus compadeceuse deles e non os destruíu (Xon. 3:1, 10; 4:10, 11). w23.07 páx. 21 par. 5
Sábado 12 de xullo
Asasinaron a Ioax, pero non lle deron sepultura no panteón real (2 Crón. 24:25).
Que podemos aprender do mal exemplo de Ioax? Este rei foi coma unha árbore con raíces pouco profundas que necesita un puntal para manterse dereita. Cando ese puntal, é dicir, Iehoiadá, xa non estaba, Ioax empezou a escoitar os apóstatas e deixou de serlle fiel a Xehová. Esta comparación ensínanos que non deberiamos servir a Deus só porque a nosa familia ou outros irmáns da congregación o fagan. Para manternos cerca de Xehová temos que fortalecer o noso amor e respecto por el estudando a Biblia regularmente, meditando e orando (Xer. 17:7, 8; Col. 2:6, 7). Xehová non pide demasiado de nós. Eclesiastés 12:13, TNM resume moi ben o que el espera, cando di: “Teme o Deus verdadeiro e obedece os seus mandamentos, porque iso é todo o que o home debe facer”. Se tememos a Deus poderemos serlle leais sen importar o que pase no futuro. Non haberá nada que poida danar a nosa amizade con Xehová. w23.06 páxs. 18-19 pars. 17-19
Domingo 13 de xullo
Vede que volvo novas tódalas cousas (Apoc. 21:5).
A garantía de Deus comeza xa na introdución, cando di: “O que estaba sentado no trono dixo” (Apoc. 21:5a). Estas palabras son especiais porque indican que é Xehová mesmo quen revela a visión. Isto só ocorre tres veces no libro da Apocalipse. Así que non é nin un anxo poderoso, nin sequera Xesús o que dá a garantía, senón o propio Xehová! Isto demostra que podemos confiar completamente no que dirá a continuación. Por que? Porque Deus “non mente” (Tito 1:2). Por iso estamos seguros de que as palabras que lemos en Apocalipse 21:5, 6 se farán realidade. Analicemos agora a expresión “Vede”. Este termo grego, que ás veces tamén se traduce como “Mira”, úsase en repetidas ocasións no libro da Apocalipse. E, que vén a continuación? Deus asegura: “Volvo novas tódalas cousas”. É certo que Xehová está falando sobre cambios que vai realizar no futuro, pero para el son tan reais que fala deles coma se xa estivesen ocorrendo (Is. 46:10). w23.11 páxs. 3-4 pars. 7, 8
Luns 14 de xullo
Saíu para fóra e botouse a chorar desconsoladamente (Mat. 26:75).
O apóstolo Pedro tiña que loitar contra as súas debilidades. Vexamos algúns exemplos. Cando Xesús explicou que tería que sufrir e morrer, tal e como dicían as Escrituras, Pedro reprendeuno (Mar. 8:31-33). En repetidas ocasións, el e mais os outros apóstolos discutiron sobre quen era máis importante (Mar. 9:33, 34). A última noite antes de que Xesús morrese, Pedro actuou impulsivamente e cortoulle a orella a un home (Xoán 18:10). E esa mesma noite, tivo tanto medo do que a xente pensase del que dixo tres veces que non coñecía o seu amigo Xesús (Mar. 14:66-72). Isto fixo que Pedro chorase amargamente. Xesús non deu por perdido este desanimado apóstolo. Despois de resucitar deulle a Pedro a oportunidade de demostrarlle canto o quería. Invitouno a servilo con humildade e a coidar das súas ovelliñas (Xoán 21:15-17). Pedro respondeu ben a esta invitación, así que estivo en Xerusalén o día do Pentecostés e foi das primeiras persoas en ser unxidas por espírito santo. w23.09 páxs. 21-22 pars. 6, 7
Martes 15 de xullo
Apacenta as miñas ovellas (Xoán 21:16).
O apóstolo Pedro díxolles ós seus compañeiros anciáns: “Coidade o rabaño de Deus” (1 Ped. 5:1-4). Se serves como ancián de congregación, sabemos que queres moito os teus irmáns e desexas coidar deles. Pero, ás veces, quizais esteas tan ocupado ou cansado que sintas que non es capaz de cumprir con esta asignación. Que podes facer? Cóntalle a Xehová todo o que che preocupa e o moito que che gustaría axudar ás súas ovelliñas. Pedro escribiu: “Quen sirva, que o faga coa forza que Deus lle dá” (1 Ped. 4:11). É posible que os teus irmáns se estean enfrontando a problemas que non teñen solución neste sistema. Pero recorda que o Pastor Principal, Xesucristo, pode axudarlles de maneiras que para ti resultan imposibles. E farao tanto agora coma no novo mundo. O único que Xehová pide dos anciáns é que amen os seus irmáns, coiden deles e que sexan un “exemplo para o rabaño”. w23.09 páx. 30 pars. 13, 14
Mércores 16 de xullo
Xehová coñece os pensamentos dos sabios e sabe que son inútiles (1 Cor. 3:20).
Debemos evitar o uso de razoamentos humanos. Se empezamos a pensar como as persoas que non serven a Xehová, pode que nós tamén o acabemos deixando de lado a el e as súas normas (1 Cor. 3:19). Moitas veces “a sabedoría deste mundo” anímanos a deixarnos levar polos nosos propios desexos. Algúns cristiáns de Pérgamo e Tiátira, permitiron que os influenciase a xente que os rodeaba, que eran persoas inmorais e adoraban deuses falsos. Xesús foi moi contundente ó darlles consello a aquelas congregacións por tolerar a inmoralidade sexual (Apoc. 2:14, 20). Hoxe en día, a xente que nos rodea tamén exerce moita presión para que aceptemos os seus puntos de vista equivocados. Algúns familiares e coñecidos poden intentar convencernos de que somos demasiado estritos e de que non pasa nada porque cedamos nalgunhas das normas que Xehová pon. Por exemplo, poderían dicirnos que non ten nada de malo deixarnos levar polos nosos desexos e que as normas morais da Biblia están anticuadas. Ás veces, poderiamos pensar que as instrucións que nos dá Xehová non son o suficientemente claras e ter a tentación de “ir máis alá do que está escrito” (1 Cor. 4:6). w23.07 páx. 16 pars. 10, 11
Xoves 17 de xullo
O verdadeiro amigo ama en todo momento e é un irmán en tempos de angustia (Prov. 17:17).
María, a nai de Xesús, necesitou forzas para facer a vontade de Deus. Ela non estaba casada, pero ía quedar embarazada. Tampouco tiña experiencia criando fillos, pero tería que coidar do neno que chegaría a ser o Mesías. E como non tivera relacións sexuais, como lle ía explicar todo aquilo a Xosé, o seu prometido? (Luc. 1:26-33) Como conseguiu María as forzas que necesitaba? Ela deixouse axudar por outros. Por exemplo, pediulle a Gabriel que lle dese máis información sobre o que Deus lle encargara (Luc. 1:34). Pouco tempo despois, viaxou “camiño da montaña” de Xudá para visitar a súa parente, Isabel. Ela felicitou a María e, inspirada polo espírito santo, compartiu con ela unha profecía moi animadora sobre o fillo que levaba no ventre (Luc. 1:39-45). Grazas a iso, María puido dicir que Xehová manifestara “o poder do seu brazo” (Luc. 1:46-51). Deus utilizou o anxo Gabriel e a Isabel para fortalecer a María. w23.10 páxs. 14-15 pars. 10-12
Venres 18 de xullo
Converteunos nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai (Apoc. 1:6).
Só un número limitado de discípulos de Cristo foron unxidos co espírito santo e teñen unha relación especial con Xehová. A Biblia explica que son 144.000 e que servirán no ceo como sacerdotes con Xesús (Apoc. 14:1). O Santo do tabernáculo representa a relación especial que teñen con Xehová, ó ser adoptados como fillos espirituais seus mentres aínda están na Terra (Rom. 8:15-17). E o Santísimo do tabernáculo representa o ceo, onde mora Xehová. A “cortina” que separaba o Santo do Santísimo representa o corpo físico de Xesús. Mentres tivo un corpo físico non puido entrar no ceo como gran Sumo Sacerdote do templo espiritual. Pero, ó entregar o seu corpo humano como sacrificio pola humanidade, Xesús abriulles o camiño á vida no ceo a tódolos cristiáns unxidos. Igual ca Xesús, eles tamén deben deixar o seu corpo físico para recibir a súa recompensa celestial (Heb. 10:19, 20; 1 Cor. 15:50). w23.10 páx. 28 par. 13
Sábado 19 de xullo
Non me chegaría o tempo, se me puxese a falar de Guideón (Heb. 11:32).
Cando os efraimitas o criticaron, en vez de enfadarse e responderlles mal, Guideón mantivo a calma (Xuí. 8:1-3). Demostrou humildade ó escoitar o que lles preocupaba e ó responderlles de maneira amable. Iso calmou a situación. Os anciáns sabios imitan a Guideón escoitando con atención e respondendo con calma cando alguén os critica (Sant. 3:13). Así contribúen a que haxa paz na congregación. Cando felicitaron a Guideón por vencer os madianitas, el deulle toda a honra a Xehová (Xuí. 8:22, 23). Como poden imitar o seu exemplo os irmáns nomeados? Dándolle todo o mérito a Xehová cando conseguen algo (1 Cor. 4:6, 7). Por exemplo, ás veces felicitan un ancián por ser moi bo mestre. Nestes casos, el pode dirixir a atención á Palabra de Deus, que é de onde proveñen as ensinanzas, ou destacar a capacitación que recibimos de Xehová mediante a súa organización. Os anciáns fan ben en pensar en se a súa forma de ensinar lle dá honra a Xehová ou se, no fondo, o que queren é impresionar os demais. w23.06 páx. 4 pars. 7, 8
Domingo 20 de xullo
Os meus plans non son os vosos plans (Is. 55:8).
Se non recibimos o que pedimos en oración, é posible que teñamos que preguntarnos: “É apropiado o que estou pedindo?”. Moitas veces cremos que sabemos o que é mellor para nós. Pero pode que o que esteamos pedindo non nos beneficie a longo prazo. Se estamos orando para que Xehová nos axude cun problema, quizais haxa unha solución moito mellor que a que nós pensamos. Incluso pode que algunhas cousas das que pedimos non estean de acordo coa vontade de Xehová (1 Xoán 5:14). Pensemos, por exemplo, no caso duns pais que lle rogan a Xehová que o seu fillo permaneza na verdade. Esta petición parece ser apropiada. Pero Xehová non obriga a ninguén a servilo. El quere que todos, incluídos os nosos fillos, escollamos adoralo (Deut. 10:12, 13; 30:19, 20). Así que, o que estes pais lle poderían pedir a Xehová é que lles axude a tocar o corazón do seu fillo para que este chegue a amalo e se faga amigo Seu (Prov. 22:6; Ef. 6:4). w23.11 páx. 21 par. 5; páx. 23 par. 12
Luns 21 de xullo
Consoládevos uns a outros (1 Tes. 4:18).
Por que consolar os nosos irmáns é unha maneira moi importante de expresarlles que os queremos? Unha obra de consulta bíblica menciona que a palabra que utilizou Paulo para “consolar” significa “estar de pé ó lado dunha persoa para animala cando se enfronta a probas difíciles”. Así que, cando consolamos un irmán que está sufrindo é coma se o axudásemos a levantarse para seguir andando polo camiño da vida. Cada vez que lle ofrecemos o noso ombro para chorar, pode ver o moito que o queremos (2 Cor. 7:6, 7, 13). Sentir compaixón e dar consolo son cousas que están moi relacionadas. En que sentido? Unha persoa compasiva séntese motivada a dar consolo a outros e a tratar de aliviar o seu sufrimento. Así que primeiro sentimos compaixón, e despois damos consolo. Isto é o que Xehová fai con nós. Paulo dixo que Xehová é un “Pai de tenras misericordias e o Deus de todo consolo” (2 Cor. 1:3, TNM). w23.11 páxs. 9-10 pars. 8-10
Martes 22 de xullo
Alegrémonos cando pasemos por dificultades (Rom. 5:3).
Tódolos seguidores de Xesús teremos que pasar por tribulacións. Fíxate no exemplo de Paulo. El díxolles ós tesalonicenses: “Cando estabamos aínda convosco xa vos avisamos que iades ter que aturar dificultades. E, como vedes, asi foi” (1 Tes. 3:4). E ós corintios díxolles algo parecido: “Non queremos que descoñezades, irmáns, as tribulacións que pasamos [...], ata perde-la esperanza de saírmos con vida” (2 Cor. 1:8; 11:23-27). Os cristiáns de hoxe en día tamén teremos que pasar por todo tipo de tribulacións (2 Tim. 3:12). Quizais os teus amigos e familiares te tratasen con crueldade por crer en Xesús e seguir o seu exemplo. Tiveches problemas no traballo por estar decidido a ser honesto en todo? (Heb. 13:18) Enfrontácheste a persecución por parte do goberno debido a compartir a túa esperanza con outros? Paulo dixo que, sen importar o tipo de dificultades que pasemos, debemos alegrarnos. w23.12 páxs. 10-11 pars. 9, 10
Mércores 23 de xullo
Botástesme a perder (Xén. 34:30).
Xacob tivo que pasar por moitas situacións difíciles. Dous dos seus fillos, Simeón e Leví, deshonraron a familia e mancharon o nome de Xehová. Ademais, Raquel, a súa segunda muller á que tanto quería, morreu mentres daba a luz o seu segundo fillo. E cando Xacob xa ía vello, tivo que mudarse a Exipto por culpa dunha fame moi grande (Xén. 35:16-19; 37:28; 45:9-11, 28). A pesar de todo, Xacob nunca deixou de confiar en Xehová e nas Súas promesas. A cambio, Xehová demostroulle que contaba coa súa aprobación. Por exemplo, Xehová fixo que Xacob conseguise moitos bens. Ademais, despois de crer durante tantos anos que Xosé estaba morto, puido volver a estar con el. Pensa no agradecido que lle tivo que estar a Xehová por iso! Xacob puido facerlles fronte a estas situacións porque tiña unha amizade moi estreita con Xehová (Xén. 30:43; 32:10, 11 [32:9, 10, TNM]; 46:28-30). Nós tamén poderemos facerlles fronte ós problemas inesperados se somos bos amigos de Xehová. w23.04 páx. 15 pars. 6, 7
Xoves 24 de xullo
Xehová é o meu pastor: nada me falta (Sal. 23:1).
No Salmo 23 David expresou a súa confianza en que Xehová o quería e o coidaba. Describiu a estreita amizade que tiña con Deus, a quen lle chamou o seu pastor. David sentíase seguro baixo a súa guía e confiaba totalmente nel. Sabía que Xehová lle seguiría demostrando o seu amor tódolos días da súa vida. Por que podía ter esta seguridade? David sentía que Xehová coidaba ben del porque sempre lle dera todo o que necesitaba. Tamén sabía que Deus era o seu amigo e que tiña a súa aprobación. Por iso estaba seguro de que, sen importar o que lle pasase no futuro, sempre coidaría del. Confiaba en que o amor de Xehová era máis poderoso que calquera dos seus temores. Isto axudoulle a non preocuparse e a estar alegre e satisfeito (Sal. 16:11). w24.01 páx. 29 pars. 12, 13
Venres 25 de xullo
Estarei con vós tódolos días ata a parte final do sistema (Mat. 28:20).
Despois da Segunda Guerra Mundial puidemos predicar con liberdade en moitos países. De feito, a obra expandiuse e agora predicamos por toda a Terra. Na actualidade, os membros do Consello Reitor seguen buscando a guía de Cristo. Esfórzanse para que as instrucións que lles dan ós irmáns estean en harmonía co punto de vista de Xehová e de Cristo. E para facerlles chegar esas instrucións ás congregacións usan os superintendentes de circuíto e os anciáns. A Biblia di que Cristo sostén os anciáns nomeados na “súa dereita” (Apoc. 2:1). Claro, estes homes son imperfectos e cometen erros, igual que tamén se equivocaron Moisés, Xosué e os apóstolos (Núm. 20:12; Xos. 9:14, 15; Rom. 3:23). Aínda así, podemos ver claramente que Xesús está dirixindo tanto o escravo fiel como os anciáns nomeados, e seguirao facendo. Polo tanto, temos razóns máis que suficientes para confiar na guía que nos dá por medio destes irmáns nomeados para dirixirnos. w24.02 páxs. 23-24 pars. 13, 14
Sábado 26 de xullo
Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos (Ef. 5:1).
Na actualidade tamén podemos agradarlle a Xehová falando del con gratitude e dunha forma que demostre canto o queremos. Cando predicamos, o noso obxectivo principal é acercar as persoas a Xehová e que cheguen a querelo tanto como o queremos nós (Sant. 4:8). Gústanos moito ensinarlles o que di a Biblia sobre Deus e falarlles do seu amor, xustiza, sabedoría, poder e das súas outras fermosas cualidades. Tamén o louvamos e o facemos feliz cando nos esforzamos ó máximo por imitalo. Desta maneira, quizais algunhas persoas se dean conta de que somos diferentes e se pregunten por que (Mat. 5:14-16). Ó relacionarnos con elas no noso día a día podemos explicarlles por que actuamos da forma que o facemos. Como resultado, as persoas de corazón sincero sentiranse atraídas a Deus e isto farao moi feliz (1 Tim. 2:3, 4). w24.02 páx. 10 par. 7
Domingo 27 de xullo
Capaz de animar e de censurar (Tito 1:9).
Para chegar a ser un cristián maduro, terás que aprender algunhas habilidades prácticas. Estas axudaranche a asumir responsabilidades na congregación, a ter un traballo para manterte a ti mesmo ou á túa familia e a ter unha boa relación cos demais. Por exemplo, aprende a ler e escribir ben. A Biblia di que o home feliz e que ten éxito dedica tempo cada día a ler a Palabra de Deus e meditar nela (Sal. 1:1-3). Ó facelo tódolos días chega a coñecer como ve Xehová as cousas. Isto axudaralle a pensar con claridade e poñer en práctica o que aprende (Prov. 1:3, 4). Os nosos irmáns e irmás precisan a axuda de homes que saben ensinar e dar consellos baseados na Biblia. Se sabes ler e escribir ben, poderás preparar discursos e comentarios que sexan instrutivos e fortalezan a fe dos demais. Tamén che será útil para tomar bos apuntes que che axudarán a seguir aumentando a túa propia fe e animar a outros. w23.12 páxs. 26-27 pars. 9-11
Luns 28 de xullo
O que está en vós é maior có que está no mundo (1 Xoán 4:4).
Cando sintas medo, medita no que Xehová fará no futuro cando Satanás xa non exista. Unha escenificación que houbo no programa do Congreso Rexional do ano 2014 mostrou un pai comentando coa súa familia como poderían ser os versículos de 2 Timoteo 3:1-5 se falasen da vida no Paraíso. Dirían algo como: “No novo mundo virán tempos moi felices. Porque a xente amará os demais, amará a verdade, será modesta, humilde, louvará a Deus, obedecerá os pais, será agradecida, leal, terá moito cariño polos seus familiares, estará disposta a chegar a acordos, falará sempre ben dos demais, terá autocontrol, será mansa, amará o bo, dirá sempre a verdade, será razoable, non será orgullosa, amará a Deus máis cós praceres e teralle verdadeira devoción. Xúntate con xente así”. Por que non falas coa túa familia e cos irmáns da congregación de como será a vida no novo mundo? w24.01 páx. 6 pars. 13, 14
Martes 29 de xullo
Tes a miña aprobación (Luc. 3:22).
Que animador é saber que Xehová aproba o seu pobo como conxunto! A Biblia di: “O Señor ama o seu pobo” (Sal. 149:4). Pero, ás veces, poderiamos estar desanimados e preguntarnos: “Estará Xehová contento comigo individualmente?”. Moitos servos de Deus de tempos bíblicos tamén tiveron que loitar contra sentimentos parecidos nalgún momento da súa vida (1 Sam. 1:6-10; Xob 29:2, 4; Sal. 51:13 [51:11, TNM]). A Biblia deixa claro que, aínda que somos humanos imperfectos, podemos conseguir a aprobación de Xehová. Como? Demostrando fe en Xesucristo e bautizándonos (Xoán 3:16). Ó facelo, mostramos publicamente que nos arrepentimos dos nosos pecados e que lle prometemos a Deus que cumpriremos a súa vontade (Feit. 2:38; 3:19). A Xehová agrádalle que deamos estes pasos para achegarnos máis a el. Se nos esforzamos ó máximo por cumprir coa nosa promesa de dedicación, compraceremos a Xehová e el consideraranos os seus amigos (Sal. 25:14). w24.03 páx. 26 pars. 1, 2
Mércores 30 de xullo
Non podemos deixar de falar das cousas que vimos e oímos (Feit. 4:20).
Podemos imitar os discípulos do primeiro século se seguimos predicando incluso cando as autoridades nos ordenan que deixemos de facelo. Nós tamén podemos estar convencidos de que Xehová nos axudará a cumprir co labor de predicar. Polo tanto, oremos para pedirlle que nos dea valor e sabedoría e para que nos axude a afrontar as dificultades. Moitos estamos pasando por problemas emocionais ou físicos, perdemos algún ser querido, temos unha situación familiar complicada, sufrimos persecución ou afrontamos algunha outra dificultade. E cousas como as pandemias e as guerras fixeron que moitos destes problemas se volvesen aínda máis difíciles de levar. Que nos pode axudar? Ábrelle o teu corazón a Xehová. Cóntalle a situación pola que estás pasando, igual que lla contarías a un bo amigo. Podes estar seguro de que Xehová che vai axudar (Sal. 37:3, 5). Orar con constancia axudaranos a aguantar as dificultades (Rom. 12:12). Xehová sabe polo que están pasando os seus servos, el “escoita o seu pranto” (Sal. 145:18, 19). w23.05 páxs. 5-6 pars. 12-15
Xoves 31 de xullo
Seguide tendo en conta o que agrada ó Señor (Ef. 5:10).
Cando temos que tomar decisións importantes, necesitamos tratar de comprender “cal é a vontade do Señor” e despois actuar de acordo con ela (Ef. 5:17). En realidade, cando buscamos os principios bíblicos que aplican en cada situación, estamos tratando de descubrir a forma de pensar de Deus sobre un asunto. E se os aplicamos, poderemos tomar boas decisións. Ó noso inimigo Satanás, o “Maligno”, gustaríalle ternos tan ocupados coas cousas que ofrece este mundo que non tivésemos tempo para servir a Xehová (1 Xoán 5:19). Sería moi fácil para un cristián centrarse nas cousas materiais, nos estudos ou no traballo en vez de no seu servizo a Xehová. Se deixamos que isto ocorra, estariamos demostrando que a forma de pensar do mundo nos afecta. Por suposto, estas cousas non teñen nada de malo, pero nunca deberían ocupar o primeiro lugar na nosa vida. w24.03 páx. 24 pars. 16, 17