Primeira Carta ós Corintios
10 Irmáns, quero que saibades que os nosos antepasados estiveron todos baixo a nube, todos cruzaron polo medio do mar, 2 todos foron bautizados en Moisés cando estaban baixo a nube e no mar, 3 todos comeron o mesmo alimento espiritual 4 e todos beberon a mesma bebida espiritual. Porque bebían da roca espiritual que ía con eles, e aquela roca representaba* o Cristo. 5 Pero Deus non estaba contento coa maioría deles, e proba diso foi que morreron no deserto.
6 Todo isto válenos de exemplo a nós, para que non desexemos cousas que nos fan dano, igual que fixeron eles. 7 Non adoremos ídolos, como fixeron algúns deles, tal como está escrito: “O pobo sentouse a comer e a beber, e despois levantouse para divertirse”. 8 Non practiquemos a inmoralidade sexual*, como algúns deles que tiveron relacións sexuais inmorais* e, como resultado, morreron 23.000 deles nun só día. 9 Non poñamos a proba a Xehová*, como algúns deles que o puxeron a proba e despois morreron debido ás serpes. 10 Non sexamos murmuradores, como algúns deles que se queixaron e despois morreron a mans do anxo da destrución*. 11 Todo isto pasoulles para que servise de exemplo, e escribiuse como advertencia para nós, os que vivimos ó final destes sistemas*.
12 Polo tanto, quen pensa que está de pé, que teña coidado de non caer. 13 Vós non tivestes ningunha tentación que non tivesen outras persoas. Pero Deus é fiel e non deixará que sexades tentados máis alá do que poidades soportar. Cando sexades tentados, Deus daravos a saída para que poidades aguantar.
14 Por iso, meus queridiños, fuxide da idolatría. 15 Fálovos como a persoas sensatas. Xulgade vós mesmos o que digo. 16 Cando bebemos a copa da bendición pola que damos grazas, non participamos do sangue do Cristo? E cando comemos o pan que partimos, non participamos do corpo do Cristo? 17 Como hai un só pan, aínda que somos moitos, somos un só corpo, porque todos participamos dese único pan.
18 Fixádevos no que fai o pobo de Israel*. Cando comen dos sacrificios, non participan do que se ofreceu no altar? 19 Entón, que quero dicir? Que o que se sacrifica a un ídolo é algo? Ou que un ídolo é algo? 20 Non. O que quero dicir é que a xente das nacións failles sacrificios ós demos, e non a Deus. E non quero que teñades nada que ver* cos demos. 21 Non podedes estar bebendo da copa de Xehová* e da copa dos demos. Tampouco podedes estar comendo da “mesa de Xehová*” e da mesa dos demos. 22 Ou “estamos intentando poñer celoso a Xehová*”? Nós non somos máis fortes ca el, non?
23 Todo está permitido*, pero non todo é beneficioso. Todo está permitido, pero non todo fortalece*. 24 Que ninguén busque o seu propio beneficio, senón o dos demais.
25 Comede calquera carne que se venda na carnicería sen facer preguntas por motivos de conciencia, 26 porque “a terra e todo o que hai nela é de Xehová*”. 27 Se alguén que non é crente vos invita a comer e queredes ir, comede calquera cousa que vos poña sen facer preguntas por motivos de conciencia. 28 Pero se alguén vos di “Isto ofreceuse como sacrificio a un ídolo”, non o comades, por consideración á persoa que volo dixo e para que ninguén teña unha mala conciencia. 29 Non me refiro á túa conciencia, senón á da outra persoa. Porque non quero usar a miña liberdade e que despois me xulgue a conciencia doutra persoa. 30 Se dou grazas polo que como, por que me terían que criticar por algo polo que dou grazas?
31 Por iso, tanto se comedes como se bebedes ou facedes calquera outra cousa, facédeo todo para a gloria de Deus. 32 Non fagades tropezar nin ós xudeus, nin ós gregos, nin ós que forman parte da congregación de Deus. 33 Iso é o que intento facer eu. Intento agradar a todos en tódalas cousas e non busco o meu propio beneficio, senón o de moitos, para que se poidan salvar.