Primeira Carta ós Corintios
9 E logo non son eu libre para facer o que quero? Non son apóstolo? Non vin ó noso Señor Xesús? Non sodes vós o resultado do meu traballo servindo o Señor? 2 Aínda que para outros non sexa un apóstolo, está claro que para vós si que o son! Porque vós sodes a proba* que confirma que eu son apóstolo do Señor.
3 Esta é a miña defensa ante os que me critican. 4 Temos dereito a* comer e a beber, non? 5 Temos dereito a casar e a que nos acompañe a nosa muller crente, igual que o resto dos apóstolos, os irmáns do Señor e Cefas*, non? 6 Ou resulta que Bernabé mais eu somos os únicos que temos que traballar para manternos? 7 Que soldado ten que pagar os seus propios gastos? Quen planta unha viña e non come do seu froito? Ou quen coida un rabaño e non bebe un pouco do leite que dá o rabaño?
8 Non estou dicindo isto desde un punto de vista humano. E logo non di a Lei tamén estas cousas? 9 Porque na Lei de Moisés está escrito: “Non lle impidas comer* ó touro mentres está trillando o gran”. Entón, Deus só se preocupa polos touros? 10 Ou dío por nós? En realidade, escribiuse por nós, porque o home que labra e o home que trilla deberían facelo coa esperanza de recibir unha parte.
11 Se nós sementamos cousas espirituais entre vós, está mal que recollamos de vós axuda material? 12 Se outros homes teñen dereito a esperar isto de vós, non temos nós aínda máis dereito? Aínda así, nós non usamos este dereito*, senón que aguantamos todo tipo de dificultades para non poñer ningún obstáculo no camiño das boas noticias acerca do Cristo. 13 E logo non sabedes que os homes que cumpren cos deberes sagrados no templo comen das cousas que a xente trae ó templo, e que os que serven no altar reciben unha parte do que se ofrece no altar? 14 Da mesma maneira, o Señor mandou que os que predican as boas noticias vivan das boas noticias.
15 Pero eu non utilicei nin sequera unha destas axudas. De feito, non vos escribo todo isto para que me deades nada, porque preferiría morrer antes que... Ninguén me vai quitar o motivo polo que me sinto orgulloso! 16 Se predico as boas noticias, non teño motivos para presumir diso, porque é a miña obrigación. De feito, pobre de min se non predicase as boas noticias! 17 Se o fago de boa gana, teño unha recompensa. Pero incluso se o fago en contra da miña vontade, aínda así, é a responsabilidade* que se me encargou. 18 Entón, cal é a miña recompensa? Predicar as boas noticias de maneira gratuíta, para non abusar da autoridade* que me dá predicar as boas noticias.
19 Porque aínda que son un home libre, fíxenme escravo de todos, para ganar tantas persoas como sexa posible. 20 Cos xudeus cheguei a ser coma un xudeu, para ganar os xudeus. Cos que están baixo lei cheguei a ser coma unha persoa que está baixo lei, para ganar os que están baixo lei, aínda que eu non estou baixo lei. 21 Cos que están sen lei cheguei a ser coma unha persoa que está sen lei, para ganar os que están sen lei, aínda que eu non estou sen lei diante de Deus, senón que estou baixo lei diante de Cristo. 22 Cos débiles cheguei a ser débil, para ganar os débiles. Cheguei a ser de todo con xente de toda clase, para que por tódolos medios posibles poida salvar a algúns. 23 Pero todo o que fago é polas boas noticias, para compartilas con outros.
24 E logo non sabedes que nunha carreira, aínda que tódolos corredores corren, só un leva o premio? Correde de tal maneira que o ganedes! 25 Tódolos que participan nunha competición* demostran autocontrol en tódalas cousas. Claro, eles fano para conseguir unha coroa que se acaba botando a perder, pero nós facémolo para conseguir unha que non se bota a perder. 26 Polo tanto, corro, pero non sen unha meta. Loito, pero non dando golpes ó aire. 27 En vez diso, castigo o* meu corpo e fago que sexa o meu escravo, para que despois de predicarlle a outros eu non deixe de ter a aprobación de Deus*.