BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w23 abril páxs. 20-25
  • Animémonos uns ós outros nas reunións

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Animémonos uns ós outros nas reunións
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • ANIMÉMONOS UNS ÓS OUTROS NUNHA CONGREGACIÓN PEQUENA
  • ANIMÉMONOS UNS ÓS OUTROS NUNHA CONGREGACIÓN GRANDE
  • QUE MÁIS PODEMOS FACER PARA ANIMARNOS UNS ÓS OUTROS?
  • Louvemos a Xehová na congregación
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2019
  • Como dar bos comentarios
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2016)
  • Cal é a mellor forma de prepararnos para as reunións?
    Quen está a facer a vontade de Xehová hoxe en día?
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
w23 abril páxs. 20-25

ARTIGO DE ESTUDO 18

Animémonos uns ós outros nas reunións

“Considerémonos uns ós outros de xeito que [...] nos animemos uns ós outros” (HEB. 10:24, 25).

CANCIÓN sn 69 Ensíname os teus camiños

AVANCEa

1. Por que comentamos nas reunións?

POR que imos ás reunións? A razón principal é para louvar a Xehová (Sal. 26:12; 111:1). Ademais, tamén nos animamos uns ós outros nestes tempos difíciles (1 Tes. 5:11). Cando levantamos a man e comentamos, conseguimos estes dous obxectivos.

2. Que oportunidades temos para comentar nas reunións?

2 Cada semana, temos varias oportunidades para comentar nas reunións. Por exemplo, na reunión da fin de semana podemos facelo no Estudo de A Atalaia. Na reunión de entre semana podemos comentar nas Xoias espirituais, no Estudo bíblico de congregación e noutras intervencións nas que se fan preguntas ó auditorio.

3. a) Que desafíos podería haber para comentar? b) Como nos axuda Hebreos 10:24, 25?

3 Todos queremos comentar para louvar a Xehová e animar os nosos irmáns. Pero poderiamos encontrarnos con algúns desafíos. Por exemplo, pode ser que nos poñamos nerviosos ó pensar en facelo, ou que levantemos a man pero non poidamos comentar tanto como nos gustaría. Que nos pode axudar a superar estes desafíos? A clave está no que lles escribiu o apóstolo Paulo ós hebreos. Cando lles falou do importante que é ir ás reunións, díxolles que deberiamos centrarnos en animarnos uns ós outros (le Hebreos 10:24, 25). Incluso un pequeno comentario que demostre a nosa fe pode animar os demais. Se recordamos isto, farásenos máis fácil levantar a man. E se non nos dan comentario, estaremos contentos de que outros poidan ter esa oportunidade (1 Pe. 3:8).

4. Que tres ideas analizaremos neste artigo?

4 Neste artigo, primeiro imos falar de como podemos animarnos uns ós outros nunha congregación pequena na que hai poucas persoas para comentar. Despois, analizaremos como podemos animarnos uns ós outros nunha congregación grande na que moitas persoas levantan a man. E por último, veremos o que podemos facer para que o contido dos nosos comentarios anime a outros.

ANIMÉMONOS UNS ÓS OUTROS NUNHA CONGREGACIÓN PEQUENA

5. Como podemos animarnos uns ós outros nun grupo ou nunha congregación pequena?

5 Nun grupo ou nunha congregación pequena, non hai tantas persoas que comenten. Ás veces, o irmán que fai as preguntas ó auditorio ten que esperar durante algún tempo ata que alguén levanta a man. Isto desanima bastante porque podería facer que a reunión se volvese aburrida. Que podes facer para evitalo? Estar disposto a levantar máis veces a man. Se o fas, é probable que animes a outros a facer o mesmo.

6, 7. Que podemos facer para poñernos menos nerviosos ó comentar?

6 Que poderías facer se te pos nervioso só con pensar en comentar? Se che pasa iso, non es o único. Pero seguro que queres animar os teus irmáns. Así que, por que non buscas maneiras de poñerte menos nervioso? Como poderías conseguilo?

7 Algo que che pode axudar é repasar algúns consellos que foron aparecendo na revista A Atalaia.b Por exemplo, prepárate ben (Pr. 21:5). Canto máis te familiarices coa información, máis tranquilo estarás para comentar. Ademais, fai comentarios breves (Pr. 15:23; 17:27). Dar un comentario curto poñerate menos nervioso que un comentario longo. Se fas un comentario breve, quizais dunha ou dúas frases, é probable que incluso os irmáns o entendan mellor que se fose un comentario longo con moitas ideas. Cando dás un comentario breve coas túas palabras, demostras que te preparaches ben e que entendes ben a información.

8. Que pensa Xehová dos esforzos que facemos por darlle o mellor de nós?

8 Ó mellor xa intentaches poñer en práctica algúns destes consellos, pero aínda te segues poñendo moi nervioso ó comentar máis dunha ou dúas veces. Se che pasa iso, podes estar seguro de que Xehová ve que te estás esforzando por facer o que podes e de que o valora moito (Lc. 21:1-4). El non nos pide que fagamos máis do que de verdade podemos (Flp. 4:5). Así que pensa no que podes facer para mellorar, ponte a meta de conseguilo e pídelle a Xehová que che axude a estar tranquilo. Ó principio, para algúns a primeira meta podería ser facer un comentario breve.

ANIMÉMONOS UNS ÓS OUTROS NUNHA CONGREGACIÓN GRANDE

9. Que desafío podería haber nunha congregación grande?

9 Se estás nunha congregación con moitos publicadores, podería haber outro desafío. Quizais haxa tantos irmáns que levanten a man que case nunca vexan a túa. Fíxate no que lle pasou a Danielle.c Encantáballe comentar nas reunións. Para ela iso era parte da súa adoración, unha forma de animar a outros e tamén de fortalecer a súa propia fe nas verdades da Biblia. Pero cando se mudou a unha congregación máis grande, xa non podía comentar tanto. Ás veces, nin sequera unha vez en toda a reunión. Ela di: “Era frustrante”. E engade: “Sentíame coma se perdese un privilexio. E cando che pasa unha e outra vez, empezas a pensar que cho fan a propósito”.

10. Que podemos facer para ter máis posibilidades de comentar?

10 Sentícheste algunha vez coma Danielle? Se che pasou iso, poderías pensar que é mellor renderte e limitarte só a escoitar a reunión. Pero non deixes de intentar comentar. Que podes facer? Algo que che pode axudar é preparar varios comentarios para cada reunión. Así, se non comentas ó principio, aínda terás outras oportunidades durante o resto da reunión. Cando prepares o Estudo de A Atalaia, pensa en como se relaciona cada parágrafo co tema do artigo. Se o fas, poderás dar bos comentarios durante todo ese artigo. Ademais, poderías preparar comentarios nos parágrafos que falan de verdades profundas que son máis difíciles de explicar (1 Cor. 2:10). Por que? Porque é probable que neses parágrafos haxa menos mans levantadas. Pero imaxina que pos en práctica estes consellos durante varias reunións e, aínda así, non consegues comentar. Que poderías facer? Antes da reunión, poderías falar co irmán que vai dirixir esa parte e dicirlle en que pregunta che gustaría responder.

11. Que nos anima a facer Filipenses 2:4?

11 Le Filipenses 2:4. Xehová inspirou o apóstolo Paulo para que animase os cristiáns a pensar nos intereses dos demais. Que podemos facer para poñer en práctica este consello durante as reunións? Recordar que, igual ca nós, os demais tamén queren comentar.

Un grupiño de irmáns comendo xuntos. Un deles está falando mentres os demais escoitan con atención.

Igual que deixas que outros participen nunha conversación, deixa que os demais comenten nas reunións (ver o parágrafo 12).

12. Cal é unha boa maneira de animar a outros nas reunións? (Ver tamén a imaxe).

12 Pensa nisto: se estiveses cos teus amigos, falarías tanto que non os deixases falar a eles? Claro que non! O que queres é que participen na conversación. Pois o mesmo pasa nas reunións. Cantos máis irmáns comenten, mellor. De feito, unha das mellores formas de animar os nosos irmáns é dándolles a oportunidade de demostrar a súa fe (1 Cor. 10:24). Por iso imos ver o que podemos facer para deixar que outros comenten.

13. Que podemos facer para deixar que os demais tamén comenten?

13 Por un lado, fai comentarios breves. Así deixarás tempo para que poidan comentar máis irmáns. Os anciáns e outros publicadores de experiencia poden dar exemplo nisto. Incluso se fas un comentario curto, evita mencionar demasiadas ideas. Se comentas o parágrafo enteiro, os demais case non terán nada que dicir. Por exemplo, neste parágrafo danse dous consellos: fai comentarios breves e evita mencionar demasiadas ideas. Así que, se vas dar o primeiro comentario deste parágrafo, intenta mencionar só un destes consellos.

Serie de imaxes: 1. Nunha reunión de congregación, un dos irmáns que saía na foto anterior ten a man levantada para comentar. 2. Máis tarde, o mesmo irmán decide non levantar a man ó ver que xa hai moitas mans levantadas.

En que situacións poderiamos decidir non levantar a man nunha reunión? (Ver o parágrafo 14).f

14. Que nos pode axudar a decidir con canta frecuencia imos levantar a man? (Ver tamén a imaxe).

14 Sé prudente ó decidir con canta frecuencia vas levantar a man. Se a levantas todo o tempo, poderías facer que o irmán que dirixe esa parte se sinta obrigado a darche comentario varias veces a ti, en vez de a outros que aínda non puideron participar. Isto podería desanimalos e facer que deixen de levantar a man (Ecl. 3:7).

15. a) Como deberiamos reaccionar se non nos dan comentario? b) Que poden facer os irmáns que asignan os comentarios para que participe o maior número de irmáns posible? (Ver o recadro “Como dirixir unha intervención da reunión con comentarios do auditorio”).

15 Se hai moitos publicadores que levantan a man, ó mellor non poden comentar tanto como lles gustaría. Ás veces, é probable que o irmán que dirixe esa parte non lles poida dar comentario a todos. Iso pode desanimar, pero non nos debería parecer mal se non nos dan comentario (Ecl. 7:9).

Como dirixir unha intervención da reunión con comentarios do auditorio

Se dirixes unha intervención na reunión que se analiza mediante preguntas e respostas, intenta deixar que comente o maior número de irmáns posible. Que podes facer para conseguilo?

  • Non fales demasiado. Limítate a facer unha introdución curta, unha conclusión breve e uns pouquiños comentarios adicionais que sexan apropiados.e Non fai falta introducir cada parágrafo antes de lelo.

  • Despois de facer unha pregunta, fai unha breve pausa para que máis publicadores poidan levantar a man. Non lles deas comentario sempre ás mesmas persoas se hai outras coa man levantada que aínda non comentaron. Recorda que incluso os publicadores maduros poden chegar a desanimarse se os pasas por alto unha e outra vez.

  • Evita dicir: “Estou buscando unha nova man”. Tampouco preguntes: “Quen non comentou aínda?”.

  • Se estás dirixindo unha parte con preguntas e respostas cara ó final da reunión de entre semana, intenta acordarte de quen comentou xa nesa reunión para poder darlles a oportunidade a outros.

  • Administra ben o tempo. Se botas demasiado tempo nos primeiros parágrafos, poida que teñas que correr ó final e que non che quede tempo para que o auditorio comente.

16. Que podemos facer para animar os que comentan?

16 Que máis podes facer se non comentas tanto como che gustaría? Podes estar atento ó que comenten os demais para felicitalos despois da reunión. Iso pode animalos tanto coma os comentarios que che gustaría facer (Pr. 10:21). Felicitar os nosos irmáns é outra forma de animarnos uns ós outros.

QUE MÁIS PODEMOS FACER PARA ANIMARNOS UNS ÓS OUTROS?

17. a) Como poden os pais axudarlles ós seus fillos a preparar comentarios apropiados? b) Segundo o vídeo, que catro pasos hai que dar para preparar un comentario? (Ver a nota).

17 Que máis podemos facer para animarnos uns ós outros? Se tes fillos pequenos, axúdalles a preparar comentarios apropiados para a súa idade (Mt. 21:16). Ás veces, nas reunións fálase de asuntos máis delicados, coma os problemas no matrimonio ou temas morais. Pero é probable que haxa un parágrafo ou dous nos que o neno si que poida comentar. Ademais, axúdalles a entender por que é probable que non lles dean comentario cada vez que levanten a man. Isto ensinaralles a non desanimarse cando escollan a outros en vez de a eles (1 Tim. 6:18).d

18. Como podemos evitar atraer a atención sobre nós mesmos cando comentamos? (Proverbios 27:2).

18 Todos podemos preparar comentarios que animen os nosos irmáns e que lle dean honra a Xehová (Pr. 25:11). Aínda que de vez en cando podemos comentar algunha experiencia persoal breve, debemos evitar falar demasiado de nós mesmos (le Proverbios 27:2; 2 Cor. 10:18). O que queremos é centrarnos en Xehová, na súa Palabra e no seu pobo como conxunto (Ap. 4:11). Claro, se a pregunta do parágrafo pide que deamos unha resposta persoal, está ben facelo. Imos ver un exemplo disto no seguinte parágrafo.

19. a) Que vai pasar se demostramos interese por tódolos que van á reunión? (Romanos 1:11, 12). b) Que é o que máis che gusta de comentar nas reunións?

19 Aínda que non hai normas estritas sobre como comentar, todos podemos esforzarnos para que os nosos comentarios animen os demais. Pode que isto implique comentar un pouco máis. Ou pode que teñamos que conformarnos coas veces que nos dan comentario e estar contentos de que outros tamén poidan participar. Se nos centramos nos intereses dos demais durante as reunións, todos desfrutaremos de animarnos uns ós outros (le Romanos 1:11, 12).

COMO PODEMOS ANIMARNOS UNS ÓS OUTROS CANDO...

  • ... hai poucas mans levantadas para comentar?

  • ... hai moitas mans levantadas para comentar?

  • ... preparamos os nosos comentarios?

CANCIÓN sn 20 Xehová, bendí as nosas reunións

a Cando comentamos nas reunións, animámonos uns ós outros. Pero algúns póñense nerviosos ó pensar en comentar. A outros encántalles e gustaríalles que lles desen máis comentarios. En calquera caso, que podemos facer para estar pendentes dos demais e para animarnos uns ós outros? E como podemos dar comentarios que motiven os irmáns a demostrar amor e a facer boas obras? Neste artigo contestaremos estas preguntas.

b Para ver máis consellos, mira os seguintes números da revista La Atalaya: xaneiro de 2019, páxinas 8 a 13 e 1 de setembro de 2003, páxinas 19 a 22 (dispoñibles en español).

c Cambiouse este nome.

d Mira o vídeo Faite amigo de Xehová. Prepara ben o teu comentario, dispoñible en jw.org.

e Mira os seguintes números da revista La Atalaya: 15 de xullo de 2013, páxina 32 e 1 de setembro de 2003, páxinas 21 e 22 (dispoñibles en español).

f DESCRICIÓN DAS IMAXES: Nunha congregación grande, un irmán que xa comentou deixa que outros teñan a oportunidade de facelo.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir