Primeira Carta de Pedro
3 Da mesma maneira, mulleres, aceptade a autoridade dos* vosos maridos para que, se algúns non son obedientes á palabra de Deus, poidan chegar a selo* sen unha soa palabra grazas á vosa conduta, 2 ó ser eles testemuñas da vosa boa conduta* e profundo respecto. 3 Que o voso adorno non sexan cousas externas (cabelos trenzados*, xoias de ouro e roupa cara), 4 senón que sexa a persoa interior* co adorno incorruptible* dun espírito tranquilo e apracible, que ten moito valor ós ollos de Deus. 5 Porque así se adornaban as mulleres santas do pasado que poñían a súa esperanza en Deus. Elas respectaban a autoridade dos* seus maridos, 6 tal como Sara obedecía a Abrahán e lle chamaba señor. Vós sodes as súas fillas se seguides facendo o que está ben e non vos deixades vencer polo medo.
7 Da mesma maneira, homes, seguide tratando as* vosas mulleres con consideración*. Dádelles honra coma a un recipiente máis fráxil, porque elas tamén van herdar o regalo inmerecido da vida igual ca vós. Se non o facedes, as vosas oracións non serán escoitadas.
8 Por último, estade todos unidos na mesma forma de pensar e demostrade empatía, cariño fraternal, tenra compaixón e humildade. 9 Non devolvades mal por mal nin insulto por insulto. En vez diso, facede cousas boas por eles*, porque Deus chamouvos para iso, e así el fará cousas boas por vós*.
10 Porque “quen queira desfrutar da vida e ver días felices debe refrear a súa lingua do que é malo e os seus labios de falar con enganos. 11 Que se aparte do que está mal e que faga o que está ben. Que busque a paz e se esforce por mantela. 12 Porque os ollos de Xehová fíxanse* nos xustos e os seus oídos escoitan as súas súplicas, pero Xehová* está en contra dos que fan cousas malas”.
13 De feito, quen vos fará dano se estades desexando facer o que está ben? 14 Pero, incluso se sufrides por ser xustos, seredes felices. Non lle teñades medo ó que eles lle teñen medo* nin vos preocupedes. 15 Máis ben, recoñecede nos vosos corazóns que Cristo é o Señor e que é santo*. Estade sempre listos para facer unha defensa diante de calquera que vos pregunte sobre a* vosa esperanza, pero facédeo con apracibilidade e profundo respecto.
16 Mantede unha boa conciencia, para que os que digan calquera cousa en contra de vós queden avergonzados debido á vosa boa conduta como seguidores de Cristo. 17 Porque é mellor sufrir por facer o que está ben (se é a vontade de Deus permitilo) que por facer o que está mal. 18 Porque Cristo morreu unha vez e para sempre polos pecados, unha persoa xusta por persoas inxustas, para axudarvos a encontrar a Deus. A Xesús matárono como humano*, pero recibiu vida como espírito. 19 E tendo un corpo espiritual foi a anunciarlles unha mensaxe ós espíritos* que estaban en prisión, 20 que foran desobedientes no pasado cando, nos días de Noé, Deus estaba esperando pacientemente* mentres se construía a arca. Esa arca levou a través da auga a unhas poucas persoas, é dicir, a oito almas*, e así foron salvadas.
21 Podemos comparar o que pasou naqueles días co bautismo*, que vos está salvando a vós agora (non por quitar o que está sucio no corpo, senón por pedirlle a Deus unha boa conciencia) mediante a resurrección de Xesucristo. 22 El está á dereita de Deus, porque foi ó ceo, e anxos, autoridades e poderes foron postos baixo a autoridade del.