Primeira Carta de Pedro
2 Así que desfacédevos de toda clase de maldade, engano, hipocrisía, envexa e de toda calumnia. 2 Igual ca nenos que acaban de nacer, aprendede a desexar intensamente o leite puro* da palabra, para que grazas a el medredes e consigades a salvación. 3 Poderedes facer isto se probades* o bo que é o Señor.
4 A medida que vos acercades a el (que é unha pedra viva que os homes rechazaron pero que Deus escolleu e que é moi valiosa para el), 5 Deus estavos usando como pedras vivas para construír unha casa espiritual, para que sexades un sacerdocio santo e que así ofrezades sacrificios espirituais que Deus acepte por medio de Xesucristo. 6 Porque unha parte das Escrituras di: “Mirade! Poño en Sión* unha pedra escollida, unha pedra angular de fundamento moi valiosa. E quen demostre fe nela nunca quedará decepcionado*”.
7 Polo tanto, el é moi valioso para vós, porque sodes crentes. Pero para os que non cren, “a pedra que os construtores rechazaron chegou a ser a pedra angular principal*” 8 e “é unha pedra que fai tropezar e unha roca que ofende*”. Eles tropezan porque non obedecen a palabra. Xa estaba profetizado que lles pasaría isto. 9 Pero vós sodes “un pobo escollido, un sacerdocio real, unha nación santa, un pobo que é unha propiedade especial. Escolléusevos para que anunciedes por todas partes as magníficas cualidades*” daquel que vos chamou da escuridade á súa luz marabillosa. 10 Porque antes non erades un pobo, pero agora sodes o pobo de Deus. Antes non se vos mostrara misericordia, pero agora mostróusevos misericordia.
11 Queridos irmáns, como estranxeiros e residentes temporais que sodes, suplícovos que vos sigades abstendo dos desexos da carne, que loitan contra vós. 12 Non deixedes de comportarvos de maneira excelente entre as nacións para que, cando se vos acuse de actuar mal, eles sexan testemuñas das vosas boas obras e, como resultado, lle dean gloria a Deus o día no que el faga a súa inspección.
13 Por causa do Señor obedecede* a toda institución* humana, xa sexa ó rei, que é superior a vós, 14 ou ós gobernadores, que foron nomeados por el para castigar os que actúan mal e louvar os que actúan ben. 15 Porque a vontade de Deus é que, ó actuar vós ben, fagades calar ós insensatos que falan sen saber. 16 Vivide coma persoas libres, pero non usedes a vosa liberdade coma unha escusa para facer* o que está mal, senón para ser escravos de Deus. 17 Honrade a xente de toda clase, amade a tódolos irmáns*, temede a Deus*, honrade o rei.
18 Que os servos obedezan ós seus amos con todo o respecto que merecen, non só ós amos que son bos e razoables, senón tamén ós que son difíciles de contentar. 19 Porque cando alguén aguanta dificultades* e sofre inxustamente para ter unha conciencia limpa diante de Deus, iso agrádalle moito a el. 20 Se vos pegan por pecar, que mérito ten que aguantedes? Pero se aguantades sufrimentos por facer o que está ben, iso agrádalle moito a Deus.
21 De feito, para isto se vos chamou, porque incluso Cristo sufriu por vós e así púxovos o exemplo para que sigades fielmente os seus pasos. 22 El non cometeu ningún pecado e na súa boca non houbo falsidade*. 23 Cando o estaban insultando, non respondeu con insultos. Cando estaba sufrindo, non ameazou a ninguén. Máis ben, púxose nas mans daquel que xulga con xustiza. 24 El cargou cos nosos pecados cando o seu corpo foi cravado no madeiro*, para que fósemos liberados dos* pecados e vivísemos para a xustiza. E “grazas ás súas feridas vós fostes curados”. 25 Porque erades coma ovellas que estaban perdidas, pero agora volvestes ó pastor e superintendente das vosas almas*.