Primeira Carta ós Tesalonicenses
4 Por último, irmáns, démosvos instrucións sobre como debedes vivir* para agradar a Deus, e de feito xa o estades facendo. Pero agora pedímosvos e suplicámosvos polo Señor Xesús que o sigades facendo aínda máis. 2 Porque xa sabedes cales son as instrucións* que vos demos de parte do Señor Xesús.
3 Esta é a vontade de Deus: que sexades santos e que vos absteñades da inmoralidade sexual*. 4 Cada un de vós debe saber controlar o seu propio corpo* para mantelo santo e honorable, 5 sen deixarse levar por unha paixón sexual descontrolada que nunca chega a estar satisfeita*, coma a que teñen as nacións que non coñecen a Deus. 6 Ninguén debe ir máis alá dos límites do que é correcto e deshonrar o seu irmán neste asunto, porque Xehová* castiga todas estas cousas, tal como xa vos dixemos e vos advertimos seriamente. 7 Porque Deus non nos chamou para ser impuros*, senón para ser santos. 8 Así que, quen rechaza estas advertencias non está rechazando a un home senón a Deus, que vos dá o seu espírito santo.
9 Por outro lado, vós non necesitades que vos escribamos sobre o amor fraternal, porque Deus estavos ensinando a querervos uns ós outros. 10 De feito, xa o estades facendo con tódolos irmáns de Macedonia. Pero animámosvos a que o sigades facendo aínda máis, irmáns. 11 Poñédevos o obxectivo de* vivir en paz, de non metervos nos asuntos dos demais e de traballar*, tal como vos ensinamos, 12 para que os de fóra* vexan que vos comportades* decentemente e para que non necesitedes nada.
13 Ademais, irmáns, queremos que saibades o* que lles vai pasar ós que morreron*, para que non esteades tristes coma os que non teñen esperanza. 14 Porque se temos fe en que Xesús morreu e foi resucitado*, tamén temos fe en que Deus levará con el os que morreron* como seguidores de Xesús. 15 De acordo coa palabra de Xehová*, dicímosvos que os que esteamos vivos e sobrevivamos ata a presenza* do Señor de ningunha maneira resucitaremos antes que os* que morreron*. 16 Porque o Señor mesmo baixará do ceo dando ordes con voz de arcanxo e coa trompeta de Deus, e os discípulos de Cristo que morreron resucitarán* primeiro. 17 Despois, os que esteamos vivos e sobrevivamos seremos levados con eles entre as nubes para encontrarnos co Señor no aire, e así estaremos sempre co Señor. 18 Así que seguídevos consolando uns ós outros con estas palabras.