As boas noticias segundo Mateo
15 Entón, uns fariseos e uns escribas que viñan de Xerusalén acercáronse a Xesús e dixéronlle: 2 “Por que os teus discípulos pasan por alto as tradicións dos nosos antepasados? Por exemplo, non lavan as mans* antes de comer”.
3 El respondeulles: “E vós, por que pasades por alto os mandamentos de Deus para seguir as vosas propias tradicións? 4 Por exemplo, Deus dixo ‘Honra a teu pai e a túa nai’, e tamén ‘Quen fale con desprezo do seu pai ou da súa nai* terá que morrer’. 5 Pero vós dicides: ‘Quen lle diga a seu pai ou a súa nai “Todo o que teño e que podería usar para axudarche é un regalo que lle dediquei a Deus”, 6 xa non está obrigado a honrar os seus pais’. Ó facer isto, estades anulando a palabra de Deus para seguir as vosas propias tradicións. 7 Hipócritas! Con razón Isaías profetizou sobre vós: 8 ‘Este pobo hónrame cos labios pero o seu corazón está moi lonxe de min. 9 Non vale de nada que me estean adorando, porque o que ensinan baséase en mandamentos de homes’”. 10 Entón pediulle á multitude que se acercase e dixo: “Escoitade e entendede isto: 11 o que contamina a alguén non é o que entra pola súa boca, senón o que sae da súa boca”.
12 Os discípulos acercáronse e dixéronlle: “Sabes que os fariseos se ofenderon* polo que dixeches?”. 13 El contestoulles: “Calquera planta que non plantase o meu Pai celestial será arrancada de raíz. 14 Así que deixádeos, son guías cegos. E se un cego guía outro cego, os dous caerán nun burato”. 15 Pedro díxolle: “Explícanos a comparación que puxeches antes”. 16 Entón, Xesús respondeulle: “Vós tamén seguides sen entendelo? 17 Non vos dades conta de que todo o que entra pola boca pasa polo estómago e acaba saíndo do corpo*? 18 Pero as cousas que saen pola boca veñen do corazón, e esas cousas son as que contaminan unha persoa. 19 Por exemplo, do corazón saen razoamentos malvados que poderían levar a asasinatos, adulterios, inmoralidade sexual*, roubos, falsos testemuños e blasfemias. 20 Estas son as cousas que contaminan unha persoa, pero comer sen lavar as mans* non contamina a ninguén”.
21 Xesús marchou de alí e foi á rexión de Tiro e Sidón. 22 Entón, chegou unha muller fenicia daquela zona e púxose a berrar: “Ten compaixón* de min, Señor, Fillo de David! A miña filla está posuída por un demo e está sufrindo moito”. 23 Pero el non lle contestou nin unha palabra. Así que os seus discípulos acercáronse a el e pedíronlle: “Dille que marche, porque vén detrás de nós e non para de berrar”. 24 El respondeu: “Fun enviado para axudar soamente ás persoas da nación* de Israel, que son coma ovellas perdidas”. 25 Pero a muller acercouse, inclinouse diante del* e suplicoulle: “Señor, axúdame!”. 26 Xesús respondeulle: “Non está ben quitarlles o pan ós fillos para botárllelo ós canciños”. 27 Ela díxolle: “É certo, Señor. Pero tamén é verdade que os canciños comen das miguiñas que caen da mesa dos seus donos”. 28 Entón Xesús respondeulle: “Muller, tes unha fe ben grande! Que se cumpra o que pediches”. E nese momento, a filla da muller curou.
29 Cando marchou daquel lugar, Xesús foi a un sitio que estaba cerca do mar de Galilea e subiu á montaña. Mentres estaba alí sentado, 30 acercouse moitísima xente e trouxéronlle persoas que estaban coxas, impedidas, cegas, mudas e moitas outras persoas enfermas. Poñíanas ós pés de Xesús e el curábaas. 31 A xente quedou impresionada ó ver que os mudos falaban, os impedidos quedaban curados, os coxos andaban e os cegos vían. E todos lle deron gloria ó Deus de Israel.
32 Despois, Xesús chamou os seus discípulos e díxolles: “Dáme moita pena* toda esta xente, porque xa levan tres días comigo e non teñen nada que comer. Non quero mandalos de volta con fame, non vaia ser que se desmaien polo camiño”. 33 Pero os discípulos dixéronlle: “Estamos nun sitio apartado. De onde imos sacar suficiente pan para darlle de comer a tanta xente?”. 34 Entón Xesús preguntoulles: “Cantos pans tedes?”. Eles respondéronlle: “Sete, e uns poucos peixes pequenos”. 35 Así que el mandoulle á xente que se sentase no chan, 36 colleu os sete pans e os peixes, e deulle grazas a Deus. Despois partiunos, empezou a dárllelos ós seus discípulos e eles repartíronos entre as persoas. 37 Todos comeron e ninguén quedou con fame. Ó final, co que sobrou encheron sete cestas grandes. 38 En total, comeron 4000 homes, ademais das mulleres e dos nenos. 39 Despois de despedir a xente, subiu á barca e chegou á rexión de Magadán.