Carta ós Hebreos
10 Porque a Lei ten unha sombra das cousas boas que tiñan que vir, pero non a propia realidade* desas cousas. Por iso a Lei* e os mesmos sacrificios que se fan continuamente cada ano non poden facer que os que adoran a Deus cheguen a ser perfectos. 2 Se fose así, deixaríanse de facer sacrificios, non? Porque se os que dan servizo sagrado fosen purificados, xa non serían conscientes de ningún pecado. 3 Pero é todo o contrario. Estes sacrificios recórdanlle ó pobo cada ano que son pecadores, 4 porque o sangue de touros e de cabras non pode eliminar os pecados.
5 Así que cando Cristo veu ó mundo, díxolle a Deus: “‘Non quixeches sacrificios nin ofrendas, pero preparáchesme un corpo. 6 Non aprobaches nin ofrendas queimadas* nin ofrendas polo pecado*’. 7 Entón dixen: ‘Mira! Aquí estou* (no rolo* está escrito sobre min) para facer a túa vontade, meu Deus’”. 8 Primeiro di “Non quixeches nin aprobaches sacrificios, nin ofrendas, nin ofrendas queimadas, nin ofrendas polo pecado”, que son sacrificios que se fan de acordo coa Lei. 9 E despois di: “Mira! Vin para facer a túa vontade”. El elimina o primeiro* para establecer o segundo*. 10 Por esa vontade fomos santificados mediante o corpo de Xesucristo, que foi ofrecido unha vez e para sempre.
11 Ademais, tódolos sacerdotes están no seu posto cada día para cumprir co seu servizo santo* e para ofrecer os mesmos sacrificios moitas veces, aínda que eses sacrificios nunca eliminan os pecados por completo. 12 Pero este home ofreceu un só sacrificio para sempre polos pecados e sentouse á dereita de Deus. 13 Desde ese momento está esperando a que Deus poña os seus inimigos como banco para os seus pés. 14 Porque cunha única ofrenda como sacrificio fixo que os que están sendo santificados sexan perfectos para sempre. 15 Ademais, o espírito santo tamén nos confirma isto*, porque primeiro dixo: 16 “Xehová* di: ‘Este é o pacto que vou facer con eles despois deses días. Vou poñer as miñas leis no seu corazón e vounas escribir na súa mente’”. 17 Despois di: “E non me volverei a acordar dos seus pecados nin das cousas malas* que fixeron”. 18 E cando Deus perdoa eses pecados, xa non hai que facer unha ofrenda polo pecado.
19 Así que, irmáns, como temos a seguridade de que podemos* usar o camiño de entrada ó lugar santo grazas ó sangue de Xesús 20 (un camiño novo e vivo que el abriu* para nós pasando máis alá da cortina, é dicir, o seu corpo*), 21 e como temos un gran sacerdote a cargo da casa de Deus, 22 acerquémonos a Deus cun corazón sincero e cunha fe completa. Porque os nosos corazóns foron limpados* dunha mala conciencia e os nosos corpos foron lavados con auga limpa. 23 Non deixemos de anunciar a* nosa esperanza, e fagámolo sen dubidar, porque quen fixo a promesa é fiel. 24 E esteamos pendentes uns dos outros* para motivarnos a mostrar amor e a facer boas obras, 25 sen deixar de reunirnos, como algúns teñen o costume de facer. En vez diso, animémonos uns ós outros, e sobre todo agora que vemos que se acerca o día*.
26 Porque se practicamos o pecado a propósito despois de recibir o coñecemento exacto da verdade, xa non hai ningún outro sacrificio que se poida facer polos nosos pecados. 27 Só queda esperar a que chegue o terrible xuízo e a furia ardente que vai destruír os que se opoñen a Deus. 28 Calquera que pasa por alto a Lei de Moisés é executado sen compaixón polo testemuño de dúas ou tres persoas. 29 E logo, non credes que merece moito máis castigo o que rechazou con desprezo* ó Fillo de Deus, e que lle deu pouco valor ó sangue do pacto co que foi santificado, e ofendeu e desprezou o espírito santo co que Deus mostra a súa bondade inmerecida? 30 Porque coñecemos ó que dixo: “A vinganza é miña. Eu dareilles o que merecen”. E tamén: “Xehová* xulgará o seu pobo”. 31 É terrible caer nas mans do Deus vivo.
32 Pero recordade continuamente os días do pasado nos que aguantastes moitas cousas* con moito sufrimento despois de que a luz de Deus vos iluminase. 33 Algunhas veces expuxéronvos publicamente* tanto a insultos como a persecución. E outras veces estivestes ó lado* dos que estaban pasando por esa situación. 34 De feito, demostrastes compaixón polos que estaban presos e aceptastes con alegría que saqueasen os vosos bens, porque sabedes que tedes unha herdanza mellor e duradeira.
35 Así que non perdades o valor*, porque vai ser ben recompensado. 36 Vós necesitades aguantar para que, despois de facer a vontade de Deus, recibades o que prometeu. 37 Porque dentro de “moi pouco”, “quen vén* chegará, e non vai tardar”. 38 “Pero o meu xusto vivirá pola súa fe” e “se recúa, el non me agradará*”. 39 Pero nós non somos dos que recúan e acaban sendo destruídos, senón dos que teñen fe e conservan a súa vida.