Carta ós Hebreos
10 Porque xa que a Lei contén soamente unha sombra dos bens futuros e non a imaxe mesma destas realidades, cos sacrificios que se ofrecen —sempre os mesmos cada ano—, endexamais non poderá a Lei volver perfectos ós que se acollen a ela. 2 Porque ¿acaso estes sacrificios non se deixarían de ofrecer, se os que os practican, purificados de vez, non tivesen xa ningunha conciencia dos seus pecados? 3 Polo contrario, nestes sacrificios conmemóranse os pecados un ano tras outro.
4 A verdade é que resulta imposible que o sangue de touros e de cabras quite os pecados. 5 Por iso, cando Cristo entra no mundo, di:
“Sacrificios e ofrendas non os quixeches,
pero formáchesme un corpo;
6 holocausto e sacrificio de expiación
non che gustaron;
7 entón dixen:
olla que xa cheguei, meu Deus,
para face-la túa vontade
—como se di de min nun capítulo do libro”—.
8 Di no comezo: “Sacrificios, ofrendas, holocaustos e sacrificios de expiación, nin os quixeches nin che gustaron” (todos eles son sacrificios que a Lei manda ofrecer); 9 e di despois: “Olla que xa cheguei para face-la túa vontade”. Deixa sen validez o primeiro para darlle soamente validez ó segundo. 10 Foi por esta vontade de Deus, como quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo.
11 Todo sacerdote ten que estar de pé a cotío para celebra-lo culto e ofrecer un tras outro os mesmos sacrificios, aínda que estes sacrificios de ningún xeito poidan quita-los pecados. 12 Este, en troques, logo que ofreceu un único sacrificio polos pecados, sentou para sempre á dereita de Deus 13 e, deste xeito, non lle queda máis que agardar a que Deus faga dos seus inimigos un estrado para os seus pés. 14 Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos ós que el santifica.
15 Isto mesmo nos testifica o Espírito Santo, xa despois de ter dito: 16 “Esta é a alianza que pactarei con eles cando cheguen aqueles días, di o Señor: cando dea as miñas leis, héillelas de escribir nos seus corazóns e nas súas mentes”, 17 e engade: “xa non me lembrarei máis dos seus pecados e dos seus delitos”. 18 Ora, se hai perdón dos pecados, xa non pode haber sacrificios polos pecados.
19 Pois logo, irmáns, xa que temos entrada libre no santuario, debido ó sangue de Xesús, 20 un vieiro novo e vivente que el nos abriu a través da cortina, isto é, a través da súa carne, 21 e, xa que temos un gran sacerdote á fronte da casa de Deus, 22 manteñámonos con criterios sans na súa presencia con plenitude de fe. Xa que estamos limpos por dentro de toda consciencia de pecado e xa que estamos lavados por fóra con auga limpa, 23 manteñámo-la esperanza indefectible que profesamos, pois quen prometeu é fiel. 24 E considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras. 25 E non faltedes endexamais á nosa reunión, como fan algúns, senón que nos animemos uns ós outros e tanto máis canto que ollades que está a chegar aquel día.
26 Porque, se permanecemos no pecado, porque nos dá a gana, despois de termos recibido o pleno coñecemento da verdade, xa non nos queda outro sacrificio polos pecados: 27 soamente a horrible perspectiva do xuízo e a fogaxe de lume que está para devora-los inimigos. 28 A quen non fai caso dalgún precepto da Lei de Moisés, mátano sen compaixón, baseándose en dous ou tres testemuñas. 29 ¿Canto peor castigo coidades que merecerá un que tripou no Fillo de Deus, que considerou cousa profana o sangue da alianza, co que fora consagrado, e que aldraxou ó Espírito da gracia? 30 Porque ben sabemos quen foi o que dixo: “A vinganza tócame a min. Eu héillelas devolver”; e tamén: “O Señor xulgará o seu pobo”. 31 Terribe ten que ser caer nas mans do Deus vivo.
32 Lembrádevos dos primeiros días, nos que recén iluminados soportastes tanta competición dolorosa: 33 unhas veces por vervos expostos a aldraxes e escarnios públicos; outras por sentirvos compañeiros dos que se atopaban nesas situacións. 34 A verdade é que vos compadeciades dos presos e aceptabades con alegría as confiscacións dos vosos bens, xa que tiñades ben aprendido que tedes un patrimonio ben mellor e duradeiro. 35 Non deixedes a un lado a vosa esperanzada confianza, que contén unha gran recompensa. 36 Xa que, de feito, cómprevos paciencia para vos conformar coa vontade de Deus e deste xeito consegui-la promesa: 37 porque aínda un pouco, ben pouquiño, e o que está para vir chegará e non se retrasará; 38 quen me é fiel vivirá por mor da súa fidelidade; pero, se algún recúa da miña fidelidade, deixará de agradarme. 39 Pero nós non somos dos que recúan para acabar na perdición, senón dos que son fieis e se salvan.