Primeira Carta ós Tesalonicenses
5 Irmáns, non necesitades que se vos escriba nada sobre os tempos e as épocas, 2 porque sabedes moi ben que o día de Xehová* vai vir exactamente igual que un ladrón pola noite. 3 Cando anden dicindo “Paz e seguridade!”, entón virá sobre eles de repente a destrución, igual que lle veñen as dores de parto a unha muller embarazada, e non escaparán de ningunha maneira. 4 Pero vós, irmáns, non estades en escuridade como para que ese día vos colla por sorpresa igual que a luz do día sorprendería a uns ladróns. 5 Porque todos sodes fillos da luz e fillos do día. Nós non somos nin da noite nin da escuridade.
6 Así que non quedemos durmidos como fan os demais. Sigamos despertos e manteñamos o noso bo xuízo. 7 Porque os que dormen, dormen de noite, e os que se emborrachan, emborráchanse de noite. 8 Pero nós, que somos do día, manteñamos o noso bo xuízo e poñamos a coiraza da fe e do amor, e o casco da esperanza da salvación. 9 Porque Deus non nos escolleu para sufrir a súa ira, senón para conseguir a salvación por medio do noso Señor Xesucristo. 10 El morreu por nós para que, tanto se estamos despertos como durmidos*, vivamos con el. 11 Así que seguide animándovos* uns ós outros e fortalecéndovos* uns ós outros, tal como xa o estades facendo.
12 Irmáns, agora pedímosvos que respectedes os que están traballando moito entre vós, que vos dirixen* na obra do Señor e vos aconsellan. 13 Valorádeos moitísimo e tratádeos con amor polo traballo que fan. Ademais, sede pacíficos uns cos outros. 14 Por outro lado, irmáns, suplicámosvos que advirtades ós indisciplinados*, que consoledes ós deprimidos*, que apoiedes ós débiles e que sexades pacientes con todos. 15 Asegurádevos de que ninguén devolva mal por mal. En vez diso, esforzádevos por facer sempre o que está ben entre vós e a tódolos demais.
16 Estade sempre alegres. 17 Orade constantemente. 18 Dade grazas por todo. Esta é a vontade de Deus para vós como seguidores de Cristo Xesús. 19 Non apaguedes o lume do espírito santo. 20 Non desprecedes as profecías. 21 Comprobade tódalas cousas e apegádevos ó que está ben. 22 Evitade todo tipo de maldade.
23 Que o Deus da paz vos santifique por completo. Ademais, irmáns, que o voso espírito, a vosa alma* e o voso corpo se manteñan sen culpa e sans en tódolos sentidos durante a presenza* do noso Señor Xesucristo. 24 Quen vos chama é fiel e non hai dúbida de que o vai facer.
25 Irmáns, seguide orando por nós.
26 Saudade a tódolos irmáns con cariño*.
27 No nome do Señor, mándovos que se lea esta carta a tódolos irmáns.
28 Que a bondade inmerecida do noso Señor Xesucristo estea con vós.