Primeira Carta ós Corintios
15 Irmáns, agora quero recordarvos as boas noticias que vos anunciei. Vós aceptástelas e mantivéstesvos firmes grazas a elas. 2 Se vos aferrades ás boas noticias que vos anunciei, tamén sodes salvados. Pero se non, fixéstesvos crentes para nada.
3 Porque entre as primeiras cousas que vos ensinei estaba o que eu tamén aprendín: que Cristo morreu polos nosos pecados, tal como din as Escrituras; 4 que foi enterrado e que foi resucitado* ó terceiro día, tal como din as Escrituras; 5 e que se lle apareceu a Cefas* e despois ós Doce. 6 Despois aparecéuselles a máis de 500 irmáns á vez. A maioría deles aínda están con nós, pero algúns xa morreron*. 7 Máis tarde, aparecéuselle a Santiago, e despois a tódolos apóstolos. 8 Por último, tamén se me apareceu a min, como a alguén que naceu de maneira prematura.
9 De feito, eu son o menos importante dos apóstolos e non merezo ser chamado apóstolo, porque perseguín a congregación de Deus. 10 Pero grazas á bondade inmerecida de Deus son o que son. E a bondade inmerecida que me mostrou non foi en balde, porque traballei máis que tódolos demais apóstolos. Pero non foi grazas ás miñas propias forzas, senón grazas á bondade inmerecida de Deus. 11 Así é como predicamos, tanto eu coma os demais, e así é como chegastes a crer.
12 Entón, se se está predicando que Cristo resucitou de entre os mortos, como é que algúns de vós dicides que non hai resurrección dos mortos? 13 De feito, se non hai resurrección dos mortos, tampouco Cristo foi resucitado. 14 Pero se Cristo non foi resucitado, a nosa predicación non vale para nada e a vosa fe tampouco. 15 E ademais somos testemuñas falsas de Deus, porque testificamos contra Deus ó dicir que el resucitou ó Cristo. Pero iso non pode ser certo se os mortos non van ser resucitados. 16 Porque se os mortos non van ser resucitados, entón Cristo tampouco resucitou. 17 Ademais, se Cristo non foi resucitado, a vosa fe non vale para nada e aínda sodes culpables dos vosos pecados. 18 E se fose así, tamén os que morreron* sendo seguidores de Cristo morreron para sempre. 19 Se puxemos a nosa esperanza en Cristo só para esta vida, merecemos que sintan máis pena por nós que por calquera outra persoa.
20 Pero sabemos que Cristo foi resucitado de entre os mortos. El foi o primeiro que resucitou* dos que morreron*. 21 Porque igual que a morte veu por medio dun home, a resurrección dos mortos tamén vén por medio dun home. 22 Igual que todos morren por culpa de Adán, todos recibirán vida por medio do Cristo. 23 Pero cada un vaina recibir na orde que lle corresponde: Cristo foi o primeiro*, e despois, durante a presenza* de Cristo, os que son del. 24 Entón, chegará o fin*, cando el lle entregue o Reino ó seu Deus e Pai, despois de destruír tódolos gobernos, autoridades e poderes. 25 Porque el ten que reinar ata que Deus poña a tódolos inimigos debaixo dos seus pés*. 26 Entón, o último inimigo, a morte, será destruído. 27 Porque as Escrituras din que Deus “puxo tódalas cousas debaixo dos seus pés”. Pero cando Deus di que “puxo tódalas cousas debaixo dos seus pés”, está claro que iso non inclúe a Deus, que foi quen puxo todo baixo o control de Cristo. 28 E cando tódalas cousas estean postas baixo o seu control, entón o Fillo tamén se poñerá el mesmo baixo a autoridade de Deus, que foi quen puxo tódalas cousas baixo o control do Fillo. Así Deus será tódalas cousas para* todos.
29 Se non fose así, que pasa cos que se bautizan co propósito de morrer*? Se os mortos non van ser resucitados, por que se bautizan con ese propósito? 30 E por que estamos en perigo todo o tempo*? 31 Enfróntome á morte cada día. Irmáns, isto é tan certo coma o orgullo* que sinto por vós pola relación que tedes con Cristo Xesús, o noso Señor. 32 Se loitei con animais salvaxes en Éfeso, igual que fixeron outros homes*, de que me vale? Se os mortos non van ser resucitados, “comamos e bebamos porque mañá imos morrer”. 33 Non vos deixedes enganar. As malas compañías botan a perder os bos costumes*. 34 Entrade en razón facendo o que é xusto e non practiquedes o pecado, porque algúns non coñecen realmente a Deus. Dígovos isto para que vos avergoncedes.
35 Pero algún dirá: “Como resucitarán os mortos? Que tipo de corpo terán?”. 36 Insensato! O que sementas non pode ter vida a non ser que primeiro morra. 37 E o que sementas non é o corpo que vai medrar, senón un simple gran, de trigo ou dalgunha outra semente. 38 Pero Deus dálle o corpo que quere, e dálle a cada semente o corpo que lle corresponde. 39 Non tódolos corpos* son iguais: algúns son humanos, outros de gando, outros de aves e outros de peixes. 40 Hai corpos celestiais e corpos terreais, pero a gloria dos corpos celestiais é dunha clase e a dos terreais é doutra. 41 A gloria do sol é dunha clase, a da lúa é doutra e a das estrelas é doutra. De feito, a gloria de cada estrela é diferente.
42 O mesmo pasa coa resurrección dos mortos. Seméntase en corrupción e resucítase en incorrupción*. 43 Seméntase en deshonra e resucítase en gloria. Seméntase en debilidade e resucítase en poder. 44 Seméntase un corpo físico e resucítase un corpo espiritual. Se hai un corpo físico, tamén hai un corpo espiritual. 45 Isto é o que está escrito: “O primeiro home, Adán, chegou a ser un ser vivo*”. O último Adán* chegou a ser un espírito que dá vida. 46 Pero o corpo espiritual non vén primeiro. Primeiro vén o corpo físico e despois o espiritual. 47 O primeiro home veu da terra, foi feito do po. O segundo home veu do ceo. 48 Os que son feitos do po son coma o primeiro home, que foi feito do po, e os que son celestiais son coma o que veu do ceo. 49 E igual que somos coma o que foi feito do po, tamén seremos coma o que veu do ceo.
50 Pero, irmáns, dígovos que carne e óso* non poden herdar o Reino de Deus nin a corrupción pode herdar a incorrupción*. 51 Mirade! Vouvos contar un segredo sagrado: non todos imos morrer, pero todos imos ser transformados. 52 Isto vai suceder nun momento, nun abrir e pechar de ollos, durante o toque da última trompeta. Porque a trompeta soará e os mortos serán resucitados incorruptibles, e nós seremos transformados. 53 Porque este corpo corruptible vaise transformar nun incorruptible, e este corpo mortal vaise transformar nun inmortal*. 54 Pero cando o que é corruptible se volva incorruptible, e o que é mortal se volva inmortal, entón cumprirase o que está escrito: “A morte é eliminada* para sempre”. 55 “Morte, onde está a túa vitoria? Morte, onde está o teu aguillón?” 56 O pecado é o aguillón que causa a morte, e a Lei dálle poder ó pecado*. 57 Pero dámoslle grazas a Deus porque el dános a vitoria por medio do noso Señor Xesucristo!
58 Polo tanto, meus queridos irmáns, mantédevos firmes, inamovibles, e estade sempre moi ocupados na obra do Señor, convencidos de que o voso traballo relacionado co Señor non é en balde.