Primeira Carta ós Corintios
14 Seguide mostrando amor, pero tamén seguídevos esforzando por recibir dons espirituais, sobre todo o de profetizar. 2 Porque quen ten o don de falar noutro idioma non lles fala ós homes, senón a Deus. E ninguén entende o que di porque fala segredos sagrados polo poder do espírito. 3 Pero quen profetiza fortalece, anima e consola a outros coas súas palabras. 4 A persoa que fala noutro idioma fortalécese a si mesma, pero a que profetiza fortalece a congregación. 5 Gustaríame que todos tivésedes o don de falar noutros idiomas, pero prefiro que profeticedes. De feito, o que profetiza é máis necesario que o que fala noutros idiomas, a non ser que interprete* o que di para fortalecer a congregación. 6 Pero, irmáns, se agora eu chegase falando noutros idiomas e non vos transmitise unha revelación de Deus ou coñecemento ou unha profecía ou unha ensinanza, de que vos serviría?
7 Pasa o mesmo coas cousas inanimadas que producen sons, coma a frauta ou a arpa. A non ser que se distingan claramente as notas, como vai recoñecer alguén o que se está tocando coa frauta ou coa arpa? 8 E se o toque da trompeta non é claro, quen se vai preparar para a batalla? 9 Da mesma maneira, se cando falades coa boca non usades palabras que se entendan facilmente, como saberá alguén o que estades dicindo? Será coma se lle estivésedes falando ó aire. 10 No mundo fálanse moitos idiomas, e todos teñen sentido. 11 Pero se eu non entendo o significado do que se di, serei coma un estranxeiro para o que está falando, e o que está falando será coma un estranxeiro para min. 12 O mesmo pasa con vós. Como tedes tantas ganas de recibir os dons mediante o espírito santo, esforzádevos por ter moitos dons que fortalezan a congregación.
13 Por iso, quen fala noutro idioma, que faga unha oración para poder interpretar* o que está dicindo. 14 Porque se fago unha oración noutro idioma, o que está orando é o don que se me dá por medio do espírito santo, pero a miña mente non está facendo nada. 15 Entón, que debería facer? Farei oracións co don que se me dá por medio do espírito, pero tamén farei oracións entendendo o que estou dicindo*. Cantarei louvanzas a Deus co don que se me dá por medio do espírito, pero tamén cantarei louvanzas a Deus usando palabras que entenda*. 16 Pero se louvas a Deus por medio dun don do espírito santo, como poderá a persoa que está con vós dicir “Amén” á oración que fas para dar grazas se non sabe o que estás dicindo? 17 É certo que a túa maneira de dar grazas é moi boa, pero a outra persoa non se está beneficiando*. 18 Doulle grazas a Deus porque falo en máis idiomas ca todos vós. 19 Pero na congregación prefiro dicir cinco palabras que se poidan entender*, para poder ensinar* a outros, que dicir dez mil palabras nun idioma descoñecido.
20 Irmáns, non sexades coma nenos na vosa maneira de pensar*. En vez diso, sede coma nenos no que ten que ver coa maldade e sede adultos na vosa maneira de pensar. 21 Na Lei está escrito: “‘Falareille a este pobo nos idiomas dos estranxeiros e cos labios dos estraños, e aínda así non me farán caso’, di Xehová*”. 22 Así que o don de falar outros idiomas non é un sinal para os crentes, senón para os que non son crentes. En cambio, as profecías non son para os que non son crentes, senón para os crentes. 23 Por iso, se toda a congregación está reunida e están todos falando en diferentes idiomas, e entón entran persoas comúns ou que non son crentes, non van dicir que toleastes? 24 Pero se todos estades profetizando e entra unha persoa común ou que non é crente, o que oe serviralle para corrixirse e analizarase a si mesmo con coidado. 25 Como os segredos do seu corazón sairán á luz, el botarase ó chan, baixará a cabeza e adorará a Deus, dicindo: “Deus de verdade está entre vós”.
26 Entón, irmáns, que hai que facer? Cando vos reunides, un canta un salmo, outro ensina, outro ten unha revelación, outro fala nun idioma diferente e outro interpreta* o que se di. Facédeo todo para fortalecervos uns ós outros. 27 E se algúns falan outro idioma, que o fagan dúas ou tres persoas como moito e un despois do outro, e que alguén interprete* o que din. 28 Pero, se non hai ningún intérprete*, que queden calados na reunión* e que falen consigo mesmos e con Deus. 29 Que falen dous ou tres profetas e que os demais analicen o significado do que din. 30 Pero se algún outro recibe unha revelación de Deus mentres está alí sentado na reunión, que o que estaba falando cale. 31 Porque todos podedes profetizar de un en un, para que todos aprendan e se animen. 32 Os profetas deben controlar como usan os seus dons do espírito. 33 Porque Deus non é un Deus de desorde, senón de paz.
Igual que en tódalas congregacións dos santos*, 34 que as mulleres queden caladas nas reunións*, porque non se lles permite falar. En vez diso, deben ser obedientes*, tal como di a Lei. 35 Se queren saber algunha cousa, que lla pregunten na casa ó seu home, porque é vergonzoso que unha muller fale na reunión*.
36 Seica saíu de vós a palabra de Deus? Sodes os únicos ós que vos chegou?
37 Se alguén pensa que é profeta ou que recibiu un don do espírito santo, ten que recoñecer que o que vos escribo son mandamentos do Señor. 38 Pero se alguén rechaza isto, el tamén vai ser rechazado*. 39 Así que, meus irmáns, seguídevos esforzando por profetizar e non prohibades falar en diferentes idiomas. 40 Pero facédeo todo de maneira apropiada e ordenada.