Evanxeo segundo San Marcos
16 Pasado o sábado, María Magdalena, María de Santiago e mais Salomé mercaron perfumes para iren embalsamalo. 2 E moi cedo, no primeiro día da semana, despois da alborada, foron ó sepulcro. 3 Ían comentando entre elas:
—¿Quen nos vai arreda-la lousa da entrada do sepulcro?
4 Pero, erguendo a vista, descubriron que a lousa estaba arredada; iso que era moi grande.
5 Entrando no sepulcro, viron un mozo vestido de branco, sentado no lado dereito, e quedaron espantadas. 6 Pero el díxolles:
—Non vos espantedes. ¿Buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí, resucitou. Mirade o lugar onde o puxeron. 7 Agora ídelles dicir ós discípulos e mais a Pedro que el vai diante de vós a Galilea; alí o veredes, como vos ten dito.
8 Elas saíron fuxindo do sepulcro, pasmadas e tremendo; e non lle contaron nada a ninguén, do medo que tiñan.
9 Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana, e aparecéuselle en primeiro lugar a María Magdalena, da que botara sete demos. 10 Ela fóillelo dicir ós compañeiros del, que estaban chorosos e tristeiros. 11 Pero estes, oíndolle dicir que estaba vivo e que ela o vira, non llo creron.
12 Despois disto, aparecéuselles, en figura diferente, a dous que ían de camiño a un lugar. 13 Estes fóronllelo contar tamén ós demais, pero nin a eles os creron.
14 Por último, aparecéuselles ós Once mentres estaban á mesa, botándolles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón, por non creren a aqueles que o viran resucitado de entre os mortos. 15 E díxolles:
—Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. 16 Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase. 17 Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; 18 collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporánlle-las mans ós enfermos, e estes curarán.
19 O Señor, despois de lles falar así, elevouse ó ceo, e sentou á dereita de Deus. 20 Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban.