Segunda Carta ós Corintios
4 Por iso exercendo este servicio pola misericordia de Deus, non nos apoucamos; 2 máis ben puxemos á parte todo tipo de simulación, deixándonos de intrigas e evitando falsea-la palabra de Deus. Ben ó contrario, manifestando a verdade, recomendámonos nós mesmos á conciencia que todo home ten diante de Deus.
3 Se o noso Evanxeo continúa velado, é para aqueles que se perden: 4 pola súa incredulidade o deus deste mundo cegóulle-lo entendemento para que non vexan o esplendor do Evanxeo da gloria de Cristo, que é imaxe de Deus. 5 Porque nós non nos anunciamos a nós, anunciamos a Xesús Cristo como Señor; e a nós, coma servos vosos por causa de Xesús. 6 Pois o Deus que dixo brille a luz no medio das tebras, alumeou nos nosos corazóns, para que se manifestase o coñecemento da gloria de Deus no rostro de Cristo.
7 Mais levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece coma forza de Deus, e non nosa. 8 Aprétannos por todas partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros mais non desesperados; 9 andamos perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan. 10 Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo. 11 Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. 12 E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
13 Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito creo e por iso falo, tamén nós cremos e por iso falamos. 14 Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda el. 15 Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a gracia, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus.
16 Por iso non nos apoucamos: aínda que o noso exterior vai esmorecendo, o interior, todo o contrario: renóvase de días a días. 17 Os sufrimentos transitorios e leves prepárannos unha inmensa carga de gloria eterna por riba de toda medida. 18 Non poñémo-las nosas olladas nas cousas que se ven, senón nas que non se ven; porque as que se ven son efémeras, mentres que as que non se ven son eternas.