As boas noticias segundo Marcos
9 Ademais díxolles: “Asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Reino de Deus xa establecido con poder”. 2 Seis días despois, Xesús levou a Pedro, a Santiago e a Xoán a unha montaña alta, e estiveron alí sós. E Xesús transfigurouse* diante deles. 3 A súa roupa empezou a brillar e volveuse máis branca do que ningún lavandeiro na terra podería deixala. 4 Ademais, aparecéronselles Elías e Moisés, e estaban falando con Xesús. 5 Entón, Pedro díxolle a Xesús: “Rabí*, que ben que esteamos aquí! Montemos tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. 6 En realidade, Pedro non sabía como reaccionar porque estaban moi asustados. 7 Entón formouse unha nube que os cubriu, e oíuse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu querido Fillo. Escoitádeo”. 8 E de repente, cando miraron ó seu arredor, viron que xa non había ninguén con eles. Só estaba Xesús.
9 Mentres baixaban da montaña, Xesús mandoulles seriamente que non lle contasen a ninguén o que viran ata que o Fillo do Home resucitase* de entre os mortos. 10 Eles fixeron o que lles dixo*, pero falaban entre eles sobre que significaría iso de que ía resucitar* de entre os mortos. 11 E preguntáronlle a Xesús: “Por que din os escribas que Elías ten que vir antes que o Cristo?”. 12 El respondeulles: “É certo que primeiro vén Elías e restablece tódalas cousas. Pero entón, por que está escrito que o Fillo do Home ten que pasar por moitos sufrimentos e que o van desprezar? 13 Pois eu dígovos que en realidade Elías xa veu e fixeron con el o que quixeron, xusto como se escribiu que pasaría”.
14 Cando Xesús e os tres discípulos chegaron onde estaban os demais, víronos rodeados por unha gran multitude, e había uns escribas que estaban discutindo con eles. 15 En canto a multitude viu a Xesús, a xente sorprendeuse moitísimo e foron correndo a saudalo. 16 E el preguntoulles: “Sobre que estades discutindo?”. 17 Entón un home dos que estaban entre a xente contestoulle: “Mestre, trouxen aquí o meu fillo porque ten dentro un demo que o deixou mudo*. 18 Cada vez que o demo o controla, tírao ó chan e o rapaz bota espuma pola boca, aperta os dentes e queda sen forzas. Pedinlles ós teus discípulos que botasen fóra o demo, pero non foron capaces”. 19 Xesús respondeulles: “Esta xeración non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós? Ata cando terei que soportarvos? Traédemo”. 20 Entón trouxéronlle o rapaz. Pero en canto o demo viu a Xesús, fixo que o rapaz tivese convulsións e, despois de caer, rodou polo chan botando espuma pola boca. 21 E Xesús preguntoulle ó pai: “Desde cando lle pasa isto?”. El contestoulle: “Desde que era pequeno. 22 Moitas veces, o demo bótao no lume ou na auga para matalo. Así que, se podes facer algo, ten compaixón de nós e axúdanos”. 23 Xesús díxolle: “Por que dis ‘Se podes facer algo’? Todo é posible para quen ten fe”. 24 Inmediatamente, o pai do rapaz berrou: “Teño fe! Pero axúdame a ter máis fe!”.
25 Cando Xesús se deu conta de que unha multitude viña correndo cara a eles, reprendeu o demo e díxolle: “Espírito mudo e xordo, mándoche que saias del e que non volvas entrar máis!”. 26 Despois de berrar e de facer que o rapaz tivese moitas convulsións, o demo saíu e o rapaz quedou coma se estivese morto. De feito, case todos dicían: “Está morto!”. 27 Pero Xesús colleuno pola man e levantouno, e o rapaz púxose de pé. 28 Despois, Xesús e os seus discípulos entraron nunha casa, e eles preguntáronlle en privado: “Por que nós non puidemos botar fóra ese demo?”. 29 El respondeulles: “Este tipo de espírito só pode saír con oración”.
30 Entón saíron de alí e cruzaron Galilea, pero el non quería que ninguén o soubese 31 porque estaba ensinándolles ós seus discípulos. Dicíalles: “O Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos, e eles matarano. Pero, aínda que o van matar, resucitará* tres días despois”. 32 Eles non entenderon o que quixo dicir, pero dáballes medo preguntarlle.
33 Cando chegaron a Capernaúm e entraron na casa, Xesús preguntoulles: “Sobre que viñades discutindo polo camiño?”. 34 Eles quedaron calados porque viñeran discutindo sobre quen era o maior. 35 Entón Xesús sentouse, chamou os Doce e díxolles: “Se alguén quere ser o primeiro, ten que ser o último de todos e servir a* todos”. 36 Despois puxo un neno no medio deles, rodeouno cos brazos e díxolles: 37 “Quen recibe a un neno coma este por causa do meu nome tamén me recibe a min. E quen me recibe a min non só me recibe a min, senón tamén a quen me enviou”.
38 Xoán díxolle: “Mestre, vimos que alguén botaba demos fóra usando o teu nome, pero intentamos impedirllo porque non era un dos que andan con nós”. 39 Pero Xesús contestou: “Non intentedes impedirllo, porque ninguén pode facer un milagre usando o meu nome e xusto despois poñerse a falar mal de min. 40 Porque quen non está na nosa contra está ó noso favor. 41 E asegúrovos que quen vos dea de beber un vaso de auga porque sodes discípulos de Cristo, de ningunha maneira quedará sen a súa recompensa. 42 Pero se alguén fai tropezar* a unha desas persoas que son coma nenos* e que teñen fe, seríalle moito mellor que lle puxesen no pescozo unha desas pedras de muíño que os burros fan xirar e que o tirasen ó mar.
43 ”Se algunha vez a túa man te fai tropezar*, córtaa. É mellor que consigas a vida aínda que sexa manco, e non que acabes coas dúas mans na Guehena*, no lume que non se pode apagar. 44 —* 45 E se o teu pé te fai tropezar, córtao. É mellor que consigas a vida aínda que sexa coxo, e non que te boten cos dous pés na Guehena. 46 —* 47 E se o teu ollo te fai tropezar, tírao lonxe. É mellor que entres no Reino de Deus cun só ollo, e non que te boten cos dous ollos na Guehena, 48 onde os vermes non morren e o lume non se apaga.
49 ”Porque todos teñen que ser salgados con lume. 50 O sal é bo. Pero se deixa de ser salgado, que faredes para que recupere o seu sabor? Tede sal dentro de vós e mantede a paz uns cos outros”.