As boas noticias segundo Lucas
17 Entón, Xesús díxolles ós seus discípulos: “É inevitable que pasen cousas que fagan tropezar. Pero pobre de quen as provoque! 2 Seríalle mellor que lle colgasen ó pescozo unha pedra de muíño e que o tirasen ó mar a que fixese tropezar a unha desas persoas que son coma nenos*. 3 Estade atentos a vós mesmos. Se teu irmán peca, repréndeo. E se se arrepinte, perdóao. 4 Incluso se peca sete veces ó día contra ti e volve sete veces onda ti dicindo ‘Arrepíntome’, tes que perdoalo”.
5 Entón os apóstolos pedíronlle ó Señor: “Dános máis fe”. 6 E o Señor díxolles: “Se a vosa fe fose do tamaño dun gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira* ‘Arráncate de raíz e plántate no mar!’, e obedeceríavos.
7 ”Se algún de vós ten un escravo que está labrando ou coidando o rabaño, quen lle diría cando volvese do campo ‘Ven rápido á mesa para comer’? 8 En vez diso, non credes que lle diría ‘Prepárame algo para cear, pon un mandil e sírveme ata que eu acabe de comer e beber, e despois xa comerás e beberás ti’? 9 Verdade que non lle vai estar agradecido ó escravo por facer o que se lle mandou? 10 Da mesma maneira, cando fagades todo o que vos manden, dicide: ‘Somos escravos que non merecemos nada*. Só fixemos o que tiñamos que facer’”.
11 De camiño a Xerusalén, Xesús pasou entre Samaria e Galilea. 12 Cando estaba entrando nunha aldea vírono 10 leprosos, pero quedaron de pé a certa distancia. 13 E puxéronse a berrar: “Xesús, Mestre, ten compaixón* de nós!”. 14 Cando el os viu, díxolles: “Ide a presentarvos diante dos sacerdotes”. Entón, mentres ían de camiño, quedaron curados*. 15 Cando un deles viu que curara, volveu onda Xesús dándolle gloria a Deus en voz alta. 16 Botouse ó chan, ós pés del, baixou a cabeza e deulle as grazas. Este home era samaritano. 17 Ó ver isto, Xesús dixo: “Os 10 quedaron curados, non? Entón, onde están os outros 9? 18 E logo, non volveu ninguén máis para darlle gloria a Deus? Só volveu este home que é doutra nación?”. 19 E díxolle: “Levántate e vaite. A túa fe curoute”.
20 Os fariseos preguntáronlle cando ía vir o Reino de Deus, e el contestoulles: “O Reino de Deus non vai vir dunha maneira que se poida ver claramente. 21 A xente tampouco dirá ‘Mirade! Está aquí!’ ou ‘Está alá!’. Pois sabede que o Reino de Deus está no medio de vós”.
22 Entón díxolles ós seus discípulos: “Chegará o tempo no que quereredes ver un dos días nos que o Fillo do Home estea con vós, pero non veredes ese día. 23 E a xente diravos ‘Mirade! Está alá!’ ou ‘Mirade! Está aquí!’, pero non vaiades nin corrades detrás deles. 24 Porque o Fillo do Home no seu día será coma o lóstrego que resplandece desde unha parte do ceo ata a outra. 25 Pero antes ten que sufrir moito e ser rechazado por esta xeración. 26 Ademais, nos días do Fillo do Home pasará tal como pasou nos días de Noé: 27 a xente comía, bebía, casaba... ata o día no que Noé entrou na arca, e veu o Diluvio e destruíunos a todos. 28 Tamén pasará coma nos días de Lot: a xente comía, bebía, compraba, vendía, plantaba, construía... 29 Pero o día no que Lot saíu de Sodoma, choveu lume e xofre* do ceo e destruíunos a todos. 30 Así pasará tamén no día no que o Fillo do Home sexa revelado.
31 ”Ese día, quen estea na azotea da súa casa e teña cousas dentro, que non baixe a recollelas. Da mesma maneira, quen estea no campo, que non volva polas cousas que deixou atrás. 32 Acordádevos da muller de Lot. 33 Quen intente manter a salvo a súa vida vaina perder, pero quen a perda vaina conservar. 34 Dígovos que esa noite haberá dúas persoas nunha cama: a unha levarana, pero a outra quedará abandonada. 35 Haberá dúas mulleres que estarán moendo co mesmo muíño: a unha levarana, pero a outra quedará abandonada”. 36 —* 37 Entón preguntáronlle: “Onde vai pasar isto, Señor?”. E el contestoulles: “Onde estea o corpo, alí tamén se xuntarán as aguias”.