Segunda Carta de Pedro
1 De parte de Simón Pedro, escravo e apóstolo de Xesucristo, para os que conseguiron unha fe tan valiosa coma a nosa mediante a xustiza do noso Deus e do Salvador Xesucristo:
2 Que cada vez recibades máis bondade inmerecida e paz por medio dun coñecemento exacto de Deus e de Xesús, o noso Señor. 3 Porque o poder de Deus concedeunos* todo o necesario para vivir unha vida dedicada a el*, mediante o coñecemento exacto daquel que nos chamou pola súa gloria e bondade*. 4 Por medio desta gloria e bondade concedeunos* as promesas valiosas e grandiosas, para que grazas a elas poidades ser seres espirituais coma Deus, despois de escapar da corrupción do mundo causada polos malos desexos*.
5 Por esta mesma razón, esforzádevos ó máximo por engadir á vosa fe bondade*, á vosa bondade coñecemento, 6 ó voso coñecemento autocontrol, ó voso autocontrol aguante, ó voso aguante devoción a Deus*, 7 á vosa devoción a Deus cariño fraternal e ó voso cariño fraternal amor. 8 Porque se tedes estas cualidades en abundancia, impedirán que sexades inactivos ou improdutivos* no relacionado co coñecemento exacto do noso Señor Xesucristo.
9 Pero quen non ten estas cualidades está cego, porque está pechando os seus ollos para non ver a luz*, e esqueceu que se lle perdoaron* os pecados que cometeu hai moito tempo. 10 Polo tanto, irmáns, esforzádevos aínda máis por asegurarvos de que mantedes o voso privilexio de ser dos que foron chamados e escollidos, porque se seguides facendo estas cousas non fracasaredes nunca. 11 De feito, así darásevos unha entrada gloriosa no Reino eterno do noso Señor e Salvador Xesucristo.
12 Por iso, propúxenme recordarvos sempre estas cousas, aínda que xa as sabedes e estades firmes na verdade que aprendestes. 13 Pero penso que é apropiado que volas recorde outra vez mentres siga estando neste corpo humano*, 14 porque sei que pronto deixarei este corpo humano*, tal como mo fixo saber o noso Señor Xesucristo. 15 Sempre farei todo o posible para que sexades capaces de recordar por vós mesmos estas cousas despois de que eu marche.
16 Non, non vos demos a coñecer o poder e a presenza* do noso Señor Xesucristo baseándonos en contos falsos inventados con astucia, senón que vimos cos nosos propios ollos a súa gloria. 17 Porque el recibiu honra e gloria de parte de Deus, o Pai, cando a magnífica gloria lle dixo estas palabras: “Este é o meu querido Fillo. El ten a miña aprobación”. 18 Si, nós escoitamos estas palabras que viñan do ceo cando estabamos con el na montaña santa.
19 Por iso estamos máis seguros de que as profecías se cumprirán, e vós facedes ben en prestarlles atención, coma se fosen un candil que brilla nun lugar escuro nos vosos corazóns (ata que se faga de día e se levante a estrela da mañá*). 20 Porque, sobre todo, sabedes que ningunha profecía* das Escrituras vén dunha interpretación persoal. 21 De feito, nunca se fixo ningunha profecía por vontade humana, senón que os homes falaron de parte de Deus guiados* por espírito santo.