Carta ós Filipenses
1 De parte de Paulo e Timoteo, escravos de Cristo Xesús, para tódolos santos* que son discípulos de Cristo Xesús e que están en Filipos, incluídos os superintendentes e os servos ministeriais:
2 Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesucristo.
3 Sempre lle dou grazas a Deus cando me acordo de vós 4 en tódalas súplicas que fago por todos vós. Fago estas súplicas con alegría 5 polo labor* que fixestes para espallar as boas noticias desde o primeiro día que as escoitastes ata agora. 6 Estou seguro de que Deus, que empezou unha boa obra en vós, vaina seguir facendo ata completala cando chegue o día de Cristo Xesús. 7 É totalmente xusto que pense iso de todos vós, porque vos levo no meu corazón. Desfrutastes comigo da bondade inmerecida de Deus e apoiástesme, tanto estando preso como defendendo e establecendo legalmente as boas noticias.
8 Deus sabe* que vos boto moito de menos e que vos teño o mesmo profundo cariño que vos ten Cristo Xesús. 9 E sigo pedindo nas miñas oracións que o voso amor medre cada vez máis, xunto con coñecemento exacto e un entendemento* máis profundo. 10 Pido que vos aseguredes de cales son as cousas máis importantes, para que non teñades ningún defecto e non fagades tropezar a outros ata o día de Cristo. 11 E tamén pido que poidades beneficiarvos por completo de tódalas boas obras* que Xesucristo produce por medio de vós para darlle gloria e louvanza a Deus.
12 Irmáns, quero que saibades que a miña situación en realidade axudou a espallar aínda máis as boas noticias, 13 porque toda a garda pretoriana* e tódolos demais saben que estou preso porque son seguidor de Cristo. 14 E agora, a maioría dos irmáns que serven o Señor teñen máis confianza grazas a que eu estou preso, e están demostrando aínda máis valor para falar da palabra de Deus sen medo.
15 É certo que algúns están predicando sobre o Cristo por envexa e por competir, pero outros fano con bos motivos. 16 Os que predican con bos motivos están falando do Cristo por amor, porque saben que fun escollido para defender as boas noticias. 17 Pero os outros só o fan para crear conflitos, porque non teñen unha motivación pura e intentan causarme problemas mentres levo estas cadeas. 18 E cal é o resultado? Que en calquera caso, sexa dunha maneira hipócrita ou sincera, estase falando de Cristo, e iso alégrame. De feito, tamén me seguirei alegrando 19 porque sei que o resultado vai ser a miña salvación grazas ás vosas súplicas e ó apoio do espírito santo que se lle deu a Xesucristo. 20 Isto está de acordo co meu gran desexo e a miña esperanza de non ter ningún motivo para avergonzarme. Estou seguro de que poderei* seguir falando con toda liberdade e así poderei darlle gloria a Cristo, tanto se vivo coma se morro, igual que fixen sempre.
21 Porque no meu caso, se sigo vivindo é para Cristo, pero se morro sería incluso mellor para min. 22 Agora ben, se teño que seguir vivindo neste corpo*, iso* significaría que podo seguir sendo produtivo* no meu labor. Pero non vou dicir* o que escollería. 23 Estou dividido entre estas dúas cousas, porque quero ser liberado deste corpo para estar con Cristo, que está claro que é algo moito mellor. 24 Pero polo voso ben é mellor que siga vivindo neste corpo. 25 E como estou convencido disto, sei que seguirei vivindo e que continuarei con todos vós para que progresedes e para que sexades felices na fe. 26 Así, cando volva a estar con vós, sentiredes unha inmensa alegría grazas a min porque sodes seguidores de Cristo Xesús.
27 O único que vos pido é que vos portedes* dunha maneira que sexa digna das boas noticias sobre o Cristo. Así, tanto se vou a vervos coma se non*, poderei ter noticias sobre vós e poderei saber que vos mantedes firmes e unidos*, cun só propósito*, traballando xuntos* para manter a fe nas boas noticias. 28 Non lles teñades ningún medo ós que se opoñen a vós. O voso valor é unha proba de que eles van ser destruídos e de que vós ides ser salvados. E isto vén de Deus. 29 Porque a vós déusevos o privilexio non só de ter fe en Cristo, senón tamén de sufrir por el. 30 Por iso estades afrontando as mesmas dificultades que me vistes afrontar a min e que agora sabedes que sigo afrontando.