Feitos dos Apóstolos
13 Na congregación de Antioquía había algúns profetas e mestres: Bernabé, Simeón (a quen lle chamaban Níxer), Lucio de Cirene, Manaén (que fora compañeiro de estudos de Herodes, o gobernante do distrito) e Saulo. 2 Mentres estaban servindo a Xehová* e facendo xaxún*, o espírito santo dixo: “Apartádeme a Bernabé e a Saulo para que poidan facer a obra para a que os escollín”. 3 Entón, despois de facer xaxún e orar, impuxéronlles as mans* e despedíronse deles.
4 Así que estes homes, enviados polo espírito santo, baixaron a Seleucia e desde alí embarcaron para Chipre. 5 Cando chegaron a Salamina, puxéronse a predicar a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus. Xoán ía con eles e era o seu axudante.
6 Despois de cruzar toda a illa ata Pafos, encontráronse cun xudeu que se chamaba Barxesús, que era bruxo e un profeta falso. 7 El estaba co procónsul* Serxio Paulo, un home intelixente. O procónsul chamou a Bernabé e a Saulo porque tiña moitas ganas de escoitar a palabra de Deus. 8 Pero Elimas*, o bruxo (porque así é como se traduce o seu nome), empezou a poñerse en contra deles e intentaba impedir que o procónsul tivese fe no Señor. 9 Entón Saulo, ó que tamén lle chaman Paulo, encheuse de espírito santo, mirouno fixamente 10 e díxolle: “Estás cheo de toda clase de engano e de maldade, fillo do Demo*, inimigo de todo o que é xusto! Cando vas deixar de torcer os camiños rectos de Xehová*? 11 Mira! A man de Xehová* está contra ti. Vas quedar cego por un tempo e non vas ver a luz do sol”. Nese momento, empezou a ver todo borroso e escuro, e púxose a buscar a alguén arredor del para que o levase da man. 12 Cando o procónsul viu o que pasara, fíxose crente, porque quedou moi impresionado co que aprendera de Xehová*.
13 Despois, Paulo e os seus compañeiros saíron desde Pafos e navegaron ata Perga de Panfilia. Pero Xoán deixounos e volveu a Xerusalén. 14 Eles seguiron a viaxe desde Perga ata Antioquía de Pisidia. Despois de chegar alí, o sábado entraron na sinagoga e sentáronse. 15 Cando terminou a lectura pública da Lei e os Profetas, os presidentes da sinagoga pedíronlles: “Irmáns, se tedes algunha palabra de ánimo para o pobo, dicídea”. 16 Entón Paulo púxose de pé, fixo xestos coa man para pedir silencio, e dixo:
“Homes de Israel e tódolos demais que temedes a Deus, escoitade. 17 O Deus deste pobo, Israel, escolleu os nosos antepasados, converteunos nunha nación poderosa mentres vivían como estranxeiros na terra de Exipto e sacounos de alí con gran poder*. 18 Durante uns 40 anos aturounos no deserto. 19 E despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, deulles as súas terras como herdanza. 20 Todo isto pasou durante uns 450 anos.
”Despois deulles xuíces ata o tempo do profeta Samuel. 21 Pero entón pediron un rei e Deus deulles a Saúl, o fillo de Quis, un home da tribo de Benxamín que os gobernou durante 40 anos. 22 Despois quitou a Saúl e puxo a David como rei, de quen dixo: ‘Encontrei en David, o fillo de Xesé, un home que lle agrada ó meu corazón. El fará todo o que eu quero’. 23 E da descendencia deste home, Deus trouxo un salvador a Israel, Xesús, tal como prometera. 24 Antes de que el chegase, Xoán predicáralle a todo o pobo de Israel anunciando que tiñan que bautizarse para demostrar que estaban arrepentidos. 25 Pero cando Xoán estaba acabando o seu labor*, dicía: ‘Quen pensades que son? Eu non son el. Mirade! Detrás de min vén un ó que nin sequera merezo desatarlle as sandalias’.
26 ”Irmáns, descendentes da familia de Abrahán e tódolos demais que temedes a Deus, esta mensaxe de salvación envióusenos a nós. 27 É certo que os habitantes de Xerusalén e os seus gobernantes non recoñeceron este salvador, pero cando o xulgaron, cumpriron as palabras dos Profetas que se len en voz alta tódolos sábados. 28 Aínda que non encontraron ningunha razón para matalo, pedíronlle a Pilato que o executase. 29 Cando cumpriron todo o que estaba escrito sobre el, baixárono do madeiro* e puxérono nunha tumba*. 30 Pero Deus resucitouno* de entre os mortos 31 e Xesús aparecéuselles durante moitos días ós que subiran con el de Galilea a Xerusalén. Agora eles son as súas testemuñas diante do pobo*.
32 ”Así que nós estámosvos anunciando as boas noticias da promesa que Deus lles fixo ós nosos antepasados. 33 El cumpriuna ata o último detalle para nós, que somos os seus fillos, ó resucitar a Xesús. É tal como está escrito no segundo salmo: ‘Ti es o meu fillo, e eu hoxe cheguei a ser o teu pai’. 34 Deus declarou que o resucitaría de entre os mortos, e que nunca máis tería un corpo que puidese morrer ou descompoñerse. Díxoo desta maneira: ‘Dareivos as mostras de amor leal que lle prometín a David, e pódese confiar nelas*’. 35 E tamén se di noutro salmo: ‘Non permitirás que o corpo do teu servo leal se descompoña’. 36 David serviu a Deus durante toda a súa vida, morreu*, foi enterrado cos seus antepasados e o seu corpo si que se descompuxo. 37 Pero o corpo daquel a quen Deus resucitou* non se descompuxo.
38 ”Así que, irmáns, estámosvos anunciando que o perdón dos pecados só é posible mediante Xesús. 39 Non se vos podía declarar inocentes mediante a Lei de Moisés pero, grazas á morte deste home, Deus declara inocente a todo o que cre nel*. 40 Por iso, tede coidado para que non vos pase o que se di nos Profetas*: 41 ‘Vós, os que vos burlades, verédelo, ídesvos sorprender e entón morreredes. Porque estou facendo algo nos vosos días que non ides crer aínda que alguén volo explique en detalle’”.
42 Cando Paulo e Bernabé estaban saíndo, a xente suplicoulles que seguisen falando destas cousas o sábado seguinte. 43 Ó terminar a reunión na sinagoga, moitos xudeus e prosélitos* que adoraban a Deus seguiron a Paulo e a Bernabé, que falaron con eles e animáronos a seguir sendo dignos de recibir a bondade inmerecida de Deus.
44 O sábado seguinte xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Xehová*. 45 Cando os xudeus viron toda aquela xente, puxéronse celosos e empezaron a contradicir a Paulo e a blasfemar contra o que dicía. 46 Entón Paulo e Bernabé dixéronlles con valor: “Primeiro, había que predicarvos a palabra de Deus a vós. Pero como a rechazastes e pensades que non merecedes a vida eterna, ímoslles predicar ós que non son xudeus. 47 Iso foi o que nos mandou Xehová* cando dixo: ‘Escollinte como luz das nacións para que leves a salvación ata as partes máis distantes da terra*’”.
48 Cando os que eran das nacións oíron isto, alegráronse e empezaron a darlle gloria á palabra de Xehová*. E tódolos que tiñan a actitude correcta para obter vida eterna fixéronse crentes. 49 De feito, a palabra de Xehová* estendeuse por toda aquela rexión. 50 Pero os xudeus revolucionaron as mulleres influentes que temían a Deus e os homes importantes da cidade. Iso provocou unha persecución contra Paulo e Bernabé, e botáronos do seu territorio. 51 Así que eles sacudiron o po dos pés* e marcharon para Iconio. 52 E os discípulos seguíronse enchendo de espírito santo e de alegría.