Feitos dos Apóstolos
14 En Iconio, entraron xuntos na sinagoga dos xudeus e falaron de tal maneira que se fixeron crentes moitísimos xudeus e gregos. 2 Pero os xudeus que non creron revolucionaron a xente das nacións e puxéronos en contra dos irmáns. 3 Así que pasaron bastante tempo falando con valor grazas á autoridade que lles daba Xehová*. El permitíalles facer milagres* e cousas impresionantes, e así confirmaba a* mensaxe da súa bondade inmerecida. 4 Pero a xente da cidade dividiuse: uns estaban a favor dos xudeus e outros a favor dos apóstolos. 5 Entón, a xente das nacións tramou un plan cos xudeus e cos seus gobernantes para maltratar a Paulo e Bernabé e matalos a pedradas. 6 Pero cando eles o souberon, escaparon a Listra e a Derbe (que son cidades de Licaonia) e ós seus arredores. 7 E alí seguiron predicando as boas noticias.
8 En Listra había un home sentado que nacera impedido dos pés e nunca puidera camiñar. 9 El estaba escoitando falar a Paulo. Entón Paulo mirouno fixamente e, como viu que tiña fe e cría que podía ser curado, 10 díxolle con voz forte: “Ponte de pé!”. E o home levantouse dun salto e empezou a andar. 11 Cando as multitudes viron o que Paulo fixera, gritaron no idioma que falaba a xente de Licaonia*: “Os deuses baixaron onda nós en forma humana!”. 12 Así que empezaron a chamarlle Zeus* a Bernabé e Hermes* a Paulo, porque el era o que falaba a maioría das veces. 13 O templo de Zeus estaba na entrada da cidade. Entón o sacerdote dese templo trouxo coroas de flores e touros ata as portas da cidade porque quería facerlles sacrificios xunto coa xente.
14 Pero cando os apóstolos Bernabé e Paulo oíron iso, racharon a súa roupa, metéronse correndo entre a xente e berraron: 15 “Por que facedes isto? Nós tamén somos humanos e temos as mesmas debilidades ca vós. Estámosvos predicando as boas noticias para que deixedes de adorar estas cousas inútiles e adoredes o Deus vivo, o que fixo o ceo, a terra, o mar e tódalas cousas que hai neles. 16 No pasado, el permitiu que cada nación fixese o que quería, 17 pero non deixou de demostrarvos quen é* facendo cousas boas. Deuvos chuvias do ceo, colleitas abundantes, suficiente comida e encheu os vosos corazóns de alegría”. 18 E aínda que lles dixeron todo isto, Paulo e Bernabé case non conseguen impedir que a xente lles fixese sacrificios.
19 Entón chegaron uns xudeus de Antioquía e de Iconio e convenceron as multitudes para que fosen en contra de Paulo. Así que se puxeron a tirarlle pedras e arrastrárono fóra da cidade pensando que estaba morto. 20 Pero cando os discípulos se xuntaron arredor del, levantouse e entrou na cidade. Ó día seguinte, marchou con Bernabé para Derbe. 21 Despois de predicar as boas noticias naquela cidade e de facer moitos discípulos, volveron a Listra, Iconio e Antioquía. 22 Alí fortaleceron os discípulos e animáronos a manterse na fe, dicíndolles: “Temos que pasar por moitas dificultades antes de entrar no Reino de Deus”. 23 Ademais, nomearon anciáns en cada congregación, orando e facendo xaxún*, e deixáronos nas mans de Xehová*, en quen chegaran a crer.
24 Entón cruzaron Pisidia e entraron en Panfilia 25 e, despois de predicar a palabra de Deus en Perga, baixaron a Atalia. 26 Desde alí, embarcaron para Antioquía. Os irmáns de Antioquía pedíranlle a Deus que coidase a Paulo e Bernabé e lles demostrase a súa bondade inmerecida para que puidesen facer a obra que acababan de completar.
27 Cando chegaron e xuntaron os irmáns da congregación, contáronlles tódalas cousas que Deus fixera mediante eles. Tamén lles contaron que el abrira o camiño para que os que non eran xudeus puidesen crer nel*. 28 Así que quedaron bastante tempo cos discípulos.