Primeira Carta a Timoteo
1 De parte de Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por mandato de Deus, o noso Salvador, e de Cristo Xesús, a nosa esperanza, 2 para Timoteo*, que é coma un fillo para min no camiño da fe:
Que teñas bondade inmerecida, misericordia e paz de parte de Deus, o Pai, e de Cristo Xesús, o noso Señor.
3 Cando estaba a punto de marchar para Macedonia animeite a quedar en Éfeso, e agora fago o mesmo para que lles mandes a certas persoas que non ensinen unha doutrina diferente 4 e que non lles fagan caso ós contos falsos nin ás xenealoxías. Estas cousas non levan a ningún sitio. Só provocan que a xente faga especulacións en vez de aportar algo de parte de Deus relacionado coa fe. 5 De feito, a razón pola que dou estas instrucións* é para que teñamos un amor que nace dun corazón puro, dunha boa conciencia e dunha fe sen hipocrisía. 6 Algúns apartáronse destas cousas e enredáronse en discusións que non teñen sentido. 7 Queren ser mestres da lei, pero non entenden nin o que din nin as cousas nas que insisten tanto.
8 Pero nós sabemos que a Lei é boa cando se aplica correctamente* 9 e cando se recoñece que a lei non se fai para os xustos. Faise para os que a desobedecen e para os rebeldes, os malvados* e os pecadores, os desleais* e os que profanan as cousas sagradas, os que matan ós seus pais e ás súas nais, os asasinos, 10 os que son sexualmente inmorais*, os homes que practican a homosexualidade*, os secuestradores, os mentireiros e os que rompen as súas promesas*, e tamén para calquera que se opoña á ensinanza que é beneficiosa*. 11 Esta ensinanza está de acordo coas gloriosas boas noticias do Deus feliz que se me encargaron.
12 Doulle grazas a Cristo Xesús, o noso Señor, que me deu poder porque me considerou fiel e asignoume un labor sagrado* 13 a pesar de que eu antes blasfemaba*, perseguía o seu pobo e era arrogante. Aínda así, mostróuseme misericordia porque actuaba con ignorancia e sen fe. 14 Pero a bondade inmerecida que me mostrou o noso Señor foi extraordinariamente abundante. Ademais, o Señor axudoume a ter fe nel e a recibir o amor que ten Cristo Xesús. 15 Isto que vou dicir é confiable e merece ser aceptado por completo: Cristo Xesús veu ó mundo para salvar os pecadores. De todos eles, eu son o peor. 16 Pero a pesar de todo, mostróuseme misericordia para que Cristo Xesús demostrase toda a súa paciencia por medio de min, que son o peor dos pecadores. Fixo isto ó poñerme de exemplo para os que van demostrar fe nel e que así poidan conseguir vida eterna.
17 Que o Rei da eternidade, que non pode morrer, que é invisible e que é o único Deus, reciba a honra e a gloria para sempre. Amén.
18 Timoteo, meu filliño, douche estas instrucións* de acordo coas profecías que se fixeron sobre ti, para que grazas a elas sigas loitando a batalla coma un bo soldado, 19 e sigas mantendo a túa fe e unha boa conciencia. Algúns rechazárona, e a súa fe naufragou por culpa diso. 20 Himeneo e Alexandre son dese grupo. A eles entregueinos a Satanás* para que, grazas á disciplina, aprendan a non blasfemar.