Carta ós Hebreos
3 Así que, irmáns santos* que formades parte dos que recibiron a invitación* para ir ó ceo, reflexionade no exemplo daquel que nós recoñecemos como apóstolo e sumo sacerdote: Xesús. 2 El foille fiel a quen o escolleu, igual que Moisés tamén o foi cando servía a toda a casa* de Deus. 3 Ademais, el* merece recibir máis gloria que Moisés, porque quen constrúe unha casa recibe máis honra que a propia casa. 4 Claro, toda casa é construída por alguén, pero o que construíu tódalas cousas é Deus. 5 Moisés foi fiel no que se lle encargou como servo en toda a casa de Deus e iso valeu como testemuño do que se diría despois. 6 Pero Cristo foi fiel como fillo a cargo da casa de Deus. E nós somos a súa casa se de verdade nos mantemos ben agarrados ata o fin á liberdade que temos para falar e á esperanza da que presumimos.
7 Así que é tal como di o espírito santo: “Se hoxe escoitades a miña voz, 8 non vos volvades cabezóns*, como fixeron os vosos antepasados cando provocaron a miña ira amarga o día da proba no deserto, 9 cando me puxeron a proba e me desafiaron a pesar de que viron o que eu fixera durante 40 anos. 10 Por iso me indignei con esa xeración e dixen: ‘Sempre se desvían no seu corazón e non chegaron a coñecer os meus camiños’. 11 Así que cheo de furia fixen este xuramento: ‘Non entrarán no meu descanso’”.
12 Irmáns, tede coidado, non vaia ser que algún de vós acabe tendo un corazón malvado e sen fe por apartarse do Deus vivo. 13 En vez diso, seguídevos animando uns ós outros cada día, mentres a este día aínda se lle poida chamar “hoxe”, para que o poder enganoso do pecado non faga que o corazón de ningún de vós se volva duro. 14 Porque en realidade só participaremos do que participa o Cristo* se mantemos firme ata o fin a confianza que tiñamos ó principio. 15 É tal como se di: “Se hoxe escoitades a miña voz, non vos volvades cabezóns*, como fixeron os vosos antepasados cando provocaron a miña ira amarga”.
16 Porque, quen son os que escoitaron e aínda así provocaron a súa ira amarga? Acaso non foron tódolos que saíron de Exipto guiados por Moisés? 17 Ademais, con quen se indignou Deus durante 40 anos? Foi cos que pecaron, cos que morreron no deserto, non? 18 E a quen lles xurou que non entrarían no seu descanso? Foi ós que desobedeceron, a que si? 19 Polo tanto, vemos que non puideron entrar porque non tiñan fe.