Apocalipse
18 Despois disto vin que outro anxo baixaba do ceo con moita autoridade, e a súa gloria iluminou a terra. 2 E berrou con voz forte: “Caeu! Babilonia a Grande caeu! Chegou a ser unha casa para os demos, un lugar onde se esconden tódolos demos* e tódalas aves impuras e odiadas. 3 Porque tódalas nacións foron vítimas do viño dela, que provoca un forte desexo de cometer actos de* inmoralidade sexual* con ela. Os reis da terra tiveron relacións sexuais inmorais con ela, e os comerciantes da terra fixéronse ricos grazas a tódalas cousas luxosas que ela acumulara e das que non se avergonzaba”.
4 E escoitei outra voz que viña do ceo e que dicía: “Meu pobo, saíde dela se non queredes ser cómplices dos seus pecados nin recibir parte das súas pragas. 5 Porque os seus pecados acumuláronse ata chegar ó ceo, e Deus acordouse dos actos inxustos* dela. 6 Tratádea da mesma maneira que ela tratou os demais, facédelle o dobre do que ela fixo. Na copa na que ela preparou a bebida, preparádelle o dobre a ela. 7 Facede que o seu sufrimento e o seu lamento sexa tanto coma a gloria que ela mesma se deu e coma o luxo desvergonzado no que viviu. Porque ela non deixa de dicir no seu corazón: ‘Estou sentada coma unha raíña. Non son viúva e nunca estarei de loito’. 8 Por iso, nun só día virán as súas pragas (morte, loito e fame), e será queimada totalmente con lume. Porque Xehová* Deus, o que a xulgou, é poderoso.
9 ”Cando os reis da terra, que tiveron relacións sexuais inmorais* con ela e compartiron o seu luxo desvergonzado, vexan o fume que sairá cando sexa queimada, chorarán e daranse golpes no peito pola dor que senten por ela. 10 Quedarán de pé a certa distancia por medo a sufrir igual ca ela. Dirán: ‘Que pena! Que pena, Babilonia, a cidade grande e poderosa, porque nunha soa hora chegou o teu xuízo*!’.
11 ”Ademais, os comerciantes da terra chorarán e lamentaranse por ela, porque xa non haberá ninguén que lles compre tódalas súas mercancías: 12 ouro, prata, pedras preciosas, perlas, liño de boa calidade, tea de cor púrpura, seda, tea de cor vermella intensa*, e todo tipo de obxectos feitos con madeira aromática, con marfil, con madeiras preciosas, con cobre, con ferro e con mármore. 13 Tamén canela, cardamomo*, incenso, aceite perfumado, olíbano*, viño, aceite de oliva, fariña fina, trigo, vacas, ovellas, cabalos, carruaxes, escravos e vidas humanas. 14 Si, Babilonia, as cousas boas* que desexabas abandonáronte. Tódalas mercancías exquisitas e marabillosas desapareceron para ti, e non volverán nunca máis.
15 ”Os comerciantes que vendían estas cousas, os que se fixeran ricos grazas a ela, estarán de pé a certa distancia por medo a sufrir igual ca ela. Chorarán e lamentaranse 16 dicindo: ‘Que pena! Que pena, a gran cidade, vestida con liño de boa calidade, con roupa de cor púrpura e de cor vermella intensa*, e adornada con moitas xoias de ouro, pedras preciosas e perlas, 17 porque as súas grandes riquezas foron destruídas nunha soa hora!’.
”E tódolos capitáns de barco, navegantes, mariñeiros e os que viven do mar quedaron de pé a certa distancia. 18 E ó ver o fume que saía mentres se queimaba, berraban: ‘Que outra cidade é coma a gran cidade?’. 19 Botábanse po sobre a cabeza e, mentres choraban e se lamentaban, berraban: ‘Que pena! Que pena, a gran cidade, onde tódolos que tiñan barcos se fixeron ricos grazas á súa riqueza, porque nunha soa hora foi destruída!’.
20 ”Alégrate, ceo, polo que lle pasou! Alegrádevos tamén vós, os santos*, os apóstolos e os profetas! Porque Deus actuou ó voso favor ó ditar a súa sentenza* contra ela”.
21 E un anxo forte levantou unha pedra parecida a unha gran pedra de muíño e lanzouna ó mar dicindo: “Así, dun só golpe, será lanzada cara abaixo Babilonia, a gran cidade, e nunca máis volverá a existir. 22 Nunca máis se volverá a escoitar en ti o son dos cantores tocando as súas arpas, nin o dos músicos, nin o dos frautistas, nin o dos trompetistas. Nunca máis se volverá a ver en ti a ningún artesán de ningún oficio. E nunca máis se volverá a escoitar en ti o son da pedra de muíño. 23 Nunca máis volverá a brillar en ti a luz de ningunha lámpada nin se volverá a oír en ti a voz dun noivo nin dunha noiva. Porque os teus comerciantes eran os homes máis importantes da terra e porque enganaches a tódalas nacións coas túas prácticas espiritistas*. 24 Si, nela encontrouse o sangue dos profetas, dos santos e de tódolos que foron asasinados na terra”.