Primeira Carta de Xoán
2 Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non cometades ningún pecado. Pero se alguén comete un pecado, temos un axudante* que está xunto ó Pai: Xesucristo, que é xusto. 2 El é un sacrificio de reconciliación* polos nosos pecados, pero non só polos nosos, senón polos de todo o mundo. 3 E así é como sabemos que o coñecemos: se seguimos obedecendo os seus mandamentos. 4 Quen di “Eu cheguei a coñecelo” pero non obedece os seus mandamentos é un mentireiro e non di a verdade. 5 Pero cando alguén obedece a súa palabra, faise evidente que de verdade ama a Deus*. Por iso sabemos que estamos unidos a el. 6 Quen di que está unido a el está obrigado a vivir da mesma maneira que viviu Xesús*.
7 Queridos irmáns, non vos escribo un mandamento novo, senón un mandamento antigo que tivestes desde o principio. Este mandamento antigo é a palabra que escoitastes. 8 Aínda así, escríbovos un mandamento novo que el obedeceu e que vós tamén obedecestes. Porque a escuridade vai desaparecendo e a luz verdadeira xa está brillando.
9 Quen di que está na luz pero odia o seu irmán aínda está na escuridade. 10 Quen ama o seu irmán mantense na luz, e non hai nada nel que o faga caer*. 11 Porque quen odia o seu irmán está na escuridade e camiña na escuridade, e non sabe a onde vai, porque a escuridade cegoulle os ollos.
12 Filliños, escríbovos porque os vosos pecados foron perdoados debido ó seu nome*. 13 Pais, escríbovos porque chegastes a coñecer a aquel que existe desde o principio. Rapaces, escríbovos porque vencestes o Maligno*. Neniños, escríbovos porque chegastes a coñecer o Pai. 14 Pais, escríbovos porque chegastes a coñecer a aquel que existe desde o principio. Rapaces, escríbovos porque sodes fortes e tedes a palabra de Deus nos vosos corazóns, e porque vencestes o Maligno.
15 Non amedes o mundo nin as cousas que hai no mundo. Se alguén ama o mundo, o amor ó* Pai non está nel. 16 Porque nada do que hai no mundo (nin os desexos da carne, nin os desexos dos ollos, nin andar presumindo* das cousas que un ten) vén do Pai, senón que vén do mundo. 17 Ademais, o mundo e os seus desexos están desaparecendo, pero quen fai a vontade de Deus vivirá para sempre.
18 Filliños, estamos na última hora. Escoitastes que viría o anticristo*. E de feito, xa apareceron moitos anticristos. Por iso sabemos que estamos na última hora. 19 Eles saíron de entre nós pero non eran dos nosos*, porque se fosen dos nosos permanecerían con nós. Pero saíron para que quedase claro que non todos son dos nosos. 20 Vós fostes unxidos por aquel que é santo, e todos tedes coñecemento. 21 Non vos escribo porque non coñezades a verdade, senón que vos escribo porque a coñecedes e porque ningunha mentira vén da verdade.
22 Quen é o mentireiro? Acaso non é o que nega que Xesús é o Cristo? Este é o anticristo*: o que nega ó Pai e ó Fillo. 23 Quen nega ó Fillo non ten a aprobación do Pai, pero quen recoñece ó Fillo ten a aprobación do Pai. 24 No voso caso, que o que escoitastes desde o principio siga estando nos vosos corazóns. Se o que escoitastes desde o principio segue estando nos vosos corazóns, vós tamén seguiredes unidos ó Fillo e ó Pai. 25 Ademais, isto é o que el mesmo nos prometeu: a vida eterna.
26 Escribinvos estas cousas sobre os que intentan enganarvos. 27 En canto a vós, Deus unxiuvos co seu espírito. Ese espírito permanece en vós e non necesitades que ninguén vos ensine. Pero a unción que vén del, que é verdadeira e non é mentira, estavos ensinando sobre tódalas cousas. Tal como vos ensinou, mantédevos unidos a el. 28 Así que agora, filliños, mantédevos unidos a el, para que cando el apareza poidamos falar con confianza* e non nos apartemos del avergonzados durante a súa presenza*. 29 Se sabedes que el é xusto, tamén sabedes que tódolos que actúan con xustiza* naceron del.