Feitos dos Apóstolos
9 Pero Saulo seguía ameazando os discípulos do Señor e quería matalos. Así que foi onda o sumo sacerdote 2 e pediulle que escribise cartas para presentalas nas sinagogas de Damasco e así poder traer atado a Xerusalén a calquera membro do Camiño* que encontrase, fose home ou muller.
3 Cando ía de camiño e estaba chegando a Damasco, de repente unha luz do ceo empezou a brillar arredor del. 4 Entón caeu ó chan e escoitou unha voz que lle dicía: “Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo?”. 5 El preguntou: “Señor, ti quen es?”. E a voz respondeulle: “Son Xesús, a quen estás perseguindo. 6 Levántate e entra na cidade. Alí diranche o que tes que facer”. 7 Os homes que ían con el quedaron parados e sen poder falar, porque oían unha voz pero non vían a ninguén. 8 Saulo levantouse do chan e, aínda que tiña os ollos abertos, non podía ver nada. Así que o levaron da man ata Damasco. 9 E durante tres días non puido ver nada nin tampouco comeu nin bebeu.
10 En Damasco había un discípulo que se chamaba Ananías. O Señor díxolle nunha visión: “Ananías!”. El respondeulle: “Aquí estou, Señor”. 11 O Señor díxolle: “Levántate, vai á rúa que se chama Recta e busca na casa de Xudas a un home de Tarso que se chama Saulo e que está orando agora mesmo. 12 Nunha visión viu que un home que se chama Ananías entraba e poñía as mans sobre el para que recuperase a vista”. 13 Pero Ananías contestoulle: “Señor, oín falar a moitos deste home e de todo o dano que lles fixo ós teus discípulos* en Xerusalén. 14 E aquí os sacerdotes principais déronlle autoridade para arrestar* a tódolos que invocan o* teu nome”. 15 Pero o Señor díxolle: “Vai, porque eu escollín este home* para levarlles o meu nome ás nacións e tamén a reis e ós fillos de Israel. 16 E eu mostrareille claramente todo o que terá que sufrir por anunciar o meu nome”.
17 Así que Ananías foi e entrou na casa. Despois, puxo as mans sobre el e díxolle: “Saulo, irmán, o Señor Xesús que se che apareceu cando viñas de camiño envioume para que recuperes a vista e quedes cheo de espírito santo”. 18 Inmediatamente, caéronlle dos ollos algo parecido a escamas e recuperou a vista. Entón levantouse e foi bautizado. 19 Despois comeu algo e recuperou as forzas.
Pasou uns días cos discípulos que había en Damasco 20 e enseguida se puxo a predicar acerca de Xesús nas sinagogas, dicindo que Xesús é o Fillo de Deus. 21 Pero tódolos que o escoitaban quedaban sorprendidos e dicían: “Non é este o home que perseguía con moita crueldade en Xerusalén a tódolos que invocan o* nome de Xesús? Non viñera aquí para arrestalos e levalos* diante dos sacerdotes principais?”. 22 Pero Saulo predicaba cada vez con máis habilidade e deixaba pasmados os xudeus que vivían en Damasco, porque lles demostraba de forma lóxica que Xesús é o Cristo.
23 Despois de moitos días, os xudeus planearon matalo. 24 Pero Saulo soubo o que querían facerlle. Ademais, vixiaban as portas día e noite para matalo. 25 Así que unha noite os seus discípulos collérono, sacárono por unha ventá da muralla e baixárono nun cesto.
26 Cando chegou a Xerusalén intentou unirse ós discípulos, pero todos lle tiñan medo porque non crían que fose discípulo de Xesús. 27 Así que Bernabé foi a axudarlle e levouno onda os apóstolos. Despois, contoulles con moitos detalles que Saulo vira o Señor no camiño, que o Señor lle falara e que Saulo predicara con valentía en Damasco no nome de Xesús. 28 Entón Saulo quedou alí con eles. Podía moverse con liberdade por* Xerusalén e predicaba con moito valor no nome do Señor. 29 Falaba e debatía cos xudeus de fala grega, pero eles intentaron matalo varias veces. 30 Cando os irmáns o souberon, levárono a Cesarea e mandárono a Tarso.
31 Entón, tódalas congregacións de Xudea, Galilea e Samaria fortalecéronse e entraron nun período de paz. Ademais, seguiron medrando porque andaban no temor* de Xehová* e no consolo do espírito santo.
32 Como Pedro estaba viaxando por toda a rexión, tamén baixou a visitar os discípulos* que vivían en Lida. 33 Alí viu un home que se chamaba Eneas, que era paralítico e levaba oito anos na cama. 34 Pedro díxolle: “Eneas, Xesucristo cúrate. Levántate e fai a túa cama”. E el levantouse inmediatamente. 35 Cando tódolos que vivían en Lida e na chaira de Sarón o viron, fixéronse discípulos do Señor.
36 En Xope había unha discípula que se chamaba Tabita, que en grego se traduce Dorcas*. Ela facía moitas boas obras e axudaba moito ós necesitados*. 37 Pero mentres Pedro estaba en Lida, Dorcas enfermou e morreu. Así que lavaron o corpo e puxérono nun cuarto da parte de arriba. 38 Como Lida estaba cerca de Xope, cando os discípulos escoitaron que Pedro estaba nesa cidade, mandaron dous homes para que lle pedisen: “Por favor, ven canto antes”. 39 Entón Pedro levantouse e foi con eles. Cando chegou, levárono ó cuarto da planta de arriba e presentáronse diante del tódalas viúvas chorando e ensinándolle toda a roupa e os mantos que Dorcas fixera cando estaba viva. 40 Entón Pedro mandoulles a todos que saísen, púxose de xeonllos e orou. Despois xirouse cara ó corpo e dixo: “Tabita, levántate!”. Ela abriu os ollos e, en canto viu a Pedro, incorporouse. 41 El deulle a man para axudarlle a levantarse, e despois chamou os discípulos* e as viúvas e todos viron que estaba viva. 42 Isto chegou a saberse por todo Xope e moitos creron no Señor. 43 Pedro quedou unha temporada en Xope, na casa dun curtidor que se chamaba Simón.