As boas noticias segundo Marcos
2 Pero uns días despois, Xesús volveu a entrar en Capernaúm e sóubose que estaba na casa. 2 Así que, xuntouse tanta xente alí que non collía ninguén máis, nin sequera na entrada. E el púxose a falarlles das boas noticias. 3 Entón trouxéronlle un paralítico, que cargaban entre catro homes. 4 Pero, como había tanta xente, non puideron chegar con el ata onde estaba Xesús. Así que quitaron parte do teito que había xusto enriba del e, despois de facer un burato, baixaron por alí a pequena cama portátil* na que estaba deitado o paralítico. 5 Cando Xesús viu a fe que tiñan, díxolle ó paralítico: “Filliño, os teus pecados quédanche perdoados”. 6 Alí sentados había algúns escribas que pensaban*: 7 “Como pode dicir isto este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados ademais de Deus?”. 8 Xesús enseguida se deu conta de* que estaban pensando desta maneira e falando entre eles, e díxolles: “Por que razoades así no voso corazón? 9 Que é máis fácil? Dicirlle ó paralítico ‘Os teus pecados quédanche perdoados’, ou dicirlle ‘Levántate, colle a túa cama e anda’, e que entón el camiñe? 10 Pois vouvos demostrar que o Fillo do Home* ten autoridade para perdoar pecados na terra”. Entón, díxolle ó paralítico: 11 “Eu dígoche: levántate, colle a túa cama e vai para a túa casa”. 12 E inmediatamente, o home levantouse diante de todos, colleu a súa cama e marchou camiñando. Todos quedaron moi impresionados e déronlle gloria a Deus. Dicían: “Nunca tal cousa vimos”.
13 Xesús volveu á beira do mar. Toda a xente viña a velo e el ensináballes. 14 Mentres ía camiñando, viu a Leví*, o fillo de Alfeo, sentado na oficina onde se cobran os impostos, e díxolle: “Sígueme*”. E el levantouse inmediatamente e seguiuno. 15 Máis tarde, Xesús e os seus discípulos estiveron comendo* na casa de Leví. Tamén comeron con eles moitos cobradores de impostos e pecadores, porque moitos deles seguían a Xesús. 16 Pero cando os escribas que eran fariseos viron que Xesús comía cos pecadores e cos cobradores de impostos, empezaron a dicirlles ós discípulos del: “Por que come cos cobradores de impostos e cos pecadores?”. 17 Xesús escoitounos e díxolles: “Os que están fortes non necesitan un médico, pero os enfermos si. Non vin para chamar os xustos, senón os pecadores”.
18 Os discípulos de Xoán e os fariseos tiñan o costume de facer xaxún*. Así que viñeron e preguntáronlle a Xesús: “Por que os discípulos de Xoán e os discípulos dos fariseos teñen o costume de facer xaxún e os teus discípulos non?”. 19 Xesús contestoulles: “Mentres o noivo está cos seus amigos, eles non teñen razóns para facer xaxún, verdade? Non estaría ben que o fixesen mentres están con el. 20 Pero chegará o día no que o noivo xa non estará con eles*, e ese día si que estarán tristes e farán xaxún. 21 Ninguén lle cose un remendo de tea nova a un manto vello. Se alguén o fixese, a tea nova, ó encoller, tiraría da vella e o burato faríase máis grande. 22 Por outro lado, ninguén pon viño novo en odres vellos. Se alguén o fixese, o viño rebentaría o coiro e perderíase, e os odres xa non servirían para nada. Por iso se pon o viño novo en odres novos”.
23 Mentres Xesús cruzaba uns campos de cereais en sábado*, os seus discípulos empezaron a arrancar algunhas espigas mentres ían camiñando. 24 Así que os fariseos dixéronlle: “Mira para aí! Por que están facendo o que non está permitido facer en sábado?”. 25 Pero el contestoulles: “Seica nunca lestes o que fixo David cando quedou sen comida e el e os seus homes tiveron fame? 26 No relato sobre o sacerdote principal Abiatar, David entrou na casa de Deus, comeu os pans da ofrenda* e tamén lles deu deses pans ós homes que estaban con el. Iso é algo que non está permitido facer, só poden comelos os sacerdotes”. 27 Entón díxolles: “O sábado fíxose para a xente, non a xente para o sábado. 28 Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado”.