Primeira Carta ós Corintios
6 Cando algún de vós ten un problema con outro, como se atreve a ir ós tribunais ante homes inxustos? Por que non vai onda os santos* da congregación? 2 Ou é que non sabedes que os santos van xulgar o mundo? E se vós ides xulgar o mundo, non sodes capaces de xulgar asuntos de pouca importancia? 3 Non sabedes que imos xulgar a anxos? Entón, por que non xulgades os asuntos desta vida? 4 Por iso, se tedes que xulgar asuntos desta vida, por que escolledes como xuíces os que non forman parte da congregación? 5 Dígovos isto para que sintades vergonza. E logo non hai nin un só home sabio entre vós que poida xulgar os problemas que haxa entre os seus irmáns? 6 En vez diso, un irmán leva a outro irmán ó tribunal, ante persoas que non son crentes!
7 En realidade, xa é un fracaso para vós que teñades disputas legais uns contra outros. Seica non é mellor deixar que cometan inxustizas contra vós? Non é mellor que deixedes que vos estafen? 8 Pero en vez diso, vós sodes os que cometedes inxustizas e estafades, e facédesllelo ós vosos irmáns!
9 Ou é que non sabedes que os inxustos non van herdar o Reino de Deus? Non vos enganedes*. Os que son sexualmente inmorais*, os idólatras, os adúlteros, os homes que se someten a actos homosexuais, os homes que practican a homosexualidade*, 10 os ladróns, os cobizosos*, os borrachos, os inxuriadores* e os extorsionadores* non van herdar o Reino de Deus. 11 E iso era o que algúns de vós erades. Pero fostes lavados, fostes santificados, fostes declarados xustos no nome do Señor Xesucristo e co espírito do noso Deus.
12 Todo me está permitido*, pero non todo é beneficioso. Todo me está permitido, pero non deixarei que nada me controle*. 13 A comida é para o estómago e o estómago é para a comida, pero Deus vai acabar cos dous. E o corpo non é para a inmoralidade sexual*, senón para servir o Señor, e o Señor mantén o corpo. 14 Pero Deus resucitou* o Señor e tamén nos resucitará* a nós co seu poder.
15 Non sabedes que os vosos corpos son partes do corpo de Cristo? Entón, debería eu quitarlle as partes do corpo ó Cristo e unilas a unha prostituta? Claro que non! 16 Non sabedes que quen se une a unha prostituta chega a ser un só corpo con ela? Porque Deus di: “Os dous serán unha soa carne*”. 17 Pero quen se une ó Señor chega a ser un só espírito con el*. 18 Fuxide da inmoralidade sexual*! Calquera outro pecado que alguén poida cometer está fóra do seu corpo, pero quen practica a inmoralidade sexual peca contra o seu propio corpo. 19 Non sabedes que o voso corpo é o templo do espírito santo, que está dentro de vós e que Deus vos dá? Ademais, vós non sodes donos de vós mesmos, 20 porque Deus pagou un prezo moi alto por vós*. Polo tanto, usade o voso corpo para darlle gloria a Deus.