As boas noticias segundo Mateo
19 Cando Xesús acabou de falar destas cousas, saíu de Galilea e chegou ós límites de Xudea, ó outro lado do río Xordán. 2 Seguírono moitísimas persoas, e el curou os enfermos alí.
3 Entón, uns fariseos que querían poñelo a proba viñeron onda el e preguntáronlle: “Está permitido que un home se divorcie da súa muller por calquera motivo?”. 4 El respondeulles: “Seica non lestes que, no principio, quen creou os humanos fíxoos home e muller, 5 e dixo: ‘Por esa razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, unirase* á súa muller e os dous serán unha soa carne*’? 6 Así que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus uniu*, que non o separe ningún home”. 7 Eles dixéronlle: “E logo, por que Moisés lle mandou ó home que quixese divorciarse da súa muller que lle dese un certificado de divorcio e despois a despedise?”. 8 El respondeulles: “Moisés permitiu que vos divorciásedes das vosas mulleres porque tedes o corazón duro, pero ó principio non era así. 9 Eu dígovos que todo home que se divorcie da súa muller, a non ser que sexa por inmoralidade sexual*, e case con outra, comete adulterio”.
10 Os discípulos dixéronlle: “Se isto é así entre un home e a súa muller, é mellor non casar”. 11 El díxolles: “Non todos son capaces de facer isto, só os que teñen o don*. 12 Algúns eunucos* xa naceron así, a outros fixéronos eunucos os homes, pero hai outros que se fixeron eunucos eles mesmos polo Reino dos ceos. Quen poida cumprir con isto, que o faga”.
13 Despois, trouxéronlle algúns nenos para que puxese as mans sobre eles* e orase por eles, pero os discípulos reprendéronos. 14 Entón Xesús dixo: “Deixade os nenos tranquilos. Non intentedes impedirlles que se acerquen a min, porque o Reino dos ceos é dos que son coma eles”. 15 E el bendiciu* os nenos e marchou de alí.
16 Máis tarde, acercouse un home e preguntoulle: “Mestre, que cousas boas teño que facer para conseguir a vida eterna?”. 17 El díxolle: “Por que me preguntas a min polo que é bo? Só hai un que é bo. Aínda así, se queres conseguir a vida, obedece sempre os mandamentos”. 18 El preguntoulle: “Cales?”. E Xesús contestoulle: “Non asasines, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, 19 honra a teu pai e a túa nai, e ama os demais* como te amas a ti mesmo”. 20 O mozo contestoulle: “Todos eses mandamentos xa os obedezo sempre. Que é o que me falta?”. 21 Xesús respondeulle: “Se queres ser perfecto*, vai, vende o que tes e dálles os cartos ós pobres. Así, terás un tesouro no ceo. Despois ven e faite o meu discípulo*”. 22 Cando o mozo escoitou isto, marchou moi triste, porque tiña moitos bens. 23 Entón, Xesús díxolles ós seus discípulos: “Asegúrovos que para un rico será difícil entrar no Reino dos ceos. 24 E dígovos outra vez que é máis fácil para un camelo pasar polo burato* dunha agulla que para un rico entrar no Reino de Deus”.
25 Cando escoitaron isto, os discípulos quedaron moi sorprendidos e dixeron: “Entón, quen se poderá salvar?”. 26 Xesús mirounos ós ollos e díxolles: “Para os humanos isto é imposible, pero para Deus tódalas cousas son posibles”.
27 Entón Pedro dixo: “Mira que nós xa o deixamos todo e seguímoste. Que vai haber para nós?”. 28 Xesús respondeulles: “Asegúrovos que cando chegue o tempo de facelo todo novo* e o Fillo do Home se sente no seu glorioso trono, vós, os que me seguistes, sentarédesvos en 12 tronos e xulgaredes as 12 tribos de Israel. 29 E todo aquel que deixou casas, irmáns, irmás, pai, nai, fillos ou terras por ser o meu seguidor recibirá 100 veces máis e herdará a vida eterna.
30 ”Pero moitos dos primeiros serán os últimos, e moitos dos últimos serán os primeiros.