As boas noticias segundo Mateo
28 Despois do sábado, cando estaba saíndo o sol o primeiro día da semana*, María Madalena e a outra María foron ver a tumba.
2 Resulta que houbera un gran terremoto, porque o anxo de Xehová* baixara do ceo, fora á tumba e fixera rodar a pedra da entrada. O anxo, que se sentara enriba da pedra, 3 brillaba coma un lóstrego e a súa roupa era branca coma a neve. 4 Os gardas tiveron tanto medo del que se puxeron a tremer e quedaron totalmente paralizados*.
5 Entón o anxo díxolles ás mulleres: “Non teñades medo. Sei que estades buscando a Xesús, o que foi executado no madeiro. 6 Non está aquí, porque resucitou*, xusto como el dixera. Vinde ver onde estaba o seu corpo. 7 Despois ide rápido onda os seus discípulos e dicídelles: ‘Resucitou* de entre os mortos e agora vai diante de vós de camiño a Galilea. Verédelo alí’. Isto é o que vin a dicirvos”.
8 Así que elas marcharon rápido da tumba* e foron correndo a contárllelo ós discípulos. Estaban asustadas pero tamén moi contentas. 9 Entón Xesús encontrounas polo camiño e díxolles: “Bos días!”. Elas acercáronselle, inclináronse diante del* e agarráronse ós seus pés. 10 Despois Xesús díxolles: “Non teñades medo! Ide e avisade os meus irmáns para que vaian a Galilea. Vanme ver alí”.
11 Mentres elas ían de camiño, algúns gardas foron á cidade e contáronlles ós sacerdotes principais todo o que pasara. 12 Entón os sacerdotes principais reuníronse cos anciáns para decidir o que ían facer. Despois déronlles ós soldados unha boa cantidade de moedas de prata 13 e mandáronlles: “Vós dicídelle á xente: ‘Os seus discípulos viñeron de noite e roubaron o corpo mentres nós estabamos durmindo’. 14 E se isto chega a oídos do gobernador, non vos preocupedes. Xa falaremos nós con el*”. 15 Así que os soldados quedaron coas moedas de prata e fixeron o que eles lles mandaran. E esa é a versión da historia que se oe aínda hoxe entre os xudeus.
16 Os 11 discípulos foron a Galilea, á montaña onde Xesús lles dixera que fosen para encontrarse con el. 17 Cando o viron, inclináronse diante del*, pero algúns* tiveron dúbidas de que fose Xesús. 18 El acercouse e díxolles: “Déuseme autoridade sobre tódalas cousas no ceo e na terra. 19 Así que ide e facede discípulos de xente de tódalas nacións. Bautizádeos* no nome do Pai, do Fillo e do espírito santo. 20 Ensinádelles a obedecer todo o que eu vos mandei. E recordade: estarei con vós tódolos días ata a parte final do sistema*”.