Primeira Carta de Xoán
3 Fixádevos no grande que é o amor que o Pai sente por nós! El chámanos fillos seus, e iso é o que somos. Por iso o mundo non nos coñece, porque non chegou a coñecelo a el. 2 Queridos irmáns, agora somos fillos de Deus, pero aínda non se nos mostrou o que seremos. O que sabemos é que cando el sexa manifestado seremos coma el, porque o veremos tal como é. 3 E tódolos que confían nel purifícanse a si mesmos, porque el é puro.
4 Calquera que practica o pecado está desobedecendo a lei, porque o pecado é a desobediencia á lei. 5 Vós tamén sabedes que el* veu* para quitar os nosos pecados, e nel non hai pecado. 6 Quen se mantén unido a el non practica o pecado. Quen practica o pecado non o viu nin chegou a coñecelo. 7 Filliños, que ninguén vos engane. Quen practica a xustiza* é xusto, así como Xesús é xusto. 8 Quen practica o pecado vén do Demo*, porque o Demo estivo pecando desde o principio*. O Fillo de Deus veu para isto: para desfacer* as obras do Demo.
9 Ninguén que naceu de Deus practica o pecado, porque a semente* de Deus permanece nel, e non pode practicar o pecado porque naceu de Deus. 10 Os fillos de Deus e os fillos do Demo pódense recoñecer por isto: o que non practica a xustiza* non vén de Deus, nin tampouco o que non ama o seu irmán. 11 Porque esta é a mensaxe que vós escoitastes desde o principio: que nos amemos uns ós outros. 12 Non debemos ser coma Caín, que veu do Maligno* e matou o seu irmán. E por que o matou? Porque as súas accións eran malvadas pero as do seu irmán eran xustas.
13 Irmáns, que non vos sorprenda que o mundo vos odie. 14 Nós sabemos que pasamos da morte á vida porque amamos os nosos irmáns. O que non ama segue estando morto. 15 Calquera que odia o seu irmán é un asasino, e vós sabedes que ningún asasino vai ter vida eterna. 16 Por isto chegamos a coñecer o amor: porque el entregou a súa vida* por nós. E nós temos a obrigación de entregar a vida* polos nosos irmáns. 17 Agora ben, se alguén ten o suficiente para vivir* e ve que o seu irmán está pasando necesidade pero négase a mostrarlle compaixón, como pode dicir que ama a Deus? 18 Filliños, non amemos só de palabra nin de boca para fóra, senón con feitos e de verdade.
19 Desta maneira saberemos que estamos do lado da verdade e faremos que o noso corazón se sinta seguro* diante de Deus, 20 incluso se o noso corazón nos condena, porque Deus é máis grande que o noso corazón e sábeo todo. 21 Queridos irmáns, se o noso corazón non nos condena, podemos falarlle a Deus con confianza*. 22 E el vainos dar todo o que lle pidamos, porque estamos obedecendo os seus mandamentos e facendo o que a el lle agrada. 23 De feito, este é o seu mandamento: que teñamos fe no nome do seu Fillo, Xesucristo, e que nos amemos uns ós outros, tal como el* nos mandou. 24 Ademais, quen obedece os mandamentos de Deus mantense unido a el, e el mantense unido a esa persoa. E grazas ó espírito santo que el nos deu sabemos que el se mantén unido a nós.