As boas noticias segundo Lucas
19 Xesús entrou en Xericó e foi cruzando a cidade. 2 Alí estaba un home que se chamaba Zaqueo. El era un dos xefes dos cobradores de impostos e era rico. 3 Zaqueo intentaba ver quen era Xesús. Pero como había moita xente e era baixiño, non era capaz. 4 Entón empezou a correr para adiantar a xente e subiu a un sicómoro* para poder ver a Xesús, porque estaba a punto de pasar por alí. 5 Cando Xesús chegou, mirou para arriba e díxolle: “Zaqueo, baixa rápido, que hoxe vou quedar na túa casa”. 6 El enseguida baixou e aloxouno na súa casa moi contento. 7 Cando a xente viu isto, todos se puxeron a murmurar: “Foise aloxar á casa dun pecador”. 8 Pero Zaqueo levantouse e díxolle ó Señor: “Señor, voulles dar ós pobres a metade do que teño, e todo o que conseguín extorsionando* a xente devolvereino multiplicado por catro”. 9 Entón Xesús dixo: “Hoxe chegou a salvación a esta casa, porque este home tamén é fillo de Abrahán. 10 Porque o Fillo do Home veu a buscar e a salvar os que estaban perdidos”.
11 Mentres os discípulos escoitaban todo isto, Xesús púxolles outra comparación, porque estaba cerca de Xerusalén e eles pensaban que o Reino de Deus viría dun momento a outro. 12 Así que dixo: “Un home de familia nobre viaxou a un país que estaba lonxe para asegurarse de que o fixesen rei* e despois volver. 13 Antes de marchar, chamou 10 dos seus escravos, deulles 10 minas* e díxolles: ‘Negociade con elas ata que volva’. 14 Pero a xente do seu país odiábao e enviaron un grupo de embaixadores despois del para que dixesen: ‘Non queremos que este home sexa o noso rei’.
15 ”Cando volveu, despois de asegurarse de que o fixesen rei, xuntou os escravos ós que lles dera os cartos* para ver canto ganaran negociando con eles. 16 O primeiro acercouse a el e díxolle: ‘Señor, coa túa mina ganei 10 máis’. 17 O rei contestoulle: ‘Ben feito! Es un bo escravo. Como fuches fiel nunha cousa tan pequena, farei que sexas o gobernador de 10 cidades’. 18 Despois acercouse o segundo e díxolle: ‘Señor, coa túa mina ganei 5 máis’. 19 E a este escravo tamén lle contestou: ‘Ti faraste cargo de 5 cidades’. 20 Pero veu outro e díxolle: ‘Señor, aquí tes a túa mina, tívena escondida nun pano. 21 Escondina porque che tiña medo. Es un home esixente, que retiras o que non depositaches e recolles o que non sementaches’. 22 O rei contestoulle: ‘Escravo malo, as túas palabras condénante. Así que sabías que son un home esixente, que retiro o que non depositei e recollo o que non sementei? 23 E logo, por que non puxeches os meus cartos no banco? Así, ó volver, podería recuperalos con intereses’.
24 ”Entón díxolles ós que estaban alí: ‘Quitádelle a mina e dádella ó que ten as 10 minas’. 25 Pero eles dixéronlle: ‘Señor, el xa ten 10 minas!’. 26 E el respondeulles: ‘Dígovos que ó que ten daráselle máis, pero ó que non ten incluso se lle quitará o pouco que ten. 27 Ademais, traede aquí eses inimigos meus que non querían que eu fose o seu rei e matádeos diante miña’”.
28 Despois de dicir estas cousas, Xesús seguiu a súa viaxe, subindo cara a Xerusalén. 29 E cando se acercou a Betfagué e a Betania, á montaña chamada Monte das Oliveiras, díxolles a dous dos seus discípulos: 30 “Ide á aldea que vedes alí. Despois de entrar, encontraredes un burriño atado no que nunca montou ninguén. Desatádeo e traédeo aquí. 31 E se alguén vos pregunta ‘Por que o estades desatando?’, dicídelle ‘O Señor necesítao’”. 32 Así que os dous discípulos foron e encontraron todo como el lles dixera. 33 Pero cando desataron o burriño, os donos preguntáronlles: “Por que estades desatando o burriño?”. 34 E eles contestaron: “O Señor necesítao”. 35 Entón leváronllo a Xesús, puxeron os seus mantos enriba do burriño e fixeron que Xesús se sentase nel.
36 Mentres el ía pasando, a xente estendía os seus mantos no camiño. 37 En canto se acercou ó camiño que baixa do Monte das Oliveiras, toda a multitude de discípulos se encheu de alegría e empezou a louvar a Deus en voz alta por tódolos milagres que viran. 38 E dicían: “Bendito o que vén como Rei no nome de Xehová*! Paz no ceo e gloria nas alturas!”. 39 Pero algúns dos fariseos que estaban entre a multitude dixéronlle: “Mestre, reprende os teus discípulos”. 40 E el respondeulles: “Dígovos que se eles quedasen calados, berrarían as pedras”.
41 Cando estaba cerca da cidade* e a viu, empezou a chorar por ela 42 e a dicir: “Se ti, ti mesma, recoñeceses neste día as cousas que dan paz... Pero agora xa foron escondidas dos teus ollos. 43 Porque chegarán os días nos que os teus inimigos construirán ó teu arredor unha cerca de estacas afiadas, vante rodear e vante sitiar por todos lados. 44 Botaranvos ó chan a ti e ós teus habitantes*, e non deixarán pedra sobre pedra en ti, porque non recoñeciches o tempo no que se te estaba inspeccionando”.
45 Entón Xesús entrou no templo e púxose a botar fóra a tódolos que estaban vendendo. 46 E díxolles: “Está escrito ‘A miña casa será chamada casa de oración’, pero vós convertéstela nunha cova de ladróns”.
47 Xesús seguiu ensinando tódolos días no templo. Os sacerdotes principais, os escribas e as persoas máis importantes do pobo intentaban matalo, 48 pero non encontraban a maneira de facelo, porque todo o pobo, sen excepción, estaba moi pendente del para escoitalo.