As boas noticias segundo Marcos
12 Entón Xesús empezou a falarlles usando comparacións. Díxolles: “Un home plantou unha viña e rodeouna cunha cerca. Ademais cavou un lagar e tamén levantou unha torre. Despois arrendoulles a viña a uns agricultores e marchou ó estranxeiro. 2 Cando chegou o tempo da vendima, enviou un escravo onda os agricultores para que lle desen parte do que recolleran da viña. 3 Pero eles collérono, déronlle unha malleira e mandárono de volta sen nada. 4 O dono volveulles mandar outro escravo, pero eles pegáronlle na cabeza e humillárono. 5 Entón mandou outro, e matárono. Despois enviou moitos máis e a algúns déronlles unha malleira e a outros matáronos. 6 Aínda lle quedaba alguén máis a quen mandar: un fillo ó que quería moito. Así que ó final mandouno a el, porque pensaba: ‘Ó meu fillo vano respectar’. 7 Pero os agricultores dixéronse uns ós outros: ‘Este é o herdeiro. Veña! Ímolo matar, e así o terreo* será noso’. 8 Entón collérono, matárono e tirárono fóra da viña. 9 Que fará o dono da viña? Virá, matará os agricultores e daralles a viña a outros. 10 Seica nunca lestes esta parte das Escrituras: ‘A pedra que os construtores rechazaron chegou a ser a pedra angular principal*’? 11 E non lestes: ‘Esta veu de Xehová* e para nós é marabillosa’?”.
12 Os inimigos de Xesús déronse conta de que puxera a comparación pensando neles e quixeron arrestalo. Pero como lle tiñan medo á multitude, deixárono e marcharon.
13 Despois enviaron algúns dos fariseos e algúns dos membros do partido de Herodes para poder acusalo por algo que dixese. 14 Cando chegaron, dixéronlle: “Mestre, sabemos que sempre dis a verdade e que non buscas a aprobación de ninguén porque non te deixas levar polo que aparentan ser as persoas, senón que ensinas a verdade acerca de Deus. Está ben pagarlle o imposto* a César ou non? 15 Témolo que pagar ou non o temos que pagar?”. El deuse conta do hipócritas que estaban sendo e contestoulles: “Por que me poñedes a proba? Traédeme un denario* para que o vexa”. 16 Eles trouxéronllo e el preguntoulles: “De quen é a imaxe e o nome que aparecen aquí?”. Eles respondéronlle: “De César”. 17 Entón Xesús dixo: “Pagádelle a César* o que é de César, pero a Deus o que é de Deus”. E eles quedaron impresionados con el.
18 Entón viñeron os saduceos (que din que non hai resurrección) e preguntáronlle: 19 “Mestre, Moisés deixounos escrito que se un home casado morre sen ter fillos, o seu irmán debe casar coa viúva para darlle descendencia ó que morreu. 20 Resulta que había sete irmáns. O primeiro casou, pero morreu sen ter fillos. 21 O segundo irmán casou coa viúva, pero el tamén morreu sen ter fillo ningún, e o terceiro igual. 22 Ningún dos sete tivo fillos. Despois de morrer todos, a muller tamén morreu. 23 Cando resuciten, cal deles vai ser o seu home? Porque os sete estiveron casados con ela”. 24 E Xesús respondeulles: “Non coñecedes nin as Escrituras nin o poder de Deus. Por iso estades equivocados. 25 Porque, cando resucitan* de entre os mortos, nin os homes nin as mulleres casan, porque son coma os anxos nos ceos. 26 Pero sobre o feito de que os mortos van ser resucitados*, non lestes no libro de Moisés, no relato do arbusto, que Deus lle dixo: ‘Eu son o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob’? 27 El non é Deus de mortos, senón de vivos. Estades moi equivocados”.
28 Un dos escribas que chegara escoitou a discusión. Como viu que Xesús respondera moi ben, preguntoulle: “Cal é o mandamento máis importante* de todos?”. 29 Xesús respondeulle: “O máis importante é este: ‘Escoita, oh, Israel. Xehová* é o noso Deus, e hai* un só Xehová*. 30 Ama a Xehová* o teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma*, con toda a túa mente e con tódalas túas forzas’. 31 O segundo é este: ‘Ama os demais* como te amas a ti mesmo’. Non hai ningún mandamento máis importante ca estes”. 32 O escriba díxolle: “Respondiches ben, Mestre, de acordo coa verdade: ‘El é un só, e non hai outro á parte del’. 33 Ten moito máis valor amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con tódalas forzas, e amar os demais como te amas a ti mesmo que tódalas ofrendas queimadas e os sacrificios”. 34 Xesús deuse conta de que o escriba dera unha resposta intelixente, e díxolle: “Non estás lonxe do Reino de Deus”. E ninguén máis se atreveu a facerlle máis preguntas.
35 Pero Xesús seguiu ensinando no templo e preguntou: “Como é que os escribas din que o Cristo é fillo de David? 36 Guiado polo espírito santo, foi David quen dixo: ‘Xehová* díxolle ó meu Señor: “Séntate á miña dereita ata que poña os teus inimigos debaixo dos teus pés”’. 37 O propio David chámalle Señor. Entón, como pode ser o Cristo o seu fillo?”.
E a multitude tan grande que había alí desfrutaba de escoitalo. 38 Cando estaba ensinando, Xesús díxolles: “Coidado cos escribas ós que lles gusta andar por aí con túnicas longas, que a xente os saúde nas prazas dos mercados, 39 e sentarse nos mellores asentos* nas sinagogas e nos sitios máis importantes nas ceas. 40 Róubanlles ás viúvas o que teñen* e fan oracións longas para presumir. Eles recibirán un xuízo máis duro”.
41 Xesús sentouse nun sitio desde o que se vían as arcas* do tesouro e púxose a mirar como a xente botaba cartos nelas. Moitos ricos botaban moitas moedas. 42 Entón chegou unha viúva que era pobre e botou dúas moediñas que valían moi pouco*. 43 Xesús chamou os seus discípulos e díxolles: “Asegúrovos que esa viúva pobre botou máis que tódolos demais nas arcas do tesouro. 44 Porque todos dan do que lles sobra pero ela, sendo tan pobre, botou todo, todo o que tiña para vivir”.