Apocalipse
21 Entón vin un ceo novo e unha terra nova, porque o ceo anterior e a terra anterior desapareceran, e o mar xa non existe. 2 Tamén vin a cidade santa, a Nova Xerusalén, baixando do ceo, de Deus. Estaba preparada coma unha noiva que se pon moi guapa para recibir o seu home. 3 Despois oín unha voz forte que saía do trono e que dicía: “Mira! A tenda de Deus está coa humanidade. El vivirá con eles e eles serán o seu pobo. O propio Deus estará con eles. 4 E secaralles tódalas lágrimas dos seus ollos, e a morte deixará de existir. Xa non haberá máis tristeza*, nin choros*, nin dor. As cousas que nos facían sufrir* desapareceron”.
5 O que estaba sentado no trono dixo: “Mira! Estou facendo novas tódalas cousas”. Tamén dixo: “Escribe estas palabras, porque son fieis* e verdadeiras”. 6 E díxome: “Xa se cumpriron! Eu son o Alfa e o Omega*, o principio e o final. A quen teña sede dareille de beber gratis da fonte* da auga da vida. 7 Calquera que venza herdará estas cousas, e eu serei o seu Deus e el será o meu fillo. 8 Pero os covardes, os que non teñen fe, os que son sucios e noxentos, os asasinos, os que son sexualmente inmorais*, os que practican espiritismo*, os idólatras e tódolos mentireiros serán botados no lago que arde con lume e xofre*, que representa a morte segunda”.
9 Un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas cheas das sete últimas pragas veu e díxome: “Ven, que che vou ensinar a noiva, a muller do Cordeiro”. 10 Así que, por medio do espírito santo, levoume a unha montaña grande e alta, e ensinoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo, de Deus, 11 e que tiña a gloria de Deus. Resplandecía coma unha pedra moi valiosa, coma unha pedra de xaspe que brilla coma o cristal. 12 Tiña unha muralla grande e alta con 12 portas, e en cada porta había un anxo. E enriba das portas estaban escritos os nomes das 12 tribos dos fillos de Israel. 13 Había tres portas ó leste, tres ó norte, tres ó sur e tres ó oeste. 14 Ademais, a muralla da cidade tiña como fundamentos 12 pedras, e nelas estaban os 12 nomes dos 12 apóstolos do Cordeiro.
15 O que falaba comigo tiña unha cana de ouro para medir a cidade, as portas e a muralla. 16 A cidade era cadrada, medía o mesmo de ancho que de longo. El mediu a cidade coa cana, e medía uns 2220 quilómetros*. A súa lonxitude, a súa anchura e a súa altura eran iguais. 17 Tamén mediu a muralla e medía 144 cóbados*, segundo as medidas que usan os homes, que son as mesmas que usou o anxo. 18 A muralla era de xaspe e a cidade de ouro puro, cristalino coma o vidro. 19 Os fundamentos da muralla da cidade estaban adornados con toda clase de pedras preciosas: a primeira pedra de fundamento era xaspe, a segunda zafiro, a terceira calcedonia, a cuarta esmeralda, 20 a quinta sardónix, a sexta cornalina, a sétima crisólito, a oitava berilo, a novena topacio, a décima crisópraso, a undécima xacinto e a duodécima amatista. 21 Ademais, as 12 portas eran 12 perlas. Cada porta estaba feita dunha soa perla. E a rúa principal da cidade era de ouro puro, transparente coma o vidro.
22 Non vin ningún templo na cidade porque Xehová* Deus, o Todopoderoso, é o seu templo, e o Cordeiro tamén o é. 23 A cidade non necesita que nin o sol nin a lúa a ilumine, porque xa a ilumina a gloria de Deus, e o Cordeiro é a súa lámpada. 24 A luz da cidade iluminará o camiño polo que andarán as nacións, e os reis da terra levaranlle a súa gloria. 25 As súas portas non se pecharán en todo o día, porque alí non haberá noite. 26 E levaranlle a gloria e o honor das nacións. 27 Pero nunca entrará nela nada que estea contaminado nin ninguén que faga cousas noxentas e enganosas. Só entrarán os que teñan os seus nomes escritos no rolo da vida do Cordeiro.