As boas noticias segundo Mateo
14 Naquel tempo, Herodes*, o gobernante do distrito*, escoitou o que contaban de Xesús 2 e díxolles ós seus servos: “Este é Xoán o Bautista, que resucitou* de entre os mortos, e por iso pode facer eses milagres”. 3 Antes de todo iso, Herodes mandara que arrestasen a Xoán, que o encadeasen e que o metesen na prisión por culpa de Herodías, a muller do seu irmán Filipo. 4 Xoán estivéralle dicindo a Herodes: “Non está permitido que ela sexa a túa muller”. 5 Herodes quería matalo, pero tíñalle medo á xente porque crían que Xoán era un profeta. 6 Durante o cumpreanos de Herodes, a filla de Herodías bailou diante de todos, e Herodes quedou tan contento 7 que xurou que lle daría calquera cousa que pedise. 8 Entón ela, pola presión da súa nai, dixo: “Tráeme a cabeza de Xoán o Bautista nunha bandexa”. 9 O rei Herodes púxose triste pero, como fixera o xuramento diante dos invitados*, mandou que lla trouxesen. 10 Así que fixo que lle cortasen a cabeza a Xoán na prisión. 11 Entón, trouxéronlle a cabeza nunha bandexa e déronlla á rapaza, e ela levoulla á súa nai. 12 Máis tarde, viñeron os discípulos de Xoán, colleron o corpo e enterrárono. Despois fóronllo contar todo a Xesús. 13 Cando lle deron a noticia, el saíu de alí nunha barca para ir a un lugar apartado onde estar só. Pero cando as multitudes o souberon, saíron das cidades e seguírono a pé.
14 Cando chegou a terra, viu unha gran multitude e sentiu moita compaixón, e curou os que estaban enfermos. 15 Pero á tardiña, os discípulos acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Estamos nun sitio apartado e xa é tarde. Dilles ás multitudes que marchen para que vaian ás aldeas e poidan comprar comida”. 16 Xesús respondeulles: “Non fai falta que marchen. Dádelles vós de comer”. 17 Eles dixéronlle: “Aquí non temos nada máis que cinco pans e dous peixes”. 18 El contestoulles: “Traédemos”. 19 Despois, mandoulle á xente que se sentase na herba e colleu os cinco pans e os dous peixes. Entón, fixo unha oración* mirando cara ó ceo, partiu os pans, déullelos ós seus discípulos e eles repartíronos entre a xente. 20 Todos comeron e ninguén quedou con fame. Ó final, recolleron os cachos que sobraron e encheron 12 cestas. 21 En total, comeron uns 5000 homes, ademais das mulleres e dos nenos. 22 Xusto despois, díxolles ós seus discípulos que subisen á barca e que fosen cruzando á outra beira mentres el despedía as multitudes.
23 Despois de despedir a xente, Xesús subiu á montaña para estar só e orar. Ó chegar a noite, aínda seguía alí el só. 24 Nese momento, a barca xa estaba moi lonxe* da beira, e os discípulos loitaban contra as ondas porque tiñan o vento en contra. 25 Xa de madrugada*, Xesús foi cara a eles camiñando sobre o mar. 26 Cando os discípulos o viron camiñando sobre a auga, asustáronse e dixeron: “É un fantasma!”. E puxéronse a berrar cheos de medo. 27 Pero Xesús díxolles inmediatamente: “Tranquilos! Son eu. Non teñades medo”. 28 Pedro contestoulle: “Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti camiñando sobre a auga”. 29 Xesús díxolle: “Ven!”. Así que Pedro saíu da barca e empezou a camiñar sobre a auga cara a el. 30 Pero ó fixarse na forza que tiña o vento, entroulle o medo. Entón, empezou a afundirse e berrou: “Señor, sálvame!”. 31 Xesús estirou a man inmediatamente, agarrouno e díxolle: “Home de pouca fe, por que deixaches que che entrasen as dúbidas?”. 32 Despois de que subiron á barca, o vento parou. 33 Entón os discípulos que estaban na barca inclináronse diante del* e dixéronlle: “Ti realmente es o Fillo de Deus”. 34 Ó chegar á outra beira, desembarcaron na terra de Xenesaret.
35 Cando os homes daquel lugar recoñeceron a Xesús, avisaron a xente dos arredores. As persoas trouxéronlle a tódolos que estaban enfermos, 36 e suplicábanlle que lles deixase tocar polo menos a beira do seu manto. E tódolos que o tocaban quedaban completamente curados.