As boas noticias segundo Xoán
11 Había un home que se chamaba Lázaro e que estaba enfermo. Era de Betania, a aldea na que vivían María e a súa irmá Marta. 2 Esta foi a María que botou aceite perfumado sobre o Señor e lle secou os pés co seu pelo. E o que estaba enfermo era o seu irmán Lázaro. 3 Así que as irmás de Lázaro mandaron alguén onda Xesús para que lle dixese: “Señor, o teu querido amigo está enfermo”. 4 Pero cando Xesús o escoitou, dixo: “O resultado final desta enfermidade non vai ser a morte, senón darlle gloria a Deus e que o Fillo de Deus reciba gloria mediante ela”.
5 Xesús queríalles moito a Marta, á súa irmá e a Lázaro. 6 Pero cando escoitou que Lázaro estaba enfermo, quedou dous días máis no lugar onde estaba. 7 Despois díxolles ós discípulos: “Vamos outra vez a Xudea”. 8 Pero os discípulos dixéronlle: “Rabí, os de Xudea hai pouco querían matarte a pedradas, e agora vas ir outra vez alí?”. 9 Xesús contestoulles: “O día ten 12 horas de luz, non? O que camiña durante o día non tropeza con nada porque ve a luz deste mundo. 10 Pero o que camiña de noite tropeza porque non hai luz nel”.
11 Despois de dicir isto, tamén dixo: “O noso amigo Lázaro quedou durmido, pero eu vou ir alí a despertalo”. 12 Entón os discípulos dixéronlle: “Señor, se está durmindo, poñerase ben”. 13 En realidade, Xesús quería dicir que Lázaro estaba morto, pero eles pensaban que se refería a que estaba descansando mentres durmía. 14 Así que Xesús díxolles directamente: “Lázaro morreu, 15 e alégrome por vós de que eu non estivese alí, para que creades. Vamos onda el”. 16 Entón Tomás, ó que lle chamaban o Xemelgo, díxolles ós outros discípulos: “Vamos nós tamén e morramos con Xesús”.
17 Cando Xesús chegou, viu que Lázaro xa levaba catro días na tumba*. 18 Betania estaba cerca de Xerusalén, a uns tres quilómetros*. 19 Moitos xudeus viñeran a consolar a Marta e a María pola morte do seu irmán. 20 Cando Marta soubo que viña Xesús, saíu para encontrarse con el, pero María quedou sentada na casa. 21 Entón Marta díxolle a Xesús: “Señor, se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto. 22 Pero incluso agora, sei que todo o que lle pidas a Deus, el vaicho dar”. 23 Xesús díxolle: “Teu irmán vai resucitar*”. 24 E Marta respondeulle: “Eu sei que volverá á vida* na resurrección, no último día”. 25 Entón Xesús díxolle: “Eu son a resurrección e a vida. Quen demostre que ten fe en min, aínda que morra, chegará a vivir. 26 E quen estea vivo e demostre que ten fe en min, non morrerá nunca. Cres ti isto?”. 27 Ela respondeulle: “Si, Señor. Eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, o que tiña que vir ó mundo”. 28 Despois de dicir isto, foi chamar a súa irmá María e díxolle en privado: “O Mestre está aquí e está chamando por ti”. 29 En canto María escoitou iso, levantouse e foi onda el.
30 Xesús aínda non entrara na aldea e seguía no mesmo sitio onde Marta o encontrara. 31 Cando os xudeus que estaban na casa consolando a María viron que ela se levantaba de repente e marchaba, foron detrás dela porque pensaban que ía chorar á tumba*. 32 María chegou a onde estaba Xesús e, cando o viu, botouse ó chan diante del e díxolle: “Señor, se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto”. 33 Cando Xesús viu que María estaba chorando e que os xudeus que ían con ela tamén choraban, partíuselle o corazón* e sentiu moita angustia. 34 Entón preguntou: “Onde o puxestes?”. Eles contestáronlle: “Señor, ven a ver”. 35 E a Xesús caéronlle as lágrimas. 36 Cando os xudeus o viron, empezaron a dicir: “Mirade canto lle quería!*”. 37 Pero algúns deles dicían: “Se este home puido curar o* cego, non puido impedir que Lázaro morrese?”.
38 A Xesús volvéuselle a encoller o corazón, e entón foi á tumba*. En realidade, a tumba era unha cova que tiña unha pedra tapando a entrada. 39 Xesús dixo: “Apartade a pedra”. Pero Marta, a irmá do defunto, díxolle: “Señor, xa debe cheirar, porque xa pasaron catro días”. 40 E Xesús preguntoulle: “Non che dixen que se crías poderías ver a gloria de Deus?”. 41 Así que apartaron a pedra. Entón, Xesús mirou para o ceo e dixo: “Pai, douche as grazas porque me escoitaches. 42 Xa sei que sempre me escoitas, pero dígoo por toda a xente que teño arredor, para que crean que ti me enviaches”. 43 E despois de dicir iso, berrou con forza: “Lázaro, sae para fóra!”. 44 E o home que estivera morto saíu. Levaba as mans e os pés envoltos con vendas, e a cara envolta cunha tea. Xesús díxolles: “Quitádelle as vendas para que poida camiñar”.
45 Cando viron o que fixera Xesús, moitos dos xudeus que viñeran a visitar a María empezaron a ter fe nel. 46 Pero algúns foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús. 47 Así que os sacerdotes principais e os fariseos reuniron o Sanedrín e dixeron: “Que imos facer? Porque este home fai moitos milagres*. 48 Se deixamos que siga así, todos van empezar a ter fe nel, e entón virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo* e a nosa nación”. 49 Entón un deles, que se chamaba Caifás e que era o sumo sacerdote aquel ano, díxolles: “Non entendedes nada. 50 Non vos estades dando conta de que vos convén que morra un só home por todo o pobo, en vez de que toda a nación sexa destruída”. 51 Pero non o dixo porque fose idea súa, senón que, como era sumo sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús ía morrer polos xudeus. 52 E non só polos xudeus, senón tamén para xuntar nun só grupo os fillos de Deus que estaban espallados. 53 Así que ese día empezaron a conspirar para matar a Xesús.
54 Por iso Xesús deixou de aparecer en público entre os xudeus e marchou para a rexión que está cerca do deserto, para unha cidade chamada Efraín, e quedou alí cos discípulos. 55 Faltaba pouco para a Pascua dos xudeus, e moita xente da zona rural subiu a Xerusalén antes da Pascua para limparse cerimonialmente*. 56 Puxéronse a buscar a Xesús, e dicíanse uns ós outros no templo: “Vós que pensades? Virá á festa ou non?”. 57 Pero os sacerdotes principais e os fariseos mandaran que se alguén sabía onde estaba Xesús, tiña que avisar para que puidesen arrestalo.