As boas noticias segundo Mateo
9 Xesús subiu á barca, cruzou ata o outro lado do mar e entrou na súa cidade*. 2 Entón, unhas persoas leváronlle un paralítico nunha pequena cama portátil*. Cando Xesús viu a fe que tiñan, díxolle ó paralítico: “Ánimo, filliño! Os teus pecados quédanche perdoados”. 3 Pero algúns escribas pensaron: “Este home blasfema”. 4 Xesús, que sabía o que estaban pensando, díxolles: “Por que tedes o corazón cheo de maldade*? 5 Que é máis fácil? Dicir ‘Os teus pecados quédanche perdoados’, ou dicir ‘Levántate e anda’, e que entón el se levante e camiñe? 6 Pois vouvos demostrar que o Fillo do Home ten autoridade na terra para perdoar pecados”. Entón, díxolle ó paralítico: “Levántate, colle a túa cama e vai para a túa casa”. 7 E el levantouse e foi para a súa casa. 8 Cando as multitudes viron isto, todos quedaron moi impresionados e déronlle gloria a Deus por darlles esa autoridade a seres humanos.
9 Despois, mentres Xesús estaba marchando de alí, viu un home chamado Mateo sentado na oficina onde se cobran os impostos, e díxolle: “Sígueme*”. E el levantouse inmediatamente e seguiuno. 10 Máis tarde, mentres Xesús estaba comendo* na casa*, chegaron moitos cobradores de impostos e pecadores, e puxéronse a comer con el e cos seus discípulos. 11 Cando os fariseos viron isto, preguntáronlles ós discípulos de Xesús: “Por que o voso mestre come cos cobradores de impostos e cos pecadores?”. 12 Pero Xesús escoitounos e díxolles: “Os que están sans non necesitan un médico, pero os enfermos si. 13 Así que ide e aprendede o que significan estas palabras: ‘Quero compaixón*, non sacrificios’. Porque non vin para chamar os xustos, senón os pecadores”.
14 Entón acercáronselle os discípulos de Xoán e preguntáronlle: “Por que nós e os fariseos temos o costume de facer xaxún* e os teus discípulos non?”. 15 Xesús respondeulles: “Nunha voda, os amigos do noivo non teñen razóns para estar tristes mentres o noivo está con eles, verdade? Pero chegará o día no que o noivo xa non estará con eles*, e entón si que farán xaxún. 16 Ninguén lle cose un remendo de tea nova a un manto vello, porque cando a tea nova encolle, tira da vella e o burato faise máis grande. 17 Tampouco se pon viño novo en odres* vellos. Se alguén o fixese, o coiro rebentaría, o viño derramaríase e os odres xa non servirían para nada. Por iso, a xente pon o viño novo en odres novos e así non se bota a perder ningunha das dúas cousas”.
18 Mentres lles dicía todo isto, chegou un gobernante, inclinouse diante del* e díxolle: “Seguro que a miña filla xa está morta. Pero ven, pon a túa man sobre ela e volverá a vivir”.
19 Así que Xesús levantouse e foi con el, e os seus discípulos acompañárono. 20 Entón, acercóuselle por detrás unha muller que levaba 12 anos con hemorraxias e tocoulle a beira do manto, 21 porque pensaba: “Con só tocar o seu manto, poñereime ben”. 22 Xesús xirouse e, ó vela, díxolle: “Ánimo, filliña! A túa fe curoute”. E nese momento, a muller curou.
23 Cando entrou na casa do gobernante, viu os frautistas e tamén moita xente chorando e lamentándose en voz alta. 24 Xesús díxolles: “Saíde de aquí, porque a nena non morreu, está durmindo”. Pero eles empezaron a rirse e a burlarse del con desprezo. 25 En canto fixeron saír a xente, el entrou onde estaba a nena, colleulle a man e ela levantouse. 26 E claro, a noticia chegou a saberse en toda a rexión.
27 Cando marchaba de alí, seguírono dous homes cegos que berraban: “Fillo de David, ten compaixón* de nós!”. 28 Despois entrou nunha casa, os cegos acercáronselle e el preguntoulles: “Tedes fe en que podo curarvos?”. Eles responderon: “Si que temos, Señor”. 29 Entón, el tocoulles os ollos e díxolles: “Como tedes fe, que se cumpra o que pedistes”. 30 E eles recuperaron a vista. Pero Xesús advertiulles seriamente: “Que non o saiba ninguén”. 31 Aínda así, ó saír de alí puxéronse a falar del por toda a rexión.
32 Resulta que cando aqueles homes estaban marchando, a xente levoulle a Xesús un home mudo que estaba posuído por un demo. 33 Xesús botou fóra aquel demo e o mudo empezou a falar. Entón as multitudes quedaron impresionadas e dicían: “Nunca tal cousa se viu en Israel”. 34 Pero os fariseos dicían: “Este home bota fóra os demos co poder do gobernante dos demos”.
35 E Xesús empezou a ir por tódalas cidades e aldeas ensinando nas sinagogas, predicando as boas noticias do Reino e curando todo tipo de enfermidades e doenzas. 36 Cando vía as multitudes que viñan onda el, sentía moita compaixón por elas, porque foran maltratadas e estaban abandonadas* coma ovellas sen pastor. 37 Entón díxolles ós seus discípulos: “Realmente queda moita colleita por apañar, pero hai poucos traballadores. 38 Así que rogádelle ó Dono da colleita que mande traballadores”.