As boas noticias segundo Lucas
8 Pouco despois, Xesús foi de cidade en cidade e de aldea en aldea predicando e anunciando as boas noticias do Reino de Deus. Con el ían os Doce 2 e tamén algunhas mulleres que foran liberadas de demos e curadas de enfermidades: María, á que chamaban Madalena (de quen saíran sete demos), 3 Xoana, que era a muller de Cuza (o encargado da casa de Herodes), Susana e moitas outras mulleres que usaban o que tiñan para atendelos.
4 Cando unha gran multitude se xuntou coa xente que, nunha cidade tras outra, ía onde estaba el, Xesús púxolles esta comparación: 5 “Un sementador saíu a botar a súa semente. Mentres o facía, algunhas das sementes caeron á beira do camiño, a xente pisounas e os paxaros do ceo coméronas. 6 Outras caeron sobre pedra, pero despois de nacer secaron porque non tiñan humidade. 7 Outras caeron entre os espiños, pero os espiños medraron xunto con elas e afogáronas. 8 Pero outras caeron en terra boa e despois de nacer deron froito, 100 veces máis do que se sementara”. Despois de dicir estas cousas, levantou a voz e dixo: “Quen teña oídos para escoitar, que escoite con atención!”.
9 Pero os seus discípulos preguntáronlle que significaba esta comparación. 10 El díxolles: “A vós permitíusevos entender os segredos sagrados do Reino de Deus. Pero para os demais todo son comparacións, para que por moito que miren non entendan, e por moito que oian non comprendan. 11 Isto é o que significa esta comparación. A semente é a palabra* de Deus. 12 Por un lado están as sementes que caeron á beira do camiño. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, pero despois vén o Demo* e quítalles a palabra do corazón para que non crean e non se salven. 13 Despois están as sementes que caeron sobre pedra. Este é o caso das persoas que cando escoitan a palabra recíbena con alegría, pero non teñen raíces profundas. Por un tempo cren, pero cando chega unha época na que veñen probas, bótanse atrás. 14 Despois están as sementes que caeron entre os espiños. Este é o caso das persoas que escoitan a palabra, pero as preocupacións, as riquezas e os praceres desta vida acábanas afogando completamente e non chegan a dar froito que madure. 15 E despois están as sementes que caeron en terra boa. Este é o caso das persoas que despois de escoitar a palabra cun corazón sincero e bo, gárdana e dan froito mentres aguantan.
16 ”Despois de prender un candil*, ninguén o tapa cun recipiente nin o pon debaixo da cama, senón que o pon nun sitio alto para que os que entren vexan a luz. 17 Porque non hai nada secreto que non se chegue a coñecer nin nada tan ben escondido que non se vaia saber e que non vaia saír á luz. 18 Así que escoitade con atención*, porque ó que ten daráselle máis, pero ó que non ten incluso se lle quitará o que imaxina que ten”.
19 Entón a nai e os irmáns de Xesús viñeron a velo, pero había tanta xente que non podían acercarse a el. 20 Por iso, fórono avisar e dixéronlle: “Túa nai e teus irmáns están aí fóra de pé e queren verte”. 21 El contestoulles: “Miña nai e meus irmáns son estes que escoitan a palabra de Deus e a obedecen”.
22 Un día Xesús subiu a unha barca cos seus discípulos e díxolles: “Crucemos ó outro lado do lago”. Así que marcharon 23 e, mentres navegaban, Xesús quedou durmido. Entón levantouse no lago un forte temporal de vento, e estaban en perigo porque a barca empezou a encherse de auga. 24 Os discípulos foron a despertalo e dixéronlle: “Mestre, Mestre, que afogamos!”. Así que el púxose de pé e reprendeu o vento e o mar, que estaba moi axitado. Entón, o temporal parou e todo quedou en calma. 25 El preguntoulles: “Onde está a vosa fe?”. Pero eles estaban moi asustados e admirados, e dicíanse uns ós outros: “Quen é en realidade este home? Porque incluso lles dá ordes ó vento e á auga, e fanlle caso”.
26 E chegaron á costa da rexión dos xerasenos, que está en fronte de Galilea, na outra beira do mar. 27 En canto Xesús baixou da barca, un home da cidade que estaba posuído por un demo foi onda el. Había bastante tempo que ese home non levaba roupa nin vivía nunha casa, senón que vivía onde estaban as tumbas*. 28 Cando viu a Xesús, deu un berro, botouse ó chan diante del e díxolle con voz forte: “Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Deus Altísimo? Suplícoche que non me castigues*”. 29 (Porque Xesús estivéralle mandando ó demo que saíse do home. O demo apoderárase do home en moitas ocasións* e, aínda que lle ataban unha e outra vez os pés e as mans con cadeas e o tiñan vixiado, el sempre as rompía e o demo facía que o home fose a lugares apartados.) 30 Xesús preguntoulle: “Como te chamas?”. E el díxolle “Lexión”, porque se meteran nel moitos demos. 31 E eles suplicábanlle que non os mandase ó abismo*. 32 Resulta que había moitos porcos comendo alí na montaña, e os demos suplicáronlle que lles deixase entrar nos porcos. Entón, el deulles permiso. 33 Así que os demos saíron do home e metéronse nos porcos. Os porcos botáronse ó lago polo acantilado* abaixo e afogaron. 34 Cando os que coidaban os porcos viron o que pasara, saíron correndo e puxéronse a contar a noticia na cidade e no campo.
35 Entón, a xente saíu para ver o que pasara. Ó chegar onde estaba Xesús, asustáronse moito porque viron que o home que estivera posuído polos demos estaba vestido e sentado ós pés de Xesús, e que recuperara o xuízo. 36 Os que viran o que pasara explicáronlle á xente como Xesús curara aquel home. 37 Entón, moitas persoas da rexión dos xerasenos pedíronlle a Xesús que marchase de alí, porque tiñan moitísimo medo. Así que el subiu á barca para marchar. 38 O home que estivera posuído polos demos suplicáballe que lle deixase ir con el, pero Xesús pediulle que marchase e díxolle: 39 “Vai para a túa casa e cóntalles a todos o que Deus fixo por ti”. Así que o home marchou e foi anunciando por toda a cidade o que Xesús fixera por el.
40 Cando Xesús volveu á rexión de Galilea, a multitude recibiuno moi ben, porque todos o estaban esperando. 41 Entón, veu un home que se chamaba Xairo, que era presidente da sinagoga. Botouse ó chan diante de Xesús e púxose a suplicarlle que fose ata a súa casa, 42 porque a súa única filla*, que tiña uns 12 anos, estaba morrendo.
Mentres Xesús ía de camiño, as multitudes ían tan pegadiñas a el que case o esmagaban. 43 Había unha muller que levaba 12 anos con hemorraxias e non encontrara ninguén que puidese curala. 44 Ela acercouse a Xesús por detrás e tocoulle a beira do manto, e inmediatamente a hemorraxia parou. 45 Entón Xesús preguntou: “Quen me tocou?”. Mentres todos dicían que eles non foran, Pedro díxolle: “Mestre, estás rodeado de xente que está pegadiña a ti”. 46 Pero Xesús contestou: “Alguén me tocou, porque sei que saíu poder de min”. 47 Ó ver que non pasara desapercibida, a muller acercouse a Xesús tremendo co medo, botouse ó chan diante del e contou diante de todos por que o tocara e como quedara curada xusto nese momento. 48 Pero el díxolle: “Filliña, a túa fe curoute. Vaite en paz”.
49 Mentres aínda estaba falando, chegou un representante do presidente da sinagoga e díxolle: “A túa filla morreu. Non molestes máis o Mestre”. 50 Ó oír isto, Xesús díxolle a Xairo: “Non te preocupes*. Só ten fe e ela salvarase”. 51 Cando chegou á casa, non deixou que ninguén entrase con el, só Pedro, Xoán, Santiago e o pai e a nai da nena. 52 Toda a xente estaba chorando e dándose golpes no peito porque estaban moi tristes pola morte da nena. Por iso Xesús dixo: “Non choredes máis, porque non morreu, está durmindo”. 53 Ó escoitar isto, empezaron a rirse e a burlarse del con desprezo, porque sabían que a nena estaba morta. 54 Pero el colleuna da man e díxolle: “Neniña, levántate!”. 55 Entón a nena volveu á vida* e levantouse inmediatamente. Despois Xesús mandou que lle desen algo de comer á rapaza. 56 Os seus pais estaban tan contentos que non podían crelo, pero Xesús mandoulles que non lle contasen a ninguén o que pasara.