Feitos dos Apóstolos
24 Cinco días despois, o sumo sacerdote Ananías baixou con algúns anciáns e cun avogado que se chamaba Tértulo, e presentaron diante do gobernador o seu caso contra Paulo. 2 Cando o chamaron, Tértulo empezou a súa acusación dicindo:
“Sabemos que grazas a ti desfrutamos de moita paz e que se están facendo reformas nesta nación grazas á túa planificación. 3 E recoñecemos estas cousas con inmensa gratitude en todo momento e en todo lugar, excelentísimo Félix. 4 Pero para non quitarche demasiado tempo, suplícoche que nos escoites brevemente con esa amabilidade que é propia de ti. 5 Descubrimos que este home é coma a peste*. Anda promovendo rebelións entre tódolos xudeus por toda a terra* e é un líder da seita dos nazarenos*. 6 Tamén intentou profanar o templo, e por iso o arrestamos. 7 —* 8 Cando ti mesmo o interrogues, xa te darás conta de que tódalas nosas acusacións son certas”.
9 Os xudeus tamén apoiaron esas acusacións e dixeron que todo era verdade. 10 Entón, o gobernador fíxolle un xesto coa cabeza a Paulo para que falase, e el dixo:
“Ben sei que ti es xuíz desta nación desde hai moitos anos. Por iso presento a miña defensa diante de ti de boa gana. 11 Como podes comprobar por ti mesmo, non hai máis de 12 días que subín a Xerusalén para adorar a Deus. 12 E eles non me encontraron discutindo con ninguén no templo nin revolucionando a xente nas sinagogas ou pola cidade. 13 Tampouco che poden demostrar que as acusacións que acaban de facer contra min sexan certas. 14 Pero si que recoñezo que adoro o* Deus dos meus antepasados seguindo o camiño que eles chaman seita*, porque creo en tódalas cousas que están escritas na Lei e en todo o que escribiron os Profetas. 15 Igual que estes homes, confío* en Deus e teño esperanza de que vai haber unha resurrección tanto de xustos coma de inxustos. 16 Por iso sempre me esforzo por seguir tendo a conciencia limpa* diante de Deus e dos homes. 17 Despois de moitos anos, fun a Xerusalén a levar donativos* para axudar á miña nación e a facer ofrendas. 18 Cando me encontraron no templo eu estaba limpo cerimonialmente* facendo estas cousas. Ademais, non estaba con moita xente nin andaba causando problemas. Pero alí había uns xudeus da provincia de Asia. 19 Eles son os que deberían estar aquí presentes diante de ti para acusarme, se é que teñen algo contra min. 20 Ou se non, que os homes que están aquí digan de que delito me consideraron culpable cando estiven diante do Sanedrín. 21 Só me poden acusar dunha cousa: de que mentres estaba alí de pé no medio deles dixen ben alto ‘Hoxe estáseme xulgando porque creo na resurrección dos mortos!’”.
22 Pero Félix, que coñecía bastante ben todo o que tiña que ver con este Camiño*, pospuxo o caso e díxolles a todos: “Cando baixe o comandante militar Lisias tomarei unha decisión sobre o voso caso”. 23 Entón, mandoulle ó oficial do exército que o deixase preso pero que lle dese certa liberdade e que lle permitise á súa xente atendelo.
24 Uns días despois chegou Félix coa súa muller Drusila, que era xudía. El mandou que fosen buscar a Paulo, e Paulo explicoulle o que tiñan que facer as persoas para crer en Cristo Xesús. 25 Pero cando Paulo se puxo a falar da xustiza, do autocontrol e do xuízo que vai vir, Félix asustouse e díxolle: “De momento vaite. Cando poida, volvereite chamar”. 26 Ademais, esperaba que Paulo lle dese cartos, e por iso o mandaba chamar cada vez con máis frecuencia e falaba con el. 27 Dous anos despois, Porcio Festo pasou a ocupar o posto de Félix como gobernador, pero Paulo aínda seguía preso porque Félix quería quedar ben cos xudeus.