As boas noticias segundo Lucas
22 Xa faltaba pouco para a Festa dos Pans Sen Fermento*, coñecida como a Pascua. 2 Os sacerdotes principais e os escribas querían desfacerse de Xesús, pero buscaban a mellor maneira de facelo porque lle tiñan medo ó pobo. 3 Entón Satanás entrou en Xudas, o que se chamaba Iscariote, que era un dos Doce. 4 Xudas foi falar cos sacerdotes principais e cos capitáns da garda do templo sobre como traizoar a Xesús e entregárllelo. 5 Eles alegráronse moito e acordaron darlle cartos*. 6 A el pareceulle ben, e empezou a buscar unha boa oportunidade para traizoar a Xesús cando non houbese unha multitude con el.
7 Entón chegou o día da Festa dos Pans Sen Fermento no que hai que ofrecer o sacrificio da Pascua. 8 Así que Xesús mandou a Pedro e a Xoán con estas instrucións: “Ide e preparade a cea da Pascua para que a comamos”. 9 Eles preguntáronlle: “Onde queres que a preparemos?”. 10 E el díxolles: “Cando entredes na cidade, irá onda vós un home cun recipiente de barro* para levar auga. Seguídeo e entrade na casa na que entre. 11 Despois dicídelle ó dono da casa: ‘O Mestre diche: “Onde está o cuarto de invitados para que coma a Pascua cos meus discípulos?”’. 12 E ese home ensinaravos na parte de arriba un cuarto grande e amoblado. Preparade a Pascua alí”. 13 Entón os dous discípulos marcharon e encontraron todo tal como el lles dixera. E prepararon todo para a Pascua.
14 Cando chegou a hora, Xesús sentouse* á mesa cos apóstolos. 15 E díxolles: “Cantas ganas tiña de comer con vós esta Pascua, antes de que empece o meu sufrimento! 16 Porque vos digo que xa non a volverei a comer ata que todo o relacionado con ela se cumpra no Reino de Deus”. 17 Despois de que lle desen unha copa, deu grazas a Deus e díxolles: “Collédea e pasádea entre vós, 18 porque vos digo que a partir de agora non volverei a beber do produto da vide ata que veña o Reino de Deus”.
19 Despois colleu un pan, deulle grazas a Deus, partiuno, déullelo ós seus discípulos e díxolles: “Isto representa o meu corpo, que será entregado para o voso beneficio. Seguide facendo isto en memoria de min”. 20 Despois de cear, tamén fixo o mesmo coa copa. Díxolles: “Esta copa representa o novo pacto, que chegará a ser válido grazas ó meu sangue que se vai derramar para o voso beneficio.
21 ”Pero, mirade! O que me vai traizoar* está comigo na mesa. 22 De feito, o Fillo do Home segue o seu camiño tal como se profetizou. Pero pobre do que o vai traizoar!”. 23 Entón os apóstolos empezaron a discutir uns cos outros sobre quen deles ía facer tal cousa.
24 Despois, tamén tiveron unha discusión moi forte entre eles sobre quen era o maior. 25 Pero el díxolles: “Os reis das nacións dominan o pobo, e ós que teñen autoridade sobre a xente chámaselles benfeitores*. 26 Pero vós non debedes ser así. Máis ben, o maior entre vós ten que ser coma o máis novo, e o que dirixe, coma o que serve. 27 Porque, quen é maior? O que come* ou o que serve? Non é o que come? Pero eu estou no medio de vós coma o que serve.
28 ”Vós fostes os que estivestes ó meu lado durante as miñas probas. 29 E eu fago un pacto con vós para un reino, igual que meu Pai fixo un pacto comigo, 30 para que comades e bebades á miña mesa no meu Reino e vos sentedes en tronos para xulgar as 12 tribos de Israel.
31 ”Simón, Simón, Satanás pediu sacudirvos coma se fósedes trigo. 32 Pero eu supliquei que a túa fe non se debilite. E ti, cando volvas, fortalece os teus irmáns”. 33 Entón el díxolle: “Señor, estou listo para ir ó cárcere contigo e incluso para morrer contigo”. 34 Pero Xesús respondeulle: “Pedro, dígoche que hoxe non cantará o galo ata que negues tres veces que me coñeces”.
35 Tamén lles dixo: “Cando vos mandei sen unha bolsiña para os cartos nin unha bolsa con comida nin outro par de sandalias, faltouvos algo?”. E eles contestaron: “Non!”. 36 Entón díxolles: “Pero agora, o que teña unha bolsiña para os cartos ou unha bolsa con comida, que as leve. E o que non teña espada, que venda o seu manto e compre unha. 37 Porque vos digo que ten que cumprirse en min o que está escrito: ‘Considerárono un delincuente*’. De feito, isto estase cumprindo en min”. 38 Entón eles dixéronlle: “Señor, mira! Aquí hai dúas espadas”. E el respondeulles: “Con iso chega”.
39 Ó marchar, Xesús foi para o Monte das Oliveiras, como tiña por costume, e os discípulos seguírono. 40 Cando chegaron, díxolles: “Non deixedes de orar para que non caiades na tentación”. 41 Entón el apartouse deles un pouco*, púxose de xeonllos e empezou a orar 42 dicindo: “Pai, se queres, quítame esta copa*. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa”. 43 Entón, aparecéuselle un anxo do ceo e fortaleceuno. 44 Aínda así, Xesús estaba tan angustiado que seguiu orando incluso con máis intensidade, e a súa suor volveuse coma gotas de sangue que caían ó chan. 45 Despois de orar, levantouse, foi onde estaban os discípulos e encontrounos durmidos, porque estaban moi cansados pola tristeza que sentían. 46 E díxolles: “Por que estades durmindo? Levantádevos e non deixedes de orar, para que non caiades na tentación”.
47 Mentres el aínda estaba falando, apareceu unha multitude. Un dos Doce, o que se chamaba Xudas, ía diante de todos e acercouse a Xesús para darlle un bico. 48 Pero Xesús díxolle: “Xudas, traizoas o Fillo do Home cun bico?”. 49 Cando os que estaban arredor de Xesús viron o que estaba a punto de pasar, preguntáronlle: “Señor, atacamos coa espada?”. 50 E un deles atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle a orella dereita. 51 Pero Xesús dixo: “Xa basta”. E tocoulle a orella ó escravo e curouno. 52 Entón Xesús díxolles ós sacerdotes principais, ós capitáns da garda do templo e ós anciáns que foran alí a buscalo: “Seica son un ladrón para que veñades con espadas e paus? 53 Estiven a diario con vós no templo e non me arrestastes. Pero esta é a vosa hora e a hora na que goberna a escuridade”.
54 Despois arrestárono e levárono á casa do sumo sacerdote. E Pedro seguíaos a certa distancia. 55 Algúns fixeron un lume no medio do patio e sentáronse xuntos, e Pedro sentouse con eles. 56 Entón unha criada que o viu sentado diante do lume mirouno fixamente e dixo: “Este home tamén andaba con el”. 57 Pero Pedro negouno e dixo: “Eu non o coñezo”. 58 Pouco despois, un home viuno e díxolle: “Ti tamén es un deles”. Pero Pedro contestoulle: “Non, home, non”. 59 Máis ou menos unha hora máis tarde, outro empezou a insistir: “Está claro que este home tamén andaba con el, porque é evidente que é galileo!”. 60 Pero Pedro díxolle: “Non sei de que me falas”. E xusto nese momento, mentres aínda estaba falando, cantou un galo. 61 Entón, o Señor xirouse, mirou a Pedro fixamente e Pedro acordouse do que lle dixera o Señor: “Hoxe, antes de que cante un galo, negarás tres veces que me coñeces”. 62 E saíu para fóra e botouse a chorar desconsoladamente.
63 Os homes que se encargaban de vixiar a Xesús empezaron a burlarse del e a pegarlle. 64 Despois, tapáronlle a cara e empezaron a dicirlle: “Se es un profeta, dinos quen che pegou”. 65 E tamén dicían moitas máis blasfemias contra el.
66 Cando se fixo de día, reuniuse a asemblea dos anciáns do pobo, tanto os sacerdotes principais coma os escribas. Eles levaron a Xesús á sala do Sanedrín e dixéronlle: 67 “Dinos se es o Cristo”. E el respondeulles: “Aínda que volo dixese, nunca me iades crer. 68 Ademais, se eu vos preguntase algo, vós non me dariades unha resposta. 69 Pero de aquí en diante, o Fillo do Home estará sentado á dereita do Deus poderoso”. 70 E todos lle preguntaron: “Entón, es ti o Fillo de Deus?”. El contestoulles: “Si, vós mesmos estades dicindo que o son”. 71 E eles dixeron: “Para que necesitamos máis testemuñas? Nós mesmos llo escoitamos dicir”.