Carta ós Romanos
1 De parte de Paulo, escravo de Cristo Xesús. Fun chamado para ser apóstolo e fun escollido para anunciar as boas noticias de Deus, 2 que el xa prometera mediante os seus profetas nas santas Escrituras. 3 Estas boas noticias falan do seu Fillo, que veu da descendencia de David como ser humano* 4 pero foi declarado Fillo de Deus con poder mediante o espírito santo* ó ser resucitado de entre os mortos. Este Fillo é Xesucristo, o noso Señor. 5 Por medio del recibín bondade inmerecida e fun escollido como apóstolo, para que persoas de tódalas nacións poidan obedecer motivadas pola fe para darlle gloria ó seu nome. 6 De entre esas nacións, vós tamén fostes chamados para facervos seguidores de Xesucristo e pertencerlle a el. 7 A tódolos que Deus quere moito que están en Roma e que foron chamados para ser santos*:
Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesucristo.
8 Antes de nada, doulle grazas ó meu Deus por todos vós mediante Xesucristo, porque por todo o mundo se fala da vosa fe. 9 Porque Deus, a quen lle dou servizo sagrado de todo corazón* anunciando as boas noticias sobre o seu Fillo, pode testificar que sempre vos menciono nas miñas oracións 10 e que lle suplico que por fin consiga visitarvos agora, se é posible e se é a vontade de Deus. 11 Porque teño moitas ganas de vervos para transmitirvos algún don espiritual para fortalecervos 12 ou, mellor dito, para animarnos uns ós outros mediante a nosa fe, tanto a vosa como a miña.
13 Pero quero que saibades, irmáns, que me propuxen moitas veces ir a vervos (aínda que ata agora se me impediu facelo) para ver os bos resultados da nosa predicación aí*, igual que nas outras nacións. 14 Estou en débeda cos gregos e cos que non o son*, cos sabios e cos insensatos. 15 Así que teño moitas ganas de anunciarvos as boas noticias tamén ós que estades en Roma. 16 Porque non me avergonzo das boas noticias. En realidade, son a maneira que ten Deus de demostrar o seu poder para salvar a tódolos que teñen fe, primeiro ós xudeus e tamén ós gregos. 17 Por medio das boas noticias revélaselles a xustiza de Deus ós que demostran que teñen fe, e iso fortalece a súa fe, tal e como está escrito: “O xusto vivirá pola súa fe”.
18 De feito, a ira de Deus estase dando a coñecer desde o ceo contra toda irreverencia e inxustiza dos homes que impiden de maneira inxusta o progreso da verdade. 19 Porque eles teñen claramente á vista o que se pode saber sobre Deus, pois Deus mostróullelo con claridade. 20 De feito, as cualidades invisibles de Deus (o seu poder eterno e divindade*) vense claramente desde a creación do mundo, porque se perciben polas cousas creadas, así que eles non teñen escusa. 21 Aínda que coñecían a Deus, non lle deron a gloria que merece nin lle deron grazas, senón que os seus razoamentos volvéronse inútiles e o seu corazón insensato volveuse escuro. 22 Aínda que afirmaban ser sabios, volvéronse parvos, 23 e en vez de darlle gloria ó Deus que non pode morrer*, danlle gloria a imaxes de homes que si que morren*, e tamén a imaxes de aves, de animais de catro patas e de réptiles.
24 Por iso, como querían seguir os desexos dos seus corazóns, Deus deixou que seguisen na impureza* para que deshonrasen os seus propios corpos. 25 Eles cambiaron a verdade de Deus pola mentira, e adoraron e déronlle servizo sagrado á creación en vez de ó Creador, a quen se lle debe dar honra para sempre. Amén. 26 Por iso, Deus deixou que caesen en paixóns sexuais vergonzosas, porque as mulleres cambiaron as relacións sexuais naturais por outras que son antinaturais. 27 Da mesma maneira, os homes deixaron as relacións sexuais naturais coas mulleres e arderon de paixón uns polos outros, homes con homes, e fixeron o que é obsceno, pero eles mesmos recibiron o castigo completo* que merecían polo seu erro.
28 Como non quixeron recoñecer a Deus*, Deus deixou que seguisen tendo unha mentalidade desaprobada para que fixesen cousas que non se deben facer. 29 Estaban cheos de toda clase de inxustiza, perversidade, cobiza* e maldade. Estaban cheos de envexa, asasinato, pelexas, engano e malicia. Andaban contando chismes 30 e eran calumniadores. Odiaban a Deus, eran insolentes, arrogantes e fanfarróns*. Planeaban facer cousas malas*, desobedecían os pais, 31 eran insensatos*, non cumprían os acordos, non tiñan cariño natural e eran crueis. 32 Aínda que eles coñecen moi ben o xusto decreto de Deus (é dicir, que os que practican esas cousas merecen a morte), non só seguen facendo esas cousas, senón que tamén lles aplauden ós que as practican.