Carta ós Romanos
13 Que todos obedezan as* autoridades superiores, porque non hai ningunha autoridade que non veña de Deus. As autoridades que existen foron colocadas por Deus nas súas posicións relativas*. 2 Así que o que se opón á autoridade ponse en contra da orde que estableceu Deus, e os que se poñen en contra desa orde recibirán a súa condena. 3 Os que fan cousas boas non lles teñen medo ós que gobernan, pero os que fan cousas malas si. Queres vivir sen terlle medo á autoridade? Entón, sigue facendo o ben e recibirás as súas louvanzas, 4 porque as autoridades están ó servizo* de Deus para o teu ben. Pero se estás facendo cousas malas, ten medo, porque a autoridade non leva a espada sen motivo. Está ó servizo* de Deus para executar vinganza e castigar a* quen fai cousas malas.
5 Así que hai boas razóns para que obedezades, non só para evitar o castigo*, senón tamén para que manteñades unha boa conciencia. 6 Por iso vós tamén pagades impostos, porque os que gobernan son servos públicos de Deus que cumpren constantemente coas súas funcións. 7 Dádelles a todos o que lles corresponde: ó que pide imposto, o imposto, ó que pide tributo, o tributo, ó que pide temor, ese temor, e ó que pide honra, esa honra.
8 Non lle debades nada a ninguén excepto amarvos uns ós outros, porque quen ama os demais cumpriu a lei. 9 Porque os mandamentos “non cometas adulterio, non asasines, non roubes, non cobices*”, e calquera outro mandamento que haxa, resúmense nestas palabras: “Ama os demais* como te amas a ti mesmo”. 10 O amor non lles fai nada malo ós demais. Polo tanto, o amor é o cumprimento da lei.
11 Facede isto, porque sabedes en que tempo estamos vivindo. Sabedes que xa é hora de que despertedes, porque agora a nosa salvación está máis cerca que cando nos fixemos crentes. 12 A noite xa case acabou*, o día está cerca. Así que deixemos de facer as cousas que pertencen á escuridade e vistámonos coas armas da luz. 13 Portémonos* de forma decente, coma se fose de día, sen festas descontroladas nin borracheiras, sen relacións sexuais inmorais nin conduta descarada*, sen pelexas nin celos. 14 En vez diso, seguide con coidado o exemplo* do Señor Xesucristo e non esteades facendo plans para satisfacer os desexos da carne*.