Carta ós Hebreos
5 Calquera home escollido como sumo sacerdote é nomeado para actuar a favor das persoas nas cousas relacionadas con Deus, e así facer ofrendas e sacrificios polos pecados. 2 O sumo sacerdote pode tratar con compaixón* ós que cometen erros* por ignorancia, porque el tamén loita contra as* súas propias debilidades, 3 e por iso ten que facer ofrendas polos seus propios pecados, igual que fai polos pecados do pobo.
4 Ningún home pode escollerse a si mesmo para este honor. Só o recibe se Deus o escolle, igual que fixo con Aarón. 5 Da mesma maneira, o Cristo non se glorificou a si mesmo escolléndose como sumo sacerdote, senón que foi Deus quen o glorificou dicíndolle: “Ti es o meu fillo, e eu hoxe cheguei a ser o teu pai”. 6 E noutra parte das Escrituras tamén di: “Ti es sacerdote para sempre, da mesma maneira que Melquisedec*”.
7 Durante a súa vida na terra*, Cristo fíxolle súplicas e peticións con fortes berros e lágrimas a aquel que podía salvalo da morte, e foi escoitado porque temía a Deus*. 8 Aínda que el era o seu fillo, aprendeu o que é a obediencia polas cousas que sufriu. 9 E despois de ser perfeccionado, chegou a ser o medio polo que tódolos que o obedecen poden conseguir a salvación eterna. 10 Porque Deus escolleuno como sumo sacerdote, da mesma maneira que Melquisedec.
11 Temos moitas cousas que dicir sobre el, pero son difíciles de explicar porque vós non vos esforzades por entender*. 12 Aínda que a estas alturas* xa deberiades ser mestres, volvedes a necesitar que alguén vos ensine desde o principio as cousas básicas da mensaxe sagrada de Deus. Volvedes a necesitar leite en vez de alimento sólido. 13 E calquera que segue alimentándose de leite non coñece a palabra de Deus*, porque é coma un neno pequeno. 14 Pero o alimento sólido é para persoas espiritualmente maduras que coa práctica aprenderon a usar* a súa capacidade de pensar* para distinguir o que está ben do que está mal.