Feitos dos Apóstolos
16 Entón Paulo chegou a Derbe e despois a Listra. Alí había un discípulo que se chamaba Timoteo. Súa nai era unha muller xudía crente, pero seu pai era grego. 2 Os irmáns de Listra e de Iconio falaban moi ben de Timoteo. 3 Paulo dixo que lle gustaría que Timoteo o acompañase. Así que o levou con el e circuncidouno, porque tódolos xudeus daquela rexión sabían que seu pai era grego. 4 Paulo e os que ían con el viaxaban dunha cidade a outra, e transmitíanlles ós irmáns as decisións que tomaran os apóstolos e os anciáns que estaban en Xerusalén para que as obedecesen. 5 Como resultado, as congregacións seguiron medrando cada vez máis e a súa fe foise facendo máis forte.
6 Tamén pasaron por Frixia e pola rexión de Galacia, porque o espírito santo prohibíralles predicar a mensaxe na provincia de Asia. 7 E cando baixaron a Misia, intentaron entrar en Bitinia, pero o espírito de Xesús* non lles deixou. 8 Así que atravesaron Misia e baixaron a Troas. 9 De noite, Paulo tivo unha visión. Nela viu un home de Macedonia* diante del que lle suplicaba: “Ven a Macedonia e axúdanos”. 10 Xusto despois de que el tivese esa visión, intentamos ir a Macedonia porque chegamos á conclusión de que Deus nos estaba dicindo que fósemos alí para anunciar as boas noticias.
11 Así que embarcamos en Troas e fomos directamente a Samotracia. Ó día seguinte, saímos para Neápolis 12 e de alí fomos a Filipos, unha colonia romana que é a cidade principal do distrito de Macedonia. E quedamos alí algúns días. 13 O sábado saímos da cidade e fomos á beira dun río, porque escoitamos que había un sitio no que a xente se reunía para orar. Entón sentámonos e empezamos a falar coas mulleres que se xuntaran alí. 14 Lidia, unha muller da cidade de Tiatira que vendía púrpura* e que adoraba a Deus, estaba escoitando. E Xehová* abriulle o corazón por completo para que estivese atenta ó que Paulo estaba dicindo. 15 Cando ela e os da súa casa se bautizaron, insistiunos: “Se pensades que son fiel a Xehová*, vinde e quedade na miña casa”. E non nos quedou máis remedio que aceptar.
16 Un día, cando iamos ó lugar de oración, encontrámonos cunha criada noviña que estaba posuída por un demo que lle permitía adiviñar o futuro e que lles facía ganar moitos cartos ós seus amos predicindo o futuro. 17 A rapaza empezou a seguirnos a Paulo e a nós, e berraba: “Estes homes son escravos do Deus Altísimo! Estanvos anunciando o camiño da salvación!”. 18 E seguiu facendo isto durante moitos días. Ó final, Paulo cansouse, xirouse e díxolle ó espírito: “No nome de Xesucristo, mándoche que saias dela”. E nese momento, o demo saíu.
19 Pero cando os seus amos viron que xa non ían seguir ganando cartos grazas a ela, colleron a Paulo e a Silas e leváronos a rastro ata a praza do mercado, diante dos gobernantes. 20 Presentáronos diante dos maxistrados* civís e dixeron: “Estes homes están revolucionando moitísimo a cidade. Son xudeus 21 e están ensinando costumes que non se nos permite seguir nin practicar, porque nós somos romanos”. 22 Entón a xente botouse enriba deles. Os maxistrados civís racháronlles a roupa e mandaron que lles pegasen con varas. 23 Despois de darlles unha boa malleira, metéronos na prisión e mandáronlle ó garda que os tivese moi ben vixiados. 24 Como lle deron esa orde, el meteunos no calabozo interior e púxolles os pés no cepo*.
25 Arredor da medianoite, Paulo e Silas estaban orando e cantándolle cancións a Deus para louvalo, e os demais presos escoitábanos. 26 De repente, houbo un terremoto tan grande que sacudiu os cimentos do cárcere. Nese momento, abríronse tódalas portas e soltáronse as cadeas de tódolos presos. 27 Cando o garda despertou, viu que as portas estaban abertas. Como pensaba que os presos escaparan, sacou a súa espada e, cando estaba a punto de matarse, 28 Paulo berrou moi forte: “Non o fagas! Estamos todos aquí!”. 29 Entón o garda pediu algo de luz, entrou correndo e botouse ó chan ós pés de Paulo e Silas, tremendo co medo. 30 Despois levounos para fóra e preguntoulles: “Señores, que teño que facer para salvarme?”. 31 Eles respondéronlle: “Cre no Señor Xesús, e Deus salvarate a ti e os da túa casa”. 32 Entón predicáronlle a palabra de Xehová* a el e a tódolos da súa casa. 33 Aquela mesma noite, o garda levounos con el e lavoulles as feridas. E el e tódolos da súa casa bautizáronse enseguida. 34 Despois fíxoos entrar na súa casa e preparoulles algo de comer. E alegrouse moitísimo con tódolos da súa casa porque agora cría en Deus.
35 Cando se fixo de día, os maxistrados civís enviaron uns oficiais para que lle dixesen ó garda da prisión: “Solta eses homes”. 36 Entón o garda contoullo a Paulo e díxolle: “Os maxistrados civís enviaron uns homes para que vós os dous quededes libres. Así que saíde e marchade en paz”. 37 Pero Paulo dixo: “Aínda que somos romanos, déronnos golpes publicamente sen facernos un xuízo* e metéronnos na prisión. E agora bótannos ás escondidas? Pois non! Que veñan eles mesmos a sacarnos”. 38 Entón os oficiais contáronlles ós maxistrados civís o que el dixera. Cando eles souberon que eran romanos, entroulles o medo. 39 Así que foron a desculparse con eles e, despois de sacalos da prisión, pedíronlles que marchasen da cidade. 40 Pero cando quedaron libres, Paulo e Silas foron á casa de Lidia. Ó ver os irmáns, animáronos e despois marcharon.