Primeira Carta ós Corintios
2 Irmáns, cando fun onda vós para anunciarvos o segredo sagrado de Deus, non usei palabras elevadas nin fixen grandes demostracións de sabedoría. 2 Porque decidín centrarme só en Xesucristo, e nel executado no madeiro. 3 Fun onda vós sentíndome débil* e tremendo co medo. 4 E cando vos falei e vos prediquei a mensaxe, non usei as palabras persuasivas dos sabios. Máis ben, as miñas palabras demostraron o poder do espírito de Deus, 5 para que tivésedes fe no poder de Deus e non na sabedoría dos homes.
6 Agora ben, nós falamos de sabedoría entre os que son maduros en sentido espiritual, pero non da sabedoría deste sistema* nin da sabedoría dos gobernantes deste sistema, que van desaparecer. 7 Falamos da sabedoría de Deus que está escondida nun segredo sagrado, a sabedoría que Deus estableceu para a nosa gloria antes de que este mundo malvado chegase a existir*. 8 Esta é a sabedoría que non chegou a coñecer ningún dos gobernantes deste sistema*, porque se a chegasen a coñecer, non executarían* o noso glorioso Señor. 9 Pero é tal como está escrito: “O ollo non viu, o oído non escoitou e o corazón do home non puido imaxinar as cousas que Deus preparou para os que o aman”. 10 Pero Deus revelounos estas cousas a nós por medio do seu espírito, porque o espírito analiza tódalas cousas, incluso as cousas profundas de Deus.
11 Pode alguén saber o que pensa outra persoa? Está claro que non. Iso é algo que só sabe o corazón* desa persoa. Da mesma forma, ninguén sabe o que pensa Deus se non é por medio do espírito de Deus. 12 Nós non recibimos o espírito do mundo, senón o espírito que vén de Deus, para que poidamos entender as cousas que Deus nos ensinou bondadosamente. 13 Nós tamén falamos destas cousas, pero non usamos palabras que aprendemos por medio da sabedoría humana, senón palabras que aprendemos por medio do espírito. Desta maneira, explicamos temas espirituais con palabras espirituais.
14 Pero o home físico* non acepta as cousas que se revelan por medio do espírito de Deus porque para el son absurdas, nin tampouco pode chegar a entendelas porque hai que analizalas desde un punto de vista espiritual*. 15 Por outro lado, o home espiritual analiza tódalas cousas, pero ningún home é capaz de xulgalo* a el. 16 Porque, “quen chegou a coñecer a mente de Xehová* como para poder ensinarlle?”. Pero nós si que temos a mente de Cristo.