As boas noticias segundo Mateo
3 Naqueles días, Xoán o Bautista empezou a predicar no deserto de Xudea. 2 Dicía: “Arrepentídevos, porque o Reino dos ceos xa está cerca”. 3 De feito, por medio do profeta Isaías, díxose del: “Óese a voz de alguén que berra no deserto: ‘Preparade o camiño de Xehová*! Endereitade os camiños para el!’”. 4 Xoán ía vestido con roupa feita de pelo de camelo e levaba un cinto de coiro. Comía langostas* e mel silvestre. 5 A xente de Xerusalén, de toda Xudea e de toda a rexión que había arredor do río Xordán ía a velo. 6 Eles recoñecían publicamente os seus pecados e Xoán bautizábaos* no río.
7 Cando viu que viñan moitos fariseos* e saduceos* ó sitio no que el estaba bautizando, díxolles: “Crías de víboras, quen vos avisou para que escapedes do día da ira de Deus? 8 Primeiro producide froitos que demostren* que estades arrepentidos. 9 Non vos atrevades nin sequera a pensar ‘O noso pai é Abrahán’. Porque vos digo que Deus pode sacar fillos de Abrahán incluso destas pedras. 10 A machada* xa está ó pé das árbores, así que toda árbore que non dea bo froito vai ser cortada e botada ó lume. 11 Eu bautízovos con auga polo voso arrepentimento. Pero o que vén despois de min ten máis autoridade ca min e nin sequera merezo quitarlle as sandalias. El vaivos bautizar con espírito santo e con lume. 12 Ten na man a pa* de levantar o trigo e vai limpar por completo a súa eira*. Xuntará o trigo no almacén, pero queimará a palla cun lume que non se pode apagar”.
13 Entón Xesús, que viña de Galilea, foi ó río Xordán para que Xoán o bautizase. 14 Pero Xoán intentou impedirllo dicíndolle: “Necesito que me bautices ti a min, e vés para que te bautice eu a ti?”. 15 Xesús respondeulle: “Non mo impidas, porque é así como temos que cumprir con todo o que é xusto”. Entón Xoán deixou de impedirllo. 16 En canto Xesús foi bautizado, saíu da auga. Nese momento, abríronse os ceos e el* viu que o espírito de Deus baixaba coma unha pomba e que viña sobre Xesús*. 17 E entón, escoitouse unha voz que dixo desde os ceos: “Este é o meu querido Fillo. El ten a miña aprobación”.