As boas noticias segundo Mateo
13 Ese día, Xesús saíu daquela casa e foise sentar á beira do mar. 2 Como se xuntou alí tantísima xente, subiu a unha barca e sentouse nela. Toda a multitude quedou de pé na praia 3 e el empezou a ensinarlles moitas cousas usando comparacións. Díxolles: “Un sementador saíu a botar a semente. 4 Mentres o facía, algunhas das sementes caeron á beira do camiño, e viñeron os paxaros e coméronas. 5 Outras caeron nun terreo con pouca terra, porque había moita pedra debaixo, e naceron rápido porque a terra non tiña profundidade. 6 Pero cando saíu o sol, as plantas queimáronse e secaron porque non tiñan raíces profundas. 7 Outras caeron entre os espiños, pero os espiños medraron e afogáronas. 8 E outras caeron en terra boa e empezaron a dar froito. Unhas deron 100 veces máis do que se sementara, outras 60 e outras 30. 9 Quen teña oídos, que escoite con atención”.
10 Así que os discípulos acercáronse e preguntáronlle: “Por que lles falas usando comparacións?”. 11 El respondeulles: “A vós permitíusevos entender os segredos sagrados do Reino dos ceos, pero a eles non. 12 Porque ó que ten, daráselle máis e terá de sobra. Pero ó que non ten, incluso se lle quitará o pouco que ten. 13 Por iso lles falo usando comparacións, porque aínda que ven, é coma se non visen, e aínda que oen, é coma se non oísen, nin tampouco entenden nada. 14 Neles cúmprese a profecía de Isaías que di: ‘“Vós oiredes pero nunca comprenderedes. Miraredes pero nunca entenderedes”. 15 Porque o corazón deste pobo volveuse duro*. Eles oen pero non reaccionan. Taparon os ollos e os oídos, e non ven nin oen nada. Por iso non entenden co corazón o que se lles pide nin se volven a min* nin eu os curo’.
16 ”Pero felices son os vosos ollos porque ven e os vosos oídos porque oen. 17 Asegúrovos que moitos profetas e outras persoas xustas quixeron ver as cousas que vós estades vendo, pero non as viron, e quixeron oír as cousas que vós estades oíndo, pero non as oíron.
18 ”Así que escoitade o que significa o exemplo do sementador. 19 Cando alguén escoita a palabra* do Reino pero non a entende, vén o Maligno e arranca o que se sementou no seu corazón. Este é o caso da semente que caeu á beira do camiño. 20 Despois está a semente que caeu no terreo con moita pedra debaixo. Este é o caso da persoa que escoita a palabra e rapidamente a acepta con alegría. 21 Pero como non ten raíces profundas, só aguanta por un tempo. Cando veñen as dificultades ou a persecución por obedecer a palabra, enseguida abandona*. 22 Por outro lado, está a semente que caeu entre os espiños. Este é o caso da persoa que escoita a palabra pero as preocupacións deste mundo* e a falsa seguridade que dan as riquezas afogan a palabra, e por iso a palabra non dá froito. 23 E, por último, está a semente que caeu na terra boa. Este é o caso da persoa que escoita a palabra, entende o seu significado e si que dá froito. Algunhas destas persoas dan 100 veces máis do que se sementou, outras 60 e outras 30”.
24 Entón púxolles outra comparación: “O Reino dos ceos pode compararse a un home que botou semente boa no seu campo. 25 Pero mentres todos durmían, veu o seu inimigo, sementou mala herba entre o trigo e marchou. 26 Cando medrou o trigo e apareceron as espigas, tamén apareceu a mala herba. 27 Así que os escravos foron onda o dono da casa e preguntáronlle: ‘Señor, pero non botaches semente boa no teu campo? Entón, por que hai mala herba?’. 28 El contestoulles: ‘Isto fíxoo un inimigo meu’. E os escravos preguntáronlle: ‘Queres que vaiamos arrancala?’. 29 El díxolles: ‘Non, non vaia ser que ó arrancar a mala herba tamén arranquedes o trigo. 30 Deixade que medren xuntos ata a temporada da colleita. Entón direilles ós traballadores que arranquen primeiro a mala herba e que a xunten en feixes para queimala, e despois que recollan o trigo e o garden no meu almacén’”.
31 Púxolles outra comparación: “O Reino dos ceos é coma un gran de mostaza que un home plantou no seu campo. 32 É certo que esta semente é a máis pequena de todas, pero cando medra chega a ser a planta máis grande da horta e convértese nunha árbore. E os paxaros veñen para refuxiarse entre as súas pólas”.
33 Tamén lles puxo outra comparación: “O Reino dos ceos é coma o fermento que unha muller botou nunha gran cantidade* de fariña. Ó final, fermentou toda a masa”.
34 Xesús díxolles todas estas cousas ás multitudes usando comparacións. De feito, nunca lles falaba sen utilizar algunha comparación. 35 Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta: “Abrirei a miña boca usando comparacións. Anunciarei cousas que estaban escondidas desde o principio*”.
36 Despois de despedir as multitudes, entrou na casa. Os seus discípulos acercáronse e dixéronlle: “Explícanos o que significa a comparación da mala herba que se sementou no campo”. 37 El respondeulles: “O sementador que botou a semente boa é o Fillo do Home, 38 e o campo é o mundo. A semente boa son os fillos do Reino, pero a mala herba son os fillos do Maligno, 39 e o inimigo que a sementou é o Demo*. A colleita é a parte final dun sistema* e os traballadores* son os anxos. 40 Así que, igual que se arranca a mala herba e se queima no lume, o mesmo pasará na parte final do sistema*. 41 O Fillo do Home enviará os seus anxos e eles sacarán do Reino* tódalas cousas que levan ó pecado* e tamén as persoas que desobedecen a lei, 42 e botaranas no forno de lume. Aí é onde chorarán cheas de desesperación e de rabia*. 43 Nese tempo, os xustos brillarán no Reino do seu Pai tanto coma o sol. Quen teña oídos, que escoite con atención.
44 ”O Reino dos ceos é coma un tesouro, que estaba escondido nun campo e que un home encontrou e volveu esconder. O home púxose tan contento que foi vender todo o que tiña e comprou ese campo.
45 ”O Reino dos ceos tamén é coma un comerciante que viaxaba buscando perlas de boa calidade*. 46 Cando encontrou unha perla de moito valor, rapidamente foi vender tódalas cousas que tiña e comprouna.
47 ”O Reino dos ceos tamén é coma unha rede de arrastre que uns pescadores botaron ó mar e que recolleu peixes de todo tipo. 48 Cando se encheu, os pescadores arrastrárona ata a praia, sentáronse, puxeron os peixes bos en recipientes e tiraron os que non valían. 49 Iso é o que pasará na parte final do sistema*. Os anxos virán, separarán os malos dos xustos 50 e botarán os malos no forno de lume. Aí é onde chorarán cheos de desesperación e de rabia*”.
51 Entón Xesús preguntou: “Entendestes todas estas cousas?”. Os discípulos responderon: “Si”. 52 E el contestoulles: “Entón dígovos que todo mestre* ó que se lle ensinou acerca do Reino de Deus é coma un home que ten unha casa e que saca do seu tesouro cousas novas e cousas vellas”.
53 Cando Xesús terminou de poñer estas comparacións, marchou de alí. 54 Ó chegar á zona onde se criara, púxose a ensinar na sinagoga. A xente quedaba impresionada e dicía: “De onde sacou este home esta sabedoría e o poder para facer estes milagres? 55 Pero, non é o fillo do carpinteiro? Non se chama a súa nai María? Non son os seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? 56 E non viven tódalas súas irmás tamén aquí? Entón, quen lle deu esta sabedoría e este poder para facer milagres?”. 57 E isto converteuse nun obstáculo para que cresen nel*. Pero Xesús díxolles: “Ó profeta dáselle honra en todas partes menos na súa terra e na súa propia casa”. 58 E como non tiñan fe, non fixo moitos milagres alí.